Pequena historia da Ladeira e o Toural de Xinzo.

 

A Ladeira inundada de auga no inverno. 

 A Ladeira.

O terreo onde se encontraba a Ladeira formaba parte do sitio da Seara, segundo podemos comprobar polo interrogatorio de catastro do Marqués da Ensenada do ano 1753, onde di: “También disfrutan[1]veintiuna tegas de campiña al sitio da Seara, secano, tercera calidad, L. puente da pedra, P. ermita de San Roque, N. plaza do Cerdeiro, S. río Limia y su utilidad al año la dicha de cien reales, según de las respuestas dadas en este interrogatorio”. A capela ou ermida de San Roque[2], situada no Toural, delimitaba a separación entre a Seara e o Toural. Nos lindes con este último campo atopábase a Ladeira.

A Ladeira era unha pequena lagoa que existía en Xinzo e que abranguía desde a rúa Dous de Maio ata preto do campo de fútbol da Seara, cunha largura entre os 50 e os 100 metros. Nas cheas do inverno, o río desbordábase despois da ponte da estrada de Baltar e a auga corría polo campo da Seara fóra e inundaba o terreo comunal. O terreo que ocupaba estaba delimitado, por unha banda, polo camiño hoxe chamado rúa da Ladeira, que era moito máis estreito que a actual rúa e, pola outra banda, polos muros das tenzas de propiedade particular. Durante o inverno tiña bastante auga e unha profundidade que ía desde os 50 cm. ata cerca dun metro, segundo as zonas. No verán quedaba só unha pequena lagoa entre o espazo que hoxe ocupan o chamado Museo do Entroido e o xulgado.

Barca na Ladeira

Naqueles fríos invernos chegaba a xear na superficie, e os máis atrevidos xogaban e patinaban sobre o xeo, que era tan duro que nin coas pedras dos muros das tenzas eramos capaces de rompelo. Durante o verán secaba, alí crecía moita herba e era un terreo de xogos para os nenos da vila. Nos anos 50 e 60, ao principio do camiño, preto da rúa Dous de Maio, había uns almacéns da familia Cuquexo e un par de pequenas casas terreas. E, máis ou menos contra a metade do camiño, na zona das tenzas, outra vivenda solitaria de veciños que case todos os anos había que rescatar das inundacións do río.

A Ladeira partírase en dúas cando se fixo a estrada de Xinzo a Bande[3]. Desaugaba por uns pontillóns por debaixo da estrada que están soterrados desde que se fixo o mercado municipal vello e se venderon os predios municipais do Toural para o financiamento das obras de saneamento e traída de augas ás vivendas da vila de Xinzo, alá polo ano 1965. A auga no inverno discorría por onde hoxe están feitas as casas da rúa do Toural, lindantes co parque, e seguía pola hoxe rúa Carmen Novoa.

Esta pequena lagoa tivo un triste final pois durante moito tempo, especialmente nos anos sesenta e ata mediados dos setenta, data do comezo do servizo de recollida do lixo, foi o vertedoiro de refugallos e lixo dos veciños da vila.

O Toural.

O Toural e o pontillón vistos desde a Alameda

No mesmo catastro dise que:También disfrutan[4] al sitio do Toural seis tegas de campiña, secano, tercera calidad, L. Puente de Outarelo (sic), P. Antonio Vilariño, S. río y según resulta y va expresado su utilidad al año es la de veinticuatroreales”. 

No campo do Toural celebrábase, desde tempo inmemorial, a feira de gado da vila. O abade Pedro González de Ulloa, en 1777, escribe sobre o Toural e as feiras cando fala dos ríos que se xuntan preto de Xinzo, e di que escorren: “Regado por la parte occidental de la villa el campo en que se hace la feria del ganado, al que inundan muchas veces en las crecientes del invierno y por verano se puede entrar al campo sin mojar pié. A mediodía de la villa hay un puente de piedra, reedificado ahora, y otro a poniente, que necesita otra reforma semejante”[5]. Tamén nos informa de como eran as feiras, das que di que son “las mejores de la provincia, muy abundante de todo”[6], especialmente de gado, que se mostraba nun espazoso campo da vila onde tamén se vendía panos e outras mercadorías debaixo duns alpendres. Cando no inverno o río se botaba fóra do seu leito, as famosas cheas, a auga chegaba ata ben entrada a praza de San Roque. 

