Apuntes da historia das imprentas de Xinzo de Limia.

1958 Anuncio programa Festas Patronais Libreria Blanca

A imprenta chegou a España con certo atraso respecto a outros países de Europa, debido principalmente á situación periférica da península ibérica. A primeira imprenta instalouse en España en Segovia no ano 1472 a pedimento de Juan Arias Dávila, bispo de Segovia, quen para proporcionar obras impresas aos alumnos do Estudo Xeral de Segovia fixo trasladarse á cidade ao impresor Juan Párix ( Johannes Párix), procedente de Heidelberg (Alemaña), uns dezasete anos despois de que Johannes Gutenberg sacase á luz o seu primeiro libro impreso, a Biblia de Gutenberg. Seguindo o camiño iniciado pola imprenta de Segovia, fóronse instalando outras en diferentes cidades, como Barcelona, Burgos, Salamanca, Sevilla, Valencia, Zamora ou Zaragoza, chegando a existir ata vinte e seis diferentes ao longo do século xv.[1]

Moitos anos debeu tardar en chegar a imprenta a Xinzo, que ben puido ser a finais do século XIX. Por datos que figuran no anuario Bailly bailliere, sabemos que o ano 1901 en Xinzo, existía unha imprenta e libraría a cargo de Antonio Bobillo. Tamén figura no anuario con comercio de  alpargatas, tecidos e fabricante de pastas para sopas. No ano 1903 xa só figura como libraría, inda que seguro seguía como imprenta, comercio de alpargatas e tenda de tecidos.

En 1919 xa consta como imprenta a de Lino Pereda Álvarez, aberta seguramente algúns anos antes. No mes de febreiro de 1919 nace un novo periódico decenal o “Juventud” que se define como independente e defensor dos intereses locais, dirixido por Alejandro Álvarez e coa colaboración de Luís Seijo, Francisco Seijo, Lino Pereda e Antonio e Celso Nieto. Destacou pola súa campaña anticaciquil en contra do partido bugallista dominante entón na vila.

No ano 1922 inda figura Lino Pereda con imprenta en Xinzo que algúns a sitúan na rúa de San Roque, onde ao parecer tiña o seu domicilio. Tamén participa con data 13 de xullo de 1925 no nacemento dun novo periódico, “El Pueblo Antelano”, dirixido por Antonio Nieto e Luís Seijo, coa colaboración de Lino Pereda. O periódico tivo unha vida curta, saíron dez números, e deixou de publicarse a finais de novembro do mesmo ano, constituíndo, seguramente, o último intento de ter prensa escrita en Xinzo.

 

Compre lembrar que o primeiro periódico editado en Xinzo, foi no ano 1911, EL ECO ANTELANO (1911-1912), impreso na imprenta: La Editorial, rúa da Paz, nº 12 de Ourense. Posteriormente saíron: JUVENTUD (1919) que foi impreso na imprenta de Eladio Fuentes de Verín, ao igual que EL AGRARIO (1919); EL CAMELO (1920); EL LÁTIGO (1923) e EL PUEBLO ANTELANO (1925). Non me cabe a menor dúbida de que Lino Pereda colaborou dalgunha maneira en todas estas publicacións. O feito de que foran impresas en Ourense e Verín, indícannos a pouca capacidade da imprenta de Xinzo, xa que a maioría das publicacións da época están impresas fora.

En 1925 inda figura a imprenta de Lino Pereda Álvarez no anuario. Esta imprenta debeu funcionar en Xinzo ata os anos 1934 ou 1935, data na que Lino Pereda trasladase coa súa familia para traballar como empregado no concello de Verín, en Xinzo naceranlle catro fillos e en Verín aumentou a familia con outros catro máis. Por casualidades da vida desde mediados dos anos 60 teño unha moi boa relación cun fillo, de igual nome que o pai, Lino Pereda, moi apreciado pola miña familia e a quen consideramos como da familia, está casado cunha irmá do meu cuñado Pepe Castiñeiras.

