Xosé Vázquez Arias,o Rizo. A cara amable dunha época.

 

O Rizo foi un dos fotógrafos más populares da provincia de Ourense. En calquera festa, romaría, feira ou celebración familiar, alí estaba o Rizo coa súa cámara Leica para inmortalizar en imaxes nosos pais, nosos avós ou nós mesmos. Desenvolveu a súa actividade nunha época que vai desde finais dos anos 40 ata mediados dos anos 70, en que se produce o seu pasamento.

Xosé Vázquez Arias, así é como se chamaba o Rizo, alcume herdado do seu avó pola súa enguedellada cabeleira, naceu en 1917 na aldea de Casasoá, da parroquia de San Xoán de Camba, no concello de Castro Caldelas. Foi o segundo de seis irmáns. Morreu na mesma aldea, na primavera do ano 1975.

Segundo o xornalista Xosé Manoel Rodríguez, ao comezo dos anos 40 marchou para Monforte para aprender o oficio co fotógrafo Vila. Pasou pouco tempo ata que voltou e fixo de Casasoá o seu estudio, captando coa máquina de fotos todo aquilo que excitaba a súa imaxinación e facendo as primeiras prácticas dos seus recén adquiridos coñecementos. Sábese que de mozo traballa en Bilbao, na rúa,como fotógrafo á minuta. A mediados dos anos 40 está en Ferrol traballando para Unifar[1], desenvolvendo o seu traballo tanto na rúa como no laboratorio. Posteriormente independízase e muda a súa residencia para Ourense capital, instalando o seu estudio, no ano 1946, na rúa Lepanto. Desde alí desprazábase a case todas as vilas da provincia, especialmente ás de Allariz, Bande, Ribadavia, O Carballiño, Celanova e Xinzo de Limia. O Rizo coñecía moi ben a técnica fotográfica, dominaba a escenografía e, sobre todo, tiña un don de xentes que lle tiraba toda a artificialidade á fotografía[2].

Coincidimos todos os que o coñecemos en que o Rizo era unha persoa afable, sempre cun permanente sorriso na face, que tiña unha gran facilidade para facer amizades e que sobresaía por riba de todo polo seu carácter de home solitario. Foi un gran traballador. A súa honradez e amor á fotografía levábanlle moitas veces a regalar as fotos que sacaba.

Na nosa vila, onde tiña un pequeno estudio na rúa xeneral Franco, estaba presente nas feiras do 14 e o 27, no Entroido, na Semana Santa, nas festas de Corpus e da Santa Mariña e na romaría da Saínza. Así que sacaba as fotos, regresaba axiña a revelalas ao seu estudio en Ourense. Logo despois, as fotos reveladas pendurábaas nos escaparates de locais, que no caso de Xinzo eran dúas vitrinas na fachada e no escaparate da libraría Blanca. O día que se expuñan era todo un acontecemento social, para as ollar e para as comentar. Alí xuntábanse vellos, nenos, mozos e mozas para veren o resultado do traballo e mercar as fotos, sempre presentadas en tiras de dúas, tres ou catro fotografías.

Así presentaba as fotos para a venda

Pode dicirse que non hai familia da nosa vila ou da comarca da Limia que non teñan, no álbum de fotografías familiar, infinidade de fotos feitas polo Rizo desde os anos 50 ata mediados dos anos 70 do século pasado. Estas fotos, ao longo do tempo, seguen emocionando ou alimentando a nostalxia ao repasar os felices momentos vividos nalgunha daquelas fermosas imaxes do Rizo. (Do meu libro: Xinzo de Limia na memoria).

 

[1]Teño comprobado que na nosa vila hai numerosas fotografías, penso que dos anos 40, nas que figura gravada a marca UNIFAR, polo que non sería disparatado supoñer que o Rizo posiblemente traballou algunha vez en Xinzo, naquel tempo, para a dita firma.

[2] Rodríguez, X.M. 1989. As feiras do Rizo. Xociviga, O Carballiño.

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s