A chegada da electricidade a Xinzo de Limia (1911).

 

Desde finais do século XIX e principios do século XX, o sistema de iluminación que se utilizaba na vila de Xinzo baseábase en lámpadas de petróleo. Non podemos saber exactamente o ano en que fora instalado este sistema pola falta de documentos no arquivo do concello.

Nun pleno celebrado o 29 de xullo de 1906, o concelleiro Rudesindo Sagrario informa que ten coñecemento de que en poboación de menor importancia que Xinzo estaban instalando un novo alumeado público, substituíndo as lámpadas de petróleo por lámpadas de gas acetileno, e que esta importantísima mellora na calidade do alumeado debía tamén instalarse na nosa vila. Para facer a nova instalación, o concello debería cubrir o orzamento de 2.500 pesetas.

Posteriormente, con data de 25 de xullo de 1909, o  mesmo concelleiro propón en pleno que debe instalarse alumeado eléctrico na vila, alumeado que xa tiñan vilas de menor importancia que Xinzo. A corporación municipal acorda por unanimidade que se consigne no próximo orzamento a cantidade de 4.250 pesetas para implantar na vila o moderno alumeado eléctrico.

En 7 de novembro de 1909, o concello acorda pór en poxa pública, o 15 de decembro, o expediente para o arrendo do alumeado público por medio de electricidade. Con data do día 26, adxudican a poxa aos empresarios Camilo Conde Conde e Francisco Conde-Valvís.  As obras da instalación do tendido desde a central de Allariz sufriron diversos atrancos. Por causa das importantes avarías que os temporais ocasionaron nas obras xa executadas, os empresarios solicitan unha prórroga para inaugurar o servizo o día 1º de maio de 1910. Estes temporais de decembro de 1909 e a chea que se produce no Limia derrubaron a ponte de Damil na chamada, entón, estrada de Xinzo a Lucenza[1].

A chegada da electricidade a Xinzo prodúcese, por fin, nos primeiros días  do mes de outubro de 1911, data en que a empresa Valvís pon en andamento, con moito retraso sobre os plans previstos, a iluminación eléctrica tan desexada na vila. O abastecemento procedía da central das represas do Briñal e a de Acearrica, no río Arnoia, en Allariz.

Posteriormente, durante o ano 1912, instálase a electricidade na igrexa parroquial, segundo noticia publicada por El Eco Antelano: “os fregueses da vila de Xinzo están de parabéns, pois introdúcese na igrexa de Santa Mariña a instalación eléctrica. Polas noites, o sagrado recinto ofrece un aspecto desacostumado e solemne”.

A empresa abastecedora, ao longo do tempo, mudou varias veces de nome, Fuerzas Hidro-Eléctricas del Arnoya e Valvis y Fidalgo en 1917, segundo se pode comprobar na fotografía adxunta dun recibo dese ano dun comerciante de Xinzo. En 1920, a central eléctrica distribuidora da electricidade en Xinzo estaba situada aproximadamente onde estivera a capela de Santa María Madalena, na marxe esquerda da actual avenida de Madrid, diante do cruce coa rúa Rosalía de Castro.

A produción de Allariz non podía cubrir todas as necesidades de consumo, había xa anos que a represa de Acearrica convertérase en muíño. A represa do Briñal só podía almacenar auga para achegar corrente as casas desde a posta do sol, e ao abastecemento eléctrico afectábanlle moito as cheas do río e a vellez da liñas. A Sociedad General Gallega de Electricidad (posteriormente Fenosa), adquiriu todas as accións, instalacións e terreos da eléctrica alaricana e, no mes de febreiro de 1935, comezou a subministrar corrente diúrna, nocturna e industrial desde o encoro do Mao, modernizou os tendidos e o alumeado público e instalou en Allariz un transformador para a distribución en alta tensión a outras vilas da provincia, entre elas Xinzo[2].

Nos anos 50, a empresa abastecedora, Fuerzas Eléctricas del Noroeste (FENOSA), constrúe o encoro das Conchas e mellora moito o fornecemento de electricidade en Xinzo. Daquela marchaba a luz con frecuencia por mor das tormentas do verán ou dos temporais do inverno (algo impensable na actualidade). Non obstante continuaron habendo días, que eran o primeiro domingo de cada mes, que nos levantabamos sen electricidade porque ese día se facían tarefas de mantemento na central das Conchas. Na actualidade, felizmente, gozamos dunha boa calidade de abastecemento eléctrico e son contadas as ocasións en que este falla.Do meu libro: <Xinzo e Limia na memoria>. 

[1]A primeira publicación da noticia data do xoves 30 de decembro de 1909. Saíu n xornal La Correspondencia de España, e ademais saíu tamén no periódico El Liberal, de Madrid, o día 31 de decembro de 1909. Neste artigo, infórmase que “Las aguas del río Limia, no sólo arrasaron los campos y se llevaron las cosechas, causando pérdidas incalculables, sino que destruyeron por completo todos los puentes del camino vecinal de Ginzo a Lucenza, dejando a este municipio incomunicado con la extensa zona fronteriza de Portugal”. Ata febreiro de 1912 non se sabe a boa nova de que o deputado polo distrito de Xinzo, Sr. Barber, consegue a cantidade de 110.000 pesetas para facer unha nova ponte no lugar que ocupara a vella da estrada de Baltar.

2]Cid Rumbao, A. 1984. Allariz, villa y corte románica. P. 246.

 

 

 

 

 

 

 

[

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s