Manuel Martínez Santana, un dos limiaos da diáspora local.

Somos unha terra de emigrantes e de expatriados, as novas tecnoloxías e as redes sociais contribúen dalgunha maneira a poñernos en contacto e comunicación con moitos deles e sobre todo aos seus descendentes, aos que os seus pais e avós lles falaban con morriña da súa terra e da familia que deixaron atrás. Estas vivencias familiares fan e fixeron que moitos dos descendentes se interesen pola terra e familia dos seus devanceiros.

Teño comprobado a través dos meus Facebook, do grupo e do meu blog, o interese de moitos por coñecer historias e imaxes desta nosa terra. As redes sociais serven tamén para poñer en contacto amigos ou familiares dos que non se tiñas noticias, tal e como ten sucedido nas miñas redes sociais. 

Nos anos 50, anos nos que inda había cartillas de racionamento para conseguir os máis imprescindibles alimentos como o pan, aceite, azucre, etc. Naqueles anos da diáspora local, en que eu era un neno, vin marchar de Xinzo, con gran dor de corazón, familias enteiras con destino a Venezuela, Brasil, Vigo, País Vasco e Cataluña. Non é ata os anos 60 cando os limiaos posteriormente comezan a súa migracións aos países europeos: Alemaña, Holanda, Suiza e Francia.

A vida en Xinzo e a Limia nos anos 50 era unha vida dura e de moita necesidade. Moitas familias con dificultades e falta de oportunidades para o estudo, a educación e o traballo deles e dos seus fillos en Xinzo, viron nas ordes relixiosas a posibilidade dunha educación e un futuro mellor para eles. Eran varias as distinta ordes relixiosas de frades e monxas, que recorrían vilas e aldeas, a procura de nenos e nenas para levar aos seus conventos. Moitos foron os nenos e nenas captados por estas ordes que recibiron uns estudos, inda que non todos quedaron definitivamente nos conventos e mosteiros.

Este é o caso do mozo de Xinzo, Manuel Martínez Santana o primoxénito de Manuel Martínez e Josefa Santana, máis coñecida por Pepita, que tivo a desgracia de quedar viúva en 1950, con dous fillos pequenos Manuel e Julio e embarazada de Rafael. O seu fillo maior, nado en 1941, Manuel que había ingresado nos frades desde moi neno, ao final da súa formación relixiosa ou se ordenaba ou cambiaba de vida, das poucas opcións que se lle presentaban a que lle resultou máis atractiva, foi a de ingresar na mariña militar, onde segundo a súa folla de servizos ingresa o 10 de Xaneiro de 1961.

Manuel, Rafa e Julio Martínez Santana

Estivo embarcado, dependía de Cádiz militarmente e seguiu coa súa carreira ascendendo e navegando en tres navíos: o cruceiro Canarias, D. Oquendo e D. José L. Diez,  ata ingresar na Escola Naval, berce dos oficiais, pero a súa vida militar vese interrompida porque contrae tuberculose e trasládano ao hospital de mariña dos Muíños, onde coñece á que logo sería a súa muller, Maruxa Da Silva (Trellerma-Toén, Ourense), que era enfermeira. No hospital permanece case tres anos.

Recupérase, pero pola súa enfermidade, danlle destino forzoso en terra, o que lle impide ascender a oficial, con todos o anos que loitou por iso. Pero tivo unha vida feliz e pasou o resto da súa vida militar na ETEA (Escola de Transmisións e Electricidade da Armada) en Vigo, desde setembro de 1968 ata o seu pase á reserva en 1996. Aínda que a súa especialidade, era a de artillería, levou como Sarxento Condestable, a imprenta e a intendencia da compra e avituallamento de toda a escola da ETEA, onde era moi apreciado por xefes e tropa de mariñeiría.

Ao longo da súa vida militar recibiu varias condecoracións:

1977.- Mención 4ª clase distintivo branco.

1981.- Cruz Constancia 1ª categoría.

1987.- 1ª mellora pensión Cruz Constancia.

1990.- Mención honorífica 30 anos de servizo, Cruz Constancia.

1998.- Cruz de San Hermenegildo.

1998.- Encomenda da Real Orde de San Hermenegildo.

1998.- Placa da Real Orde de San Hermenegildo.

O máis anecdótico da súa vida militar é que asistiu á voda dos príncipes Juan Carlos e Sofía en Grecia,  no cruceiro Canarias, en maio de 1962, tal cal está reflectido na súa folla de servizos. Permaneceu na reserva activa ata a súa xubilación definitiva en xullo do ano 2006. Manuel faleceu repentina e inesperadamente en Vigo o día 30 de xuño do ano 2021.

Foto de Manoel e Maruxa

Pepita Santana

Manuel visitaba con certa frecuencia Xinzo mentres viviron a súa avoa e a súa nai, as veces en compañía da súa familia, destes encontros e o trato coas avoas, unha das fillas Susana, sente una gran afecto pola terra do seus pai e as vivencias e lembranza da familia da Limia. Isto seino polo seu interese en coñecer cousas de Xinzo e da Limia e inda nos visita algunha vez. Este cariño pola nosa terra e o que me doe de moitos dos que marcharon esquecendo por completo o que deixaron atrás.

RECORDAR É VIVIR!

2 comentarios en “Manuel Martínez Santana, un dos limiaos da diáspora local.

Deja un comentario