Teño algúns traballos de Xinzo impresos en Ourense por A. Otero. San Miguel,5 (1909); La Región (1935); La Popular (1911); Guerrero (1930); La Industrial (1935); Olegario (1976) e  La Popular (1943-1974). De Verín: Eladio Fuentes (1929) e Lino García (1931-1935). Non é ata 1951 cando o nome da imprenta Blanca aparece nas coplas da murga de entroido Los Criollos de Xinzo. Nos anos 50 imprime os folletos dos partidos de fútbol do Antela e algúns eventos das festas, e nos anos 60 e 70 algúns sinxelos programas de festas e do entroido. As imprentas locais ata entón debían traballar preferentemente en cartas e sobres, tarxetas de visita ou pequenos traballos. En anos posteriores Gráficas Tanco (1961), La Popular (1974) e San Martín (1975) de Ourense e gráficas Bendaña (1972) do Carballiño, imprimen os programas das festas patronais de Xinzo.

Nunha data que non podemos precisar Manuel Gavilanes instalase con librería e imprenta en Xinzo, posiblemente nunha data anterior ao ano 1947. Figura no anuario como libraría o ano 1950. Algo que non parece posible xa que o ano 1947 habíalla traspasado a Luis Carrera Pereira. Luis e Urbano Carrera eran os propietarios de café Imperial que nese ano o traspasaron a Joel Rúa. Posteriormente é cando Luis Carrera merca a imprenta de Gavilanes.

A libraría e a imprenta estaba na rúa Xeneral Franco nº 12, actual avenida de Ourense, local que logo levaría o nome de librería Blanca. A maquinaria da imprenta, pouca debía ser dado o reducido tamaño do local, logo trasládana, sobre o ano 1949, á daquelas rúa Luis Usera, un pequeno baixo nun edificio de baixo e planta, era unha casa de veciños típica formada por varios departamentos con galerías e no que as portas principais de todos os domicilios daban a un gran patio interior.

Con posterioridade a imprenta Blanca instalase en 1950, na rúa Leopoldo Álvarez, xa con mellores instalacións e máis maquinaria, as fotos que acompañan este artigo son desta situación. O seguinte traslado é á estrada xeral en 1958/59, instalada na traseira da droguería Blanca e administración de lotería. No anuario Bailly bailliere só figura como libraría en Xinzo, Luis Carrera. A imprenta Blanca traballa sen competencia en Xinzo desde o ano 1947 ata o ano 1978. Inda cambiaría de localización dúas veces máis, xa baixo a xerencia de Moncho Carrera, primeiro á rúa Marcelo Macías nº 9, sobre o ano 1980, e posteriormente a rúa Carmen Nóvoa nº 12, arredor do ano 2006/07 nun edificio da súa propiedade. Na actualidade xa non a rexenta Moncho, xa que foi traspasada en xuño do ano 2016 a Francisco Isaac Gómez Abuín que mantén o nome da imprenta na actualidade. A especialidade desta imprenta son o deseño gráfico, impresión, fotocopias, selos de caucho, encadernacións e laminados.

No programa das festas do Entroido do ano 1978, anunciábase: Próximamente apertura en Xinzo de Limia de los adelantos técnicos más avanzados en maquinaria Offset. Gráficas Cars. Avenida de Orense, 8. Comezaba así, pouco tempo despois, a funcionar unha nova e moderna imprenta en Xinzo, propiedade de Arsenio Martínez Paz. Especialistas en impresión dixital e offset, deseño gráfico, serigrafía de todo tipo de pezas de vestir, deportivas e uniformes para negocios. Deseño e maquetación de todo tipo de libros, revistas, carteis, calendarios, etc. Comezaba así outra época dos traballos de imprenta en Xinzo. Gráficas Cars estivo nesta localización ata o ano 2020,  data na que se trasladou á Avenida de Celanova nº 3 baixo, ao lado do supermercado Eroski. Na actualidade Gráficas Cars e Imprenta Blanca, son as dúas únicas imprentas da nosa vila.

Edelmiro Martínez Cerredelo.


[1] Wikipedia.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s