Breve historia dos cemiterios de Xinzo de Limia.

Existía a arraigada tradición do pobo de enterrar aos seres queridos nas igrexas, debido a eses estreitos lazos da vida e a morte, a terra e o ceo e o estar o máis cerca posible de Dios e dos santos. Debido a o cheiro e as condicións hixiénicas que orixinaban estes enterramentos no século XVIII, foi un dos principais motivos que levou ao monarca Carlos III, no ano 1787, a emitir unha Cédula Real. Quería prohibir os enterramentos dentro dos recintos eclesiásticos, pois ata a data, dentro da relixión católica, esta era a práctica de enterramento habitual.

Así, alegando sobre as malas condicións hixiénico sanitarias, comezouse a erixir cemiterios, afastados da poboación. Así se comezou a realizar nos arredores de vilas, aldeas e das cidades os cemiterios, que finalmente se consolidaron nos seguintes séculos, nacendo como tal os actuais cemiterios. Así que os cidadáns tiveron que ceder ante a cédula do rei, pensando moi de mala gana que, en realidade, dar sepultura nos arredores do pobo ou cidade era o máis lóxico. Xa non só por hixiene, tamén por espazo e medo a un posible contaxio e por tanto, a novos brotes de enfermidades. A xestión dos camposantos foi levada polas parroquias de cada lugar.

Achados de sepulturas no adro e na igrexa de Santa Mariña.

Segundo escribe o arqueólogo García Valdeiras sobre achados en Xinzo son: moedas de emperadores, lápidas sepulcrais, etc. Nun solar da rúa Leopoldo Álvarez, pola parte traseira da igrexa parroquial, efectuáronse escavacións ao longo do ano 2000, co seguinte resultado:“ Un conxunto estratigráfico que merece especial atención pola súa importancia é o correspondente aos restos dunha sepultura de tégula de sección rectangular. O que nos levaría a conclusión de que este asentamento romano, unha vez abandonado, é ocupado por unha necrópole, ó igual que pasa coa escavación de Xusto Rodríguez na igrexa lindeira, no que a necrópole de tégulas (datables entre os ss. III e IV) se superpón ás construcións baixo imperiais do s. III. O asentamento romano parece constatar una ocupación dende o s. I d.XC. ata o s. III d.XC.[1]

Na campaña de escavacións na igrexa de Santa Mariña de Xinzo, desenvolvidas entre o 8 de novembro de 1995 e o 2 de febreiro de 1996, baixo a dirección de Manuel Justo Rodríguez, Dr. Arqueólogo; escavouse toda a superficie do interior do templo e parte do adro exterior arredor desta. Resultando o achado de numerosos restos arqueolóxicos do mundo romano alto imperial dende comezos da época Flavia, no último cuarto do século I d.XC. ata mediados do II d.XC. Achados grandes cuncas de terra sigillata hispánica. A estas estruturas, superpóñenselle outras datadas nos séculos III e IV d.XC. A este momento baixo imperial corresponde a maior parte dos muros e pavimentos actualmente visibles. Sobre o depósito alto e baixo imperial romano arrasado, asíntase unha necrópole tardo romana, composta por tumbas de tégulas con tellado a dobre vertente, trazos de ritual cristián, contendo no seu interior restos esqueléticos moi degradados, e depostos en posición decúbito supino. Por último achouse unha necrópole paleocristián datable entre finais dos séculos IV e VI d.XC..[2]

Tumbas nas capelas colativas da igrexa de Santa Mariña

Con licenza do Ordinario, Catalina Colmenero viúva de Antonio Penín funda, no ano 1628, unha capela da Nosa Señora[3]. Edificase xunto o altar colateral ao evanxeo, no corpo da igrexa. Nas mesmas datas edifica outra o licenciado Antonio Vallejo de Luaces, abade da parroquia[4]. Situada no lateral do evanxeo do altar maior, atopase a capela separada baixo un arco con inscrición fundacional e pequena bóveda de canón. A inscrición do arco da capela di: FVNDOLA EL LCDº. ANTº. VALLEJO Đ LUAZES COMMISARIO ĐL STº. OFIº. Đ INQº. ANNO Đ 1628[5] (Fundouna o licenciado Antonio Vallejo de Luaces, comisario do Santo Oficio da Inquisición. Ano de 1628). O abade está enterrado nela e na lápida sepulcral figura a seguinte inscrición: “Ano de 1636. Acabou esta vida o licenciado Antonio Vallejo de Luaces, natural de Parada de Ribeira, abade desta igrexa, comisario do Santo Oficio, que a dotou”.[6]

