Os condes de Gimonde na Limia.

 

Labra heráldica do primeiro Conde de Gimonde

Antonio Ramón Cisneros de Castro, señor de Maindo, fillo de burgueses e pai de aristócratas, foi un renomeado fidalgo da xeografía compostelá que destacaría polo seu desempeño nunha chea cargos públicos, sociais e militares, entre os que salienta o seu oficio de rexedor perpetuo do partido de Santiago entre os anos 1720 e 1749. Casaría o señor de Maindo con Mª Rosa de la Barrera Navia e Castrillón.

1.1. O primeiro conde de Gimonde. 

Continuará aliña da herdanza dos vínculos Juan Antonio Bernaldino Cisneros de Castro Figueroa (1747-1798), rexedor compostelán,que sería recoñecido como primeiro conde de Gimonde pola monarquía borbónica. Contraerá nupcias con Manuela de Ulloa Cadórniga Lousada Pardo e Ribadeneira, descendente dunha familia de vellas orixes e de destacada autoridade nas terras de Vila de Cruces e en varias bisbarras da provincia de Ourense. As orixes de Manuela de Ulloa poden explicar o motivo polo que a herdanza da casa de Xinzo de Limia, así como a xurisdición de Mosteiro, Novas e Queiroganes, se habían de incorporar ao patrimonio do condado de Gimonde. Manuela de Ulloa era filla de Lorenzo Ulloa Pardo e Lousada e de Rosa Luísa Cadórniga e Añel (filla de Nicolás Cadórniga e de María Añel e Mondragón), veciños de Congostro, onde tiñan a súa casa solarenga, na xurisdición da Limia[1].

Grazas ao libro de rexistros de rendas derivadas desta familia, podemos coñecer de forma precisa os lugares onde os Cisneros recadaban certos tributos e o interesante conxunto propietario que conservaban polo seu enlace cos Ulloa. O elenco reflíctese na vila e freguesía de Santa Mariña de Xinzo, San Miguel de Cima de Ribeira, San Salvador de Damil, San Bartolomeu de Ganade, San Miguel de Gudín, San Xoán de Guntimil, Santa María das Lamas, San Pedro de Laroá, San Pedro Fiz de Solveira, San Salvador de Parada de Ribeira, Santa María de Ribeira, nos señoríos seculares e nas xurisdicións ordinarias de Queirogáns, Mosteiro e Novás (tales dereitos eran compartidos nestes dous últimos lugares cos veciños daquelas terras e así mesmo con Xoán Gándara. Na casa de Xinzo de Limia, estaba o núcleo centralizador dos produtos tributarios que lles eran propios nesta comarca. Tamén lles correspondían os lugares de San Bartolomeu de Baltar (Baltar), Santa María de Covelas (Os Blancos), San Lourenzo (Porqueira), Santa Mariña de Gomariz (Leiro) etc[2]

O devandito libro de rendas intitúlase: “Libro Cobrador de las Rentas correspondientes a los señores Condes de Gimonde en el partido de la Limia, a cargo del señor don Vicente Díaz Teygeyro[3], Comandante del Batallon de Realistas de la villa de Ginzo; hecho por orden de los señores doña Agustina de Puga y Araujo y don Manuel Cisneros, Madre y tío de la señora doña Jacoba Cisneros, actual Condesa de este título. Principio de la cobranza del año de 1829”.

Os condes de Gimonde eran posuidores do señorío secular e da xurisdición ordinaria das terras de Gimonde (tamén coñecidas como o couto redondo de Sarandón), xunto co seu pazo; do couto e casa de Soar (San Lourenzo de Moraña), con señorío secular e xurisdición ordinaria, da casa, couto e Pazo de Vea (Sto. André de Vea), da fortaleza de Couso (denominada igualmente como de Maíndo), da torre de Pegariños (Santo Tomé de Ames), da casa e couto de Santa María de Frades (na freguesía de idéntico nome), da fortaleza de Anzobre, xunto co señorío secular e a xurisdición ordinaria de San Pedro de Armentón (nas terras de Arteixo), do dominio xurisdicional de San Xoán de Vilaronte e San Martiño de Mondoñedo, do pazo de Santiago de Foz e da casa que lle foi do seu haber na cidade mindoniense (nas terras da Mariña de Lugo), do soar de Gondelle (Santa Baia de Oza, Teo), da casa de Bergondo etc. Alén diso, tiñan de seu a capelanía colativa que os Cisneros erixiran no interior do convento terciario dos Franciscanos de Santiago de Compostela, reedificada en tempos do segundo conde de Gimonde[4].

