Radio Ginzo-La Voz de la Limia.

 

 

Penín Carrera, Pili, Mela e Carlos Casares

.

Durante a ditadura, e sempre baixo a censura previa da súa  programación, todo o sistema informativo do franquismo funcionaba en réxime de monopolio da información. Creou numerosas emisoras de radio, ben a través da Cadea Azul de Radiodifusión, xestionada pola Fronte de Xuventudes ou ben a través da Cadea de Emisoras Sindicais. En Xinzo foi todo un acontecemento a nova radio local, que comezou a emitir o día tres de novembro de 1950 baixo o nome de Radio Ginzo. Estación Escuela número 11 del Frente de Juventudes, inda que non tivo a autorización do Jefe Nacional de Radiodifusión y Cine de Falange Española y de las JONS del Frente de Juventudes ata o día 22 de novembro. A noticia publicada no seu día en La Región di:

“La emisión de inauguración, si no perfecta en su totalidad, resultó clara de voz y de sonido. Actuaron en ella varios jóvenes de la localidad, quienes pusieron a prueba sus cualidades artísticas, tanto musicales como literarias, de las que con constancia y estudio se pueden esperar granado fruto, consiguiendo con ello que a través del tiempo las emisiones sucesivas lleguen a resultar de sumo interés haciéndose amenas y entretenidas”.

Podíase escoitar en principio aos mércores e aos venres, en emisións de sobremesa ás 14,30 e ás 20,30 horas da noite. O primeiro director foi Luís Villarino Ramos O Parrancheva).

Nun principio a emisora fora cousa particular de Xulio Rodríguez Méndez, desde a ferraxaría do seu pai, que alén de director era tamén o locutor e o técnico. Algunhas persoas maniféstannos que despois emitía desde o seu domicilio, na rúa xeneral Franco. Non temos a data a partir da cal a finais dos anos 50 a emisora pasa a depender da Hermandad Sindical de Labradores y Ganaderos de Xinzo. A emisora comeza a emitir desde o edificio da Sindical, na rúa Lepanto,  e xa co nome de La Voz de La Limia, emisora sindical de Ginzo, cunha programación completa, programas artísticos, literarios, noticias locais, deportes, actuacións musicais de nenos e mozos etc. Posteriormente, o 22 de maio de 1961, Xulio vende os aparellos técnicos da emisora da súa propiedade en 42.688 pesetas á Hermandad Sindical de Labradores y Ganaderos de Ginzo de Limia, da que era presidente o médico Xosé Antonio Carrera, e Xulio o director técnico e vogal do padroado. Eran moi agardados os espectáculos en directo que se facían nos cines con actuacións musicais, literarias e humorísticas.

Actuación no cine Antelano nun festival para Radio Ginzo.

Contábanos Manuel Dobaño, un dos amigos da infancia de Carlos Casares, que: “Realizábamos el programa “Diálogos gramaticales entre Orto y Grafo”, sección radiofónica que se enmarcaba dentro del programa “Aula dice”, o algo por el estilo, que “La Voz de La Limia” transmitía, creo, los miércoles. En los guiones que preparábamos al efecto, Casares hacía el personaje de Orto y siempre me enmendaba la plana a mis premeditadas y escatológicas expresiones de Grafo, pero no exentas de una cierta ironía y humor”.

 

Pepe Carrera, Manuel Dobaño e Carlos Casares (Orto e Grafo)

Xosé Carrera lémbranos a sección de discos dedicados que tiña lugar na nosa emisora local de radio, polos anos sesenta. “A cousa non estaba en prestar atención ás cancións, senón ás dedicatorias. As máis abundantes eran as que lles facían as beiras ás mozas e remataban con un «de quien ella sabe». Unha declaración que deixaba o sector feminino totalmente intrigado.

Outras dedicatorias, de todo orden, eran máis explícitas e tiñan como resultado, entre a audiencia, comentarios á embute. Polo Corpus, a demanda centrábase nas dedicatorias aos nenos que facían a primeira comuñón. Había xente podente que felicitaba os fillos en todas e cada una das cancións da xornada. Fóra deste programa, viviamos con moita frecuencia o acoro dos discos raiados, que xiraban así durante minutos, e daquela todos nos preguntabamos onde andaría Penín, o encargado de cambialos”. Exerceron de locutores e colaboradores, entre outros moitos, Xosé Luís Bobillo, Benigno Moure (que era director no ano 1958), Carlos Casares, Suso Carrera, Mari González, Xosé Antonio Penín, Mela Bermúdez, Manolo Dobaño, María Salud, Matías Losada, Ángel Cocho, Manolo Gelpi e Mario Villarino, que falaba de deportes. A emisora contaba cun gran número de socios baixo o título de “Asociación de Amigos de Radio Ginzo de Limia”. A emisora cerrouse alá polos finais dos anos 60, coincidindo no tempo coa chegada e popularidade da televisión.

Do meu libro: Xinzo de Limia na memoria.

 

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s