Mulleres represaliadas da Limia. Delfina Lamas Clemente das Pegas (Sandías).

 

O día 15 de outubro de 1937 e na zona, do monte do Furriolo da Lampaza  no concello de Rairiz de Veiga é atopada unha muller duns corenta e cinco anos de idade, asasinada durante a noite do 13 ao 14 e falecida a consecuencia do popularmente coñecido “tiro de Calvo Sotelo” (tiro na caluga), foi enterrada no cemiterio da Lampaza e inscrita como muller descoñecida (Rexistro Civil de Rairiz de Veiga, inscricións 3.998 e 4.000). Logo das miñas investigacións, coido que a muller era Delfina Lamas Clemente[1], veciña das Pegas (Sandiás), nai de tres fillos; un mobilizado na guerra, outro de 12 anos e outro inútil. A muller, cando mobilizaron ao único fillo que axudaba na casa, atopándose cocendo pan no forno de Sandiás, fixo uns comentarios críticos sobre a guerra e o que estaba a pasar, xa que lle quitaban o seu medio de vida. Alguén que escoitou os comentarios o puxo en coñecemento dos falanxistas locais, foi detida e ingresada no cárcere de Xinzo, unha noite foron por ela e matárona no Monte do Furriolo de Rairiz de Veiga.

“Era a miña avoa e foi cocer ao forno a Sandiás, o  fillo mais vello levárono para a guerra e quedoulle un de 12 anos e outro inútil. E cando lle levaron ao fillo seica dixo que era unha cousa mal feita que a deixaban sen fillo para traballar, e para o outro día xa viñeron e levárona detida a Xinzo, estivo no cárcere detida e a filla (miña nai) estaba embarazada de min (…) e matárona no Furriolo (…) cando a miña nai chegou xa a mataran. A miña nai dicía que estaba enterrada onda a porta de Igrexa (…)[2].

[1] Contáranme unha historia distinta: Segundo os informantes parece ser que lle arrincaron a lingua e a soterraron con vida deixándolle fora soamente a cabeza, que un home da Lampaza escondido presenciara os feitos, deu aviso e a rescataran e que un parente de Xinzo taxista a trouxo, morrendo posteriormente. O home que a atopou inda vive, pero ten Alzheimer  e non pode explicar  o feito, pero a filla  díxome que o seu pai estivo cerca dos feitos escondido e cando marcharon acercouse e atopou a unha muller morta, que foi enterrada no cemiterio da Lampaza. Buscando nos rexistros de Xinzo, Sandías e Rairiz, non aparecía inscrita a defunción de Delfina, polo que atando cabos e falando ca familia e veciños, deduzo que é a inscrita en Rairiz como muller descoñecida.

[2] Conversa coa súa neta, Consuelo Santana Clemente na Corga (Sandiás), o día 12 de abril de 2008.

Do meu libro: Historia e Memoria.A Limia. 1931-1953. Lamentablemente por un erro meu, non figura no cadro nº 1 da páxina 555 de mortos pola represión paralegal da Limia ao final do libro, algo do que me decatei estos días.

 

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out /  Change )

Google photo

You are commenting using your Google account. Log Out /  Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out /  Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out /  Change )

Connecting to %s