Tamén os condes de Gimonde tiñan na capela colativa, dedicada á Nosa Señora do Rosario. A metade, con seis sepulturas, era dos condes. Pola dotación das sepulturas pagábanlle á fábrica da igrexa a renda de sete ferrados e medio de centeo. Alén diso, tiñan a pensión ou gravame dunha misa semanal na dita capela aos sábados, para a cal contribuía o conde de Gimonde coa esmola correspondente á metade, e para o resto contribuían outros propietarios. Todos eles, a pro rata, tiñan tamén a obriga do ornamento da capela[7].

As obrigas dos fregueses para o mantemento das capelas etc. tamén figuran nos libros parroquiais do ano 1831. Así, en relación con esta capela dedicada á Nosa Señora do Rosario que visitou o bispo, indícase que a metade con seis sepulturas é do Sr. conde de Gimonde; dúas sextas partes son dos herdeiros de Xosé Gómez Opazo; e a outra sexta parte, dos herdeiros de Antonio Villarino, veciños todos desta vila, excepto o conde, ou a sucesora, que o é da cidade de Santiago. Pola súa dotación pagan á fábrica da igrexa: o Sr. conde de Gimonde, sete ferrados e medio de centeo; os herdeiros de Gomez Opazo, cinco ferrados; e os de Antonio Villarino, dous ferrados e medio. Esta renda págana por dotación das sepulturas, como queda indicado […] Indícase tamén que todos eles, a pro rata, teñen ademais a obriga do ornamento da capela.

Cemiterio na capela de Santa María Magdalena

A ermita titulada de Santa María Magdalena, documentada en 1683, hoxe desaparecida, era lugar onde estaba o primeiro cemiterio da vila. Achábase aproximadamente na actual avenida de Madrid, aproximadamente de fronte á actual rúa Rosalía de Castro, a altura dos números 59 a 65, preto da vila e no antigo camiño Real de Castela. É moi posible que este cemiterio se fixera logo da Cédula Real emitida polo monarca Carlos III, no ano 1787, que prohibía os enterramentos dentro dos recintos eclesiásticos.

Cemiterio, cruceiro e posiblemente a capela de María Magdalena. Plano de Alejo Yañez do ano 1841.

Son varias as persoas que me teñen comentado que, por transmisión oral dos seus antepasados, cando se fixeron algunhas das novas casas na altura onde debeu estar esta ermida, apareceran diversas tumbas e restos óseos. Hai quen asegura que alí enterraron os mortos da batalla de Xinzo contra os franceses, o 23 de febreiro de 1809. A realidade é que, segundo podemos ver no plano de Xinzo de Alejo Yañez do ano 1841, nos arredores da capela de Santa María Madalena, derrubada para a construción da estrada, estaba o primeiro cemiterio coñecido da nosa vila. Na capela da Madalena fundárase unha capelanía colativa, que posuía Manuel de Sáa, abade de San Xoán de Rairiz de Veiga, gravada cunha misa rezada e responso o día 23 de xullo de cada ano na mesma capela.

Cemiterio Parroquial (cemiterio vello):

Este cemiterio parroquial debeu construírse entre os anos 1860-1870, ao desaparecer o antigo cemiterio ao mesmo tempo que a capela de Santa María Madalena, con motivo do deseño da nova estrada nacional a seu paso por Xinzo. A tumba máis antiga que se conserva neste cemiterio é a de Dª Josefina Junquera Bobo, e corresponde ao ano 1870. Hai varias tumbas con lápidas datadas nos anos 1887 a 1898 e outras dos primeiros anos do século XX.