1.2. O segundo conde de Gimonde. 

Retomando de novo as xenealoxías, continuamos co sucesor dos estados de Gimonde, Pedro María Cisneros, verdadeiro filántropo e mecenas nos albores do século XIX. Foi o segundo conde de Gimonde e vizconde de Soar (no mesmo grao), cabaleirode Granada, ocupante desde 1798 da décimo quinta rexedoría municipal de Santiago de Compostela. Contraería nupcias o señor de Maíndo, Pedro Cisneros de Castro e Ulloa[5], cunha dama da casa ourensá de Meréns, en Cortegada, preto dos lindes de Portugal. Chamábase a noiva Agostiña de Puga Cisneros Sarmiento Araúxo e Puga.

1.3. A terceira condesa de Gimonde. 

Deste matrimonio naceu unha única filla, chamada Jacoba. Dela se fala no seguinte parágrafo do ano 1825, cando a sucesora de Gimonde era orfa de pai e aínda non atinxira a maioría de idade: “Doña Jacoba Cisneros, Condesa de Gimonde, vizcondesa de Soar, hija unica y como tal subcesora del señor don Pedro Maria Cisneros, difunto, Conde de Gimonde  y doña Agustina de Puga y Araujo, Condesa viuda del mismo titulo”. A filla única do matrimonio condal, Jacoba de Cisneros e Puga, sería o terceiro persoeiro en ocupar os títulos derivados de Gimonde. Tivo por consorte o cabaleiro de Ronda José María Bermúdez Acevedo Pardiñas e Villardefrancos[6].

No palacio de Gimonde unha nena toma o fresco.

Millor lle fora tomalo naquel soutiño de cedros. (popular).

Jacoba Cisneros, terceira condesa de Gimonde, vizcondesa de Soar e outros títulos, debía ser unha das maiores terratenentes da Limia. Concedía foros e arrendaba as súas numerosas propiedades. Cando o seu representante viña a Xinzo por este motivo, daba durante varios días traballo aos escribáns de número da S.M., facendo os documentos de arrendamento, foros e venda de froitos, mediante poxa das rendas que en ferrados de centeo lle pagaban os paisanos. As condicións dos arrendamentos eran espaventosas, xa que o pago dos: “ferrados de centeno limpio de toda mala semilla de polvo y paja y seco de dar y tomar, medido a la boca de la tulla de la casa principal que la Sra. Condesa tiene en esta villa, a donde lo conducirán de su cuenta y riesgo en los meses de agosto y setiembre de cada año […] y este pago no podrá eludirse aun cuando por granizo, helada o cualquiera cosa fortuita o raro contingente deje de cogerse fruto, pues aún dado este fatal caso será efectiva la paga con las costas[7]. 

A condesa, en agosto de 1843:“hizo sacar a públicas posturas sus rentas que en granos y dinero debe percibir en la tulla de su casa principal de esta expresada villa por frutos del corriente año […] que son mil novecientos un ferrados y siete copelos de centeno, incluso cinco de trigo y además ochocientos reales y trece maravedíes en dinero de derechuras, puesto todo por cuenta de los pagadores en esta dicha su casa por los meses de agosto y setiembre libre de contribuciones, la que conste debe cobrarse por arriendo […] que para hacerla se entregará al que resulte arrendatario […] Consiguiente a ello hubo varias posturas en el día de ayer y la más ventajosa fue la hecha por Francisco Losada vecino de Ganade, en cantidad de quince mil reales de vellón a pagar en dos plazos […] y en las monedas de oro y plata, conduciendo el dinero de su cuenta y riesgo del Sr. Losada a la ciudad de Orense y poder de mi apoderado Pedro Fernández Prieto […] será obligación del arrendatario devolver al fin del arriendo, los libros cobradores, medidas, tulla y más efectos en el mismo estado en que los recibe […] y en prueba dio por su fiador y principal pagador a su padre D. José Losada vecino de esta villa[8].

No ano 1849, a condesa cobra 19.975 reais e catro marabedís do administrador dos bens deste partido xudicial, correspondentes ao ano 1844.

Ao faleceren sen descendencia os terceiros condes de Gimonde, os patrimonios familiares traspasaríanse a outras ramas das liñas conxugais. Por unha banda, os de José María hanse destinar ao seu irmán Ramón María Bermúdez de Acevedo (cabaleiro de Sevilla). Por outra banda, os da condesa Jacoba, por non posuír nin irmáns nin herdeiros directos ou forzosos, repártense entre tres parentes máis ou menos achegados: Manuel María de Puga, coronel graduado, primeiro comandante da infantaría de recrutamento na vila de Celanova, e os seus curmáns, Pedro e Manuel Puga e Sarmiento[9].

