A FAMILIA MARTINEZ BIEL. Dentistas en Xinzo.

Descoñezo datos da vida e veciñanza de Andrés Martínez, pai dos Martínez Biel, personaxes populares do Xinzo da segunda metade do século pasado. Lamentablemente xa non quedan veciños que coexistiron naquela época para lembralo.

O máis popular dos irmáns foi Fausto, un señor intelixente e bondadoso, cunha gran personalidade, delgado, con bigote e moi elegante, sempre con chapeu, aínda que do mesmo xeito que os seus irmáns con fama de extravagantes, adiantados para o seu tempo e unha forma de vivir a vida que destacaba naquel Xinzo da posguerra.

Foto: Fausto Martínez Biel, con sombreiro polifacético personaxe da vida de Xinzo.

Gran afeccionado á música, tanto clásica como moderna, á volta das súas numerosas viaxes, regaláballe a Nito os discos coas últimas novidades do panorama musical do momento. Discos que se reproducían nos bailes e sesións vermús da Pista Ideal. Era un dos veciños que máis apostaba ás quinielas do fútbol, o único xogo de apostas que había entón. Daquelas os boletos eran dobres, selábanse os boletos e ao xogador quedaba unha copia. Fausto, que tamén era un bromista, moitas veces evitaba que se reproducise a aposta na copia e, ao coñecer os resultados dos partidos, cubríaa e presumía de ter os 14 resultados do premio.

No ano 1955, cando se urbanizou o xardín na praza do peixe, dun das súas viaxes, trouxo as dúas ras metálicas polas que saía a auga do estanque, tamén doaba os peixes de cores que durante moitos anos fixeron as delicias dos veciños e que a maioría nunca viramos.

Escribía Carlos Casares nunha crónica de “A Marxe” que <<Fausto iña un título falso de marqués, expedido por un garda municipal de Reus que presumía de ser descendente dos Trastámara. Na foto do diploma, o garda parecía un mariscal>>.

Foto: Fausto Martínez Biel, odontólogo en Xinzo.

Nos os 60 residía en Xinzo, un militar retirado chamado Martín Parareda, un home maior, tamén moi elegante e refinado, que traballada no Instituto Nacional de Colonización que realizaban as obras de desaugue da lagoa. Tiveron unhas diferenzas persoais e Fausto quixo retalo a un duelo, desafío que se produciu no Bar-Restaurante Gran Taberna dos meus pais, e que relata Carlos Casares nunha das súas crónicas de “A Marxe” na Voz de Galicia.

Fausto, Roberto e Xosefina tiveron moitos anos unha clínica dental na casa na que vivían en Xinzo, exerceron como dentistas ou mecánicos dentistas, aínda que só Fausto estaba colexiado como odontólogo. No balcón principal do piso que ocupaban en Xinzo tiñan un orixinal letreiro que anunciaba: DENTISTA.

Foto: Pepita está de pé collendo as mans, Roberto é o que está abaixo a dereita cun xeonllo no chan e agarrando o brazo dunha moza.

De Roberto podemos dicir que era máis sensato e tranquilo que Fausto, o lembro sempre co sorriso nos beizos. Era o que se desprazaba en moto a traballar e atender aos veciños da zona da raia portuguesa. A Pepita lémbroa como unha persoa moi reservada e vela con frecuencia pasando o tempo asomada no balcón da súa casa.

Foto: nesta foto na que están meus pais e meu irmán Chicho, na casa do fondo no primeiro andar vivía a familia Martínez Biel. Nun dos balcóns pode verse o letreiro de DENTISTA.

Nos anos 50, adoptaron ou pro fillaron unha nena portuguesa chamada Celia, á que criaron na súa casa, era moi guapa e na súa mocidade, nos anos 60, foi elixida Miss Ginzo de Limia, eventos que se celebraban no Café Antela. Integrouse perfectamente co resto de rapaces e rapazas que de nenos xogabamos na zona do xardín. Celia “A portuguesa” como a coñeciamos familiarmente casou con Tarrio, un fotógrafo de Verín onde viviu ata o seu pasamento.

BIOGRAFÍAS:

(Datos extractados do blogue (1) do médico e historiador David Simón-Lorda)

Andrés Martínez Veiga (Nadela-Lugo 1867-Xinzo de Limia 1936).

O pai dos Martínez Biel chegara a Xinzo de Limia tras un periplo profesional como cirurxián dentista en varias localidades, en Madrid; en Lugo (1909-1919); Ponferrada (1924) e Barco de Valdeorras (1928).  Estaba en posesión do título de cirurxián dentista desde o ano 1894.

Andrés Martínez Veiga falece en Xinzo, onde residía na rúa Progreso nº 37, uns meses antes do estalido do golpe de estado militar do ano 1936. Tivo cinco fillos, Lohengrin, Parsifal,  Fausto, Roberto e Xosefina Martínez Biel, dos cales Fausto, Roberto e Xosefina (Pepita), residiron en Xinzo.

Roberto Martínez Biel adoitaba desprazarse coa súa moto a pobos da raia con Portugal para realizar intervencións dentais. Por cuestións seguramente políticas con 26 anos foi detido, entre 1937-1938, durante o golpe de estado e posterior guerra civil, sufrindo prisión en Quiroga (Lugo), en Monforte de Lemos, e no campo de concentración de Rianxo – A Coruña.

Josefina Martínez Biel, máis coñecida como Pepita, exercía na Rua de Valdeorras como «axudante e auxiliar de odontólogo». Non se sabe o motivo, seguramente por motivos políticos, pero ao comezo do golpe de estado militar de 1936 foi detida. Segundo informe da Garda Civil de Xinzo en 1949-1950  “perteneció a partidos de izquierdas”. En 1950 foi sometida a consello de guerra por “prestar asistencia sanitaria odontológica a guerrilleros y enlaces en la zona de Pobra de Brollón” na zona de Poboa de Brollón. Tamén en 1959 foi novamente detida «Por el ejercicio indebido de la profesión de Odontología».

Fausto Martínez Biel, dentista odontólogo (Lugo 1909-Xinzo de Limia 1965). Estivo colexiado no Colexio de Odontólogos de Coruña-Lugo durante 10-11 anos, exercendo en localidades como Ortigueira. Desde ou ano 1952 figura colexiado no Colexio Profesional de Odontólogos de Pontevedra-Ourense, e con residencia e actividade profesional en Xinzo de Limia.

(1). Para un maior coñecemento da familia e vicisitudes políticas, recomendo visitar o excelente e completo artigo do blogue do amigo David Simón-Lorda:

https://diariodeunmedicodeguardia.blogspot.com/2022/07/los-martinez-biel-dentistas-en-xinzo-de.html

2 comentarios en “A FAMILIA MARTINEZ BIEL. Dentistas en Xinzo.

  1. Pingback: A FAMILIA MARTINEZ BIEL. Dentistas en Xinzo. – Buscando Mas

Deja un comentario