Curiosamente neste cemiterio esta colocado un cruceiro do ano 1697, moi anterior a creación do cemiterio, foi cambiado nos anos 60 cando se votou formigón a hoxe rúa Casto Rodríguez. Anteriormente estaba situado no cruce desa rúa coa do mesmo nome que ven desde o Pombal e a chamada Pista do Cemiterio. Máis ou menos diante do taller do Maxito. Posiblemente este cruceiro era o que estaba diante da derruída capela da Magdalena e do antigo ceemiterio, no cruce de camiños da Seara (hoxe Rosalía de Castro) e o Camiño Real de Tui a Castela (actual avenida de Madrid).

Neste cemiterio hai dúas capelas funerarias, unha moi antiga da familia Morenza Leonato na que alguén pon de cando en vez algunha vela prendida, tamén existe nela unha sepultura de 1921 a nome de Adosinda Leonato de Gaite que teño entendido que era familiar da nai da escritora Carmen Martín Gaite. Nesta capela debía estar enterrado o avogado e alcalde de Xinzo durante moitos anos a finais do s. XIX e S.XX, José Recaredo Morenza Leonato, xa de maior acolleuno un sobriño en Madrid, e a pesar de que el quería ser enterrado na capela familiar en Xinzo, o sobriño non cumpriu a súa vontade. A outra capela funeraria máis moderna é da familia Romero.

Capela familia Morenza Leonato
Interior capela familia Romero

Cemiterio municipal (cemiterio novo).

Nunha sesión municipal celebrada pola xestora republicana do concello, no mes de Maio de 1931 e, ante a petición do cura párroco da vila sobre a saturación do cemiterio vello, o concello autoriza a utilización do novo, propiedade do municipio, cuxas obras acaban de rematar, tema que debe facerse público para coñecemento dos veciños.

O día 5 de xuño de 1931 toman posesión os concelleiros republicanos elixidos no mes de maio. Acto seguido, varios concelleiros fan diversas propostas á corporación; o concelleiro Álvaro Rodríguez Suárez, propón á Presidencia que sexa nomeada unha comisión para que se fale co Bispo de Ourense, de acordo co cura párroco, a fin de levar a cabo a permuta da ampliación do cemiterio municipal, pola igrexa nova sita na rúa de Lepanto. Para esta última acórdase nomear ao Alcalde Presidente, Felisindo Carballo, Celso Gallego e Álvaro Rodríguez Suárez, para realizar as xestións oportunas. O Concello de Xinzo tiña a intención de permutar a igrexa nova, da que levan paradas as obras dende fai trinta anos, para apertura dunha nova rúa que se pretendía facer enlazando a de Lepanto ata o campo da feira no Toural, paralela ás rúas de San Roque e Dous de Maio. Finalmente as negociacións non deron resultado e non se efectuou a permuta.

Capela familia Eulogio de Castro
Capela familia Barge Villarino (Ruca)

Neste cemiterio existen dúas capelas funerarias propiedade de dúas familias da vila, a familia de Eulogio de Castro  Rivas de 1949 e a da familia Barge Calviño “O Ruca”.

Novo cemiterio municipal:

Nos anos oitenta e ante a falta de solares para edificar nichos no primeiro cemiterio municipal, o concello de Xinzo merca unha finca ao lado do cemiterio vello, sobre o ano 1983, e vende as parcelas para edificar os nichos ao prezo de 25.000 pesetas e cobrando ademais as taxas de permiso de obras por importe de 11.500 pesetas. Neste cemiterio existe unha soa capela funeraria da familia Enríquez Díaz.

Capela familia Enríquez Díaz

Ampliación do novo  cemiterio:

A comezo do século XXI, sobre o ano 2002, o concello acorda cun contratista a construción de 325 novas sepulturas nunha finca anexa. O concello procede a venda a perpetuidade, o ano 2006, de nichos de tres corpos recen construídos, todos iguais, ao prezo de 4.392,20€, impostos incluídos. Adxudicados por rigoroso orde de solicitude. Tanto o cemiterio novo como esta ampliación, son os únicos que teñen o chan pavimentado, o resto téñeno de terra e coas chuvias fanse charcos moi molestos.