1.4. A capela colativa na igrexa de Santa Mariña. 

Os condes de Gimonde tiñan na igrexa de Santa Mariña de Xinzo unha capela colativa, á beira do Evanxeo, dedicado á Nosa Señora do Rosario. A metade, con seis sepulturas, era dos condes. Pola dotación das sepulturas pagábanlle á fábrica da igrexa a renda de sete ferrados e medio de centeo. Alén diso, tiñan a pensión ou gravame dunha misa semanal na dita capela aos sábados, para a cal contribuía o conde de Gimonde coa esmola correspondente á metade, e para o resto contribuían outros propietarios. Todos eles, a pro rata, tiñan tamén a obriga do ornamento da capela, e ademais o conde de Gimonde sobre o seu vínculo tiña o gravame dunha misa rezada semanalmente na mesma capela, con tres máis rezadas e unha cantada tamén anualmente no seu día na honra e gloria da Nosa Señora do Rosario. Porén, o cumprimento das misas que tiña ao seu cargo non fora enteiro, tiñan quedado todos os anos en descuberto dez misas rezadas. Ignorábase, en xuño de 1831, desde cando non cumpría[10].

Como anécdota relatamos que o avogado Nicandro García Sánchez, veciño de Lugo, para descargar a súa conciencia por non teren cumprido os seus antepasados coas obrigas da capela da igrexa de Xinzo, maniféstalle ao bispado de Ourense no ano 1973 o seu desexo de redimir en nome propio e dos seus irmáns, como fillos de Francisco García-Armero Quiroga, unha carga piadosa que gravaba unhas fincas que foran da condesa de Gimonde en Xinzo, consistente na metade da carga que lle corresponde, conforme se desprende dos escritos precedentes e da árbore xenealóxica familiar que os acompaña, en 36 misas rezadas e unha cantada anualmente, e o alumeado da capela da Nosa Señora do Rosario da parroquia de Santa Mariña de Xinzo. Capitalizados os atrasados de 90 anos (1883-1973), acorda entregar 5.000 pesetas, e para a redención definitiva desa carga entrega outras 30.000 pesetas efectivas na Delegación Diocesana de Capelanías, coas que se compran 35.000 pesetas nominais de obrigacións de FENOSA. Con ese diñeiro constitúese unha fundación, que fai o nº 620 do bispado, que ten as seguintes dúas cláusulas: quedan dispensados das misas cantadas e igualmente do alumeado da capela do Rosario; cos intereses deste capital hanse celebrar anualmente tantas misas rezadas como permita o estipendio de 50 pesetas vixente na diocese. As misas celebraríanse na igrexa parroquial de Xinzo[11]. A fundación deixou de estar activa en xaneiro do ano 1989.

Do meu libro: <Xinzo de Limia na memoria>.

[1]Héitor Picallo Fuentes. Espazo xeográfico, humano e histórico no dominio do condado de Ximonde (sen publicar).

[2]Héitor Picallo Fuentes. Espazo xeográfico, humano e histórico no dominio do condado de Ximonde (sen publicar).

[3]Vicente Díaz Teixeiro, escribán de número da S. M., decano dos escribáns, comandante do batallón de  voluntarios realistas da vila de Xinzo, foi un personaxe moi influente na política e na economía da Limia ao longo de gran parte do século XIX. Desempeñou tamén os cargos de secretario do concello e do xulgado na época do correxedor Julián Toubes.

[4]Héitor Picallo Fuentes. Espazo xeográfico, humano e histórico no dominio do condado de Ximonde (sen publicar).

[5]Segundo me comunica Héitor Picallo, faleceu en 1824. Está soterrado na igrexa dos Agostiños de Compostela.

[6]Héitor Picallo Fuentes. Espazo xeográfico, humano e histórico no dominio do condado de Ximonde (sen publicar).

[7]Arquivo Histórico Provincial de Ourense, protocolos notariais, caixa 1527, folio 233.

[8]Ibídem.

[9]Héitor Picallo Fuentes. Espazo xeográfico, humano e histórico no dominio do condado de Ximonde (sen publicar).

[10]Arquivo da igrexa parroquial de Santa Mariña, Xinzo de Limia.

[11]Ibídem.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s