No antigo campo do Toural había un recheo de terra que delimitaba e separaba o campo da feira da esplanada, diante da antiga liña de casas, mediante un muro de pedra dunha altura duns sesenta ou setenta centímetros, que chegaba ata preto da rúa de Outarelo. Neste espazo era onde se servían xantares nos toldos, os días de feira, e onde tamén se instalaban as polbeiras e os postos de venda de pan. Para acceder ao campo da feira, de fronte da praza de San Roque, existía un pontillón para superar o desnivel e o regato que saía da Ladeira. Nese regato de auga, de nenos, divertiámonos collendo cágados para metelos en botes de cristal, tal era entón a abundancia de ras. No estío, o regato morría un pouco máis adiante, no mesmo Toural.

Neste espazo comezou a práctica do fútbol en Xinzo, a principios do século XX. Utilizouse como campo de xogos ata que se habilitou o campo de fútbol da Seara. O Toural e a rúa Dous de Maio tamén formaban parte do noso patio de xogos, era o noso tobogán ao botarnos pola ladeira da estrada abaixo ata aterrar no Toural, deixando parte do cu do pantalón no intento. Daquela, case que todos os pantalóns tiñan remendos no cu e nos xeonllos. Tamén era lugar de encontro para outros xogos como a billarda ou para facer voar os papaventos que faciamos con canas e papel.

Este lugar, durante a Guerra Civil, serviu de campo de instrución para os quintos mobilizados para iren á fronte da guerra. Ao mesmo tempo era utilizado polos maiores, agrupados na organización Caballeros de Santiago. Tamén ten a súa historia tráxica, xa que no Toural foi fusilado o único reo executado fóra de Ourense capital. Aconteceu ás sete horas e quince minutos do día 20 de febreiro de 1939. A vítima era Manuel Barja Dorrego, que fuxira para non ir á guerra; foi acusado de ser o autor dun disparo, nun enfrontamento coa garda civil en Lobás, que causara a morte do pedáneo de Castelaus. Xulgado en Ourense en consello de guerra sumarísimo con data de 9 de febreiro, só seis días despois dos feitos, o tribunal ditou sentenza de pena de morte por rebelión militar. O lugar da execución foi nas proximidades da ponte da estrada de Lamas, máis ou menos onde hoxe está o monumento aos mortos na batalla de Xinzo contra os franceses en 1809.

Na década dos anos 60, habilitáronse aulas móbiles para preparar os emigrantes en diversos oficios antes de marcharen para diversos países de Europa. Anteriormente edificárase a sede da Hermandad de Labradores y Ganaderos. Nos anos 50 fíxose un lavadoiro, con forma de piscina, preto da ponte vella e por baixo do nivel do río,que nunca chegou a utilizarse. Posteriormente fíxose outro cuberto preto da praza de San Roque, que tamén tivo pouca utilidade, xa que as mulleres preferían mellor lavar a roupa no río e estendela a secar na herba das beiras. Nos anos 1964, 1965 e 1966, celebráronse tres feiras comerciais chamadas Feria Comarcal del Campo, de maquinaria agrícola, gado e produtos para o campo, que tiveron moito éxito entón, mais que lamentablemente non tiveron continuidade. A finais do anos 60 e principios dos 70, con motivo da construción do actual parque, a feira do gado, os postos de venda e as polbeiras traslándanse para a alameda do Toural, onde permanecerá ata que a finais de 1979 se constrúe o novo campo da feira, baixo o mandato do alcalde José Pérez Rodríguez. No mesmo lugar segue na actualidade, pero sen apenas outra utilidade que ser utilizado polos postos de polbo e xantares os días de feira, xa que apenas hai gado a vender. A xubilación pola idade dos agricultores e criadores de gado, a cría intensiva de gado e o abandono do rural acabaron coas famosas feiras de Xinzo convertidas na actualidade nun vulgar feirón.

[1] Os veciños de Xinzo.

[2] Documentada desde 1718.

[3] Pode verse, indicado como “aguas estancadas”, no plano de Xinzo de José Sáenz Díez do mapa de Francisco Coello, do ano 1856.

[4]Os veciños de Xinzo.

[5]González de Ulloa, Pedro (1777). Pp. 154-155.  “Descripción de los Estados de la casa de Monterrey en Galicia”. Cuadernos de Estudios Gallegos, CSIC, Instituto P. Sarmiento. Edición, prologo y notas de J. Ramón y Fernández Oxea (1950).

[6]Ibídem.

 

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s