Outras curiosidades

No primeiro cemiterio municipal, foron soterrados no chan, case todos os asasinados durante a guerra civil no concello de Xinzo. Algunhas das capelas funerarias do cemiterio vello e o primeiro municipal, ocupan terreo público fora dos límites do cemiterio.

Cando se fixo o novo cemiterio municipal, nos anos oitenta, deixouse entrando a man dereita, un espazo de dúas tumbas para abrir un paso e comunicalo co primeiro cemiterio municipal. Non se fixo no seu día lamentablemente e, fai pouco tempo, o concello autorizou a construción de dous corpos de nichos no 1º cemiterio do outro lado e frustrou calquera posibilidade de poder abrir este paso que sería ben recibido polos veciños.

Detalle da zona na que tiña que ir a porta ao cemeterio novo de 1931, ao fondo as cruces dos novos panteóns.

De acordo coa campaña da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, no mes de outubro do ano 2013, con motivo da celebración do Día de Defuntos, aproveitamos para render xusta e sentida homenaxe ós nosos falecidos e a institucionalización desta data como o do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia. Fixen unha campaña para que as necrolóxicas, lapidas e testamentos se fixeran en galego. Visitei todas as funerarias, florarías e empresas que gravan as lápidas. Explicándolle a campaña e entregándolle un libro con exemplos de necrolóxicas, dedicatorias, etc., para que lle fora máis doado o traballo. A miña intención era que polo menos lle ofreceran aos clientes, a posibilidade de facelo en galego.

Tamén organicei unha conferencia na Casa da Cultura sobre o tema, coa presenza de José González Martínez (Pepe de Redondela), da Asociación de Funcionarios, incansable traballador pola nosa lingua e a cultura galega. Despois da conferencia e coloquio, máis dunha trintena de veciños, asinaron un acta na que pedían: “Que chegada a hora do seu pasamento, quero que todo o relativo ao meu funeral e enterro se realice exclusivamente en lingua galega e polo tanto pido a miña familia, ás autoridades relixiosas e civís e aos servizo funerarios que fagan en lingua galega canto teñan que facer, público ou privado, oral ou escrito” […].

Os actos acabaron cola colocación no novo cemiterio dunha placa coa lenda: “Na memoria de todos os que aquí xacen, porque grazas a eles, Galicia segue a ter lingua e cultura de seu. Xinzo de Limia, Outubro 2013”.

Tamén se publicou un libro “En galego agora e sempre” onde varias ducias de veciños de Xinzo publicaron as súas últimas vontades en galego. Afortunadamente na actualidade son moitos os limiás que publican as necrolóxicas e lembran nas lápidas aos seus seres queridos na nosa fermosa lingua galega, a lingua coa que falaban e vivían en galego os nosos antepasados. 


[1] García Valdeiras, M. Lethes nº 5, cfr. 37, 38, 39, 40, 41, 42.

[2] Xusto Rodríguez, M. 2000.P. 26 a 33.

[3] Na parroquia van xurdindo ermidas e no ano 1743 figura a de San Andrés situada en Baronzás.  En Xinzo, Santa María Madalena, aparece documentada en 1683 e a de San Roque en 1718 (E. Bande. La Región, 18-07-1983). 

[4] ADO. Libro de visitas. 17.7.10.

[5] Segundo V. Risco: Fundola el Ldo.Anto. Vallejo de Luazes, Abb. desta Igla, comisario deisto offo de inro anho de 1629  (chámalle a atención a grafía nh).

[6] Dopico Blanco, F. 2003. pp.1-2.

[7]Arquivo da igrexa parroquial de Santa Mariña, Xinzo de Limia.

2 comentarios en “Breve historia dos cemiterios de Xinzo de Limia.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s