Historia da Praza Maior de Xinzo

 

A Praza Maior foi sempre, desde tempo inmemorial, o centro neurálxico da vida comercial e social da vila de Xinzo. Nesta praza, en tempos pasados, situábanse as principais casas das familias fidalgas, das que lamentablemente pouca historia coñecemos. Nela encóntranse dúas das escasas labras heráldicas que temos na vila, nas antigas propiedades da familia Velasco. Na praza, de forma irregular, celébranse as feiras polo menos dende o século XVI.  Neste tempo, soamente existía a feira do día 14 de cada mes e tiña dous importantes mercados, que se celebraban todos os martes e sábados da semana. Este espazo, “a praza”, tal e como a nomeamos e coñecemos os veciños, ten unha longa historia da que apunto algúns feitos a seguir.

En 1579, no libro de mordomía de Xinzo de Limia, pertencente ao conde de Monterrei ─señor destas terras─ faise constar: “Recuento de las tiendas de mercaderes de paños y asientos de piedra de la feria de Ginzo y de lo que cada una de ellas se arrendó el año de mil quinientos setenta y nueve” (Archivo de la Real Cancillería de Valladolid. Libro de mayordomía de conde de Monterrey de Ginzo de Limia. Protocolos y padrones. Caixa 51.3). Nel detállase que a feira de Xinzo contaba daquela, no que hoxe é a Praza Maior, con pendellos cubertos para acubillar as mercadorías dos vendedores e mantelas a salvo das inclemencias do tempo. O mercado cuberto tiña polo menos dúas portas: unha entrando de Monterrei, con seis ringleiras de postos de venda, e outra, á que se refire o libro como porta de Xinzo, tres ringleiras máis. Un total de corenta postos de venda. Había, ademais, cubertas, seis tendas de prateiros e once de mercerías. Todos os postos eran adxudicados mediante poxa polo administrador do conde de Monterrei, que era o beneficiario das rendas. Posteriormente, estas rendas, por cesión do conde, pasarían a beneficio do hospital de Monterrei . Presuntamente estes pendellos cubertos da feira desapareceron cando, para facer a estrada xeral, foron derruídos a mediados do século XIX, o que deu lugar ao actual deseño da praza.

Posiblemente foi Julián Toubes, correxedor da xurisdición de Xinzo entre 1826 e 1834,  quen durante o seu mandato participara nas obras da estrada real de Ourense a Benavente, no treito que ía de Xinzo a Monterrei, o que votou abaixo os pendellos. Coas modificacións orixinadas na vila polo novo trazado ao seu paso por Xinzo, Toubes deseñara a actual praza e dispuxera, entre outras melloras, a súa pavimentación con laxedo de pedra.

No ano 1880 constrúese na praza por J.R. o edificio máis alto de Xinzo, unha casa de dúas plantas  mercada, moitos anos despois, pola familia Gelpi Asorey, onde se instalaron na famosa tenda de ultramarinos, que parece ser lle deixou ou traspasou o propietario, un irmán da nai que se trasladou a Santiago. Non é ata os anos 30 do século XX cando se fan outros edificios de dous ou máis pisos na estrada xeral. Ata entón a vila estaba formada maiormente por casas de planta baixa ou de baixo e un piso.

En xuño de 1906, o concello de Xinzo decidiu cerrar a fronte da Praza cun muro de pedra dividido por un reixado de ferro de fundición, o famoso Espolón, que serviría para mellorar aquel punto, separar a praza da estrada e para a comodidade non só dos veciños, tamén das persoas que asistían ás feiras e mercados. A obra foi rematada e inaugurada en decembro de 1907 . O fermoso Espolón, quedou dende entón como o emblema representativo da imaxe urbana e da puxanza da vila.

Nun pleno celebrado en Novembro do ano 1911, o alcalde Recaredo Morenza Leonato dá conta dunha carta na que Emilio Morenza solicita autorización para trasladar ao centro da praza a fonte existente, costeando do seu peculio particular os gastos que se orixinen. Concedese a autorización por tratarse de obra que embelece a praza e que se den as gracias o Sr. Morenza por este beneficio para a vila. As obras de reparación e traslado da famosa fonte xa desaparecida, iniciáronse en 1911,  a Deputación Provincial ingresou na Depositaria do Concello a cantidade de 987,75 pta. como subvención para as obras, estas foron suspendidas durante o inverno e esperábase que as mesmas foran reiniciadas e finalizadas na primavera de 1912 , a obra incluía a instalacións de beirarrúas nalgunhas rúas de Xinzo. A primeira fonte estaba na esquina da praza, fronte a actual cafetaría Tremedoiro.

Esta fonte, máis coñecido como o “pilón” , permaneceu nesta emprazamento ata os anos sesenta, na que é desmantelada e foi trasladada parcialmente ao primitivo emprazamento, cun desafortunado deseño moderno  e un pilón de cemento en forma de estrela, decorado con fragmentos de azulexos de cores. A columna central da vella fonte foi reformada e instalada só en parte.

Ademais da mencionada tenda dos  Gelpi Asorey,  outros establecementos coñecidos nos anos 50, eran a tenda de calzados de Alfonso Villarino, a tenda de ultramarinos de Manuel Cerredelo, a escola de nenas de doña Teolinda, o comercio de tecidos de Antonio Nieto, a mercería de Emilita Carballo, a tenda de tecidos de Xulio Costa e a tenda de roupa e tecidos da Lolita Sirgo. Tamén dispuña a praza dun quiosco do Federico Andrés que vendía chucharías, xeados e facía unhas estupendas patacas fritas.

Non é ata o ano 1959 cando nun pleno celebrado o día 28 de agosto, sendo alcalde Luis Romero[1] , cando se toma o acordo de activar o acordado de 1º de novembro de 1957 no que se aprobou “la enajenación en pública subasta de una faja de terreno del campo del Toral (sic)”. Despois de estar en período de información pública e sen que fora presentada ningunha reclamación, aprobase a taxación de 200.000 pesetas.

Ao mesmo tempo faise declaración de urxencia das obras de pavimentación da Praza Maior, rúa Lepanto (desde a praza á rúa Dous de Maio), e beirarrúas desde a Praza Maior á “Plazuela de los Huevos (sic) y jardinillos de 2 de mayo”. O pleno autoriza por razóns de urxencia e por unanimidade ao señor alcalde, para que faga as xestións necesarias para a adxudicación directa das obras.

No pleno celebrado posteriormente coa data do 1º de outubro do mesmo ano, presentase o presuposto de gastos das obras e dos ingresos para sufragalas:

-Pavimentación rúa Lepanto:  87.000 pesetas.

-Obra Praza Maior:                  150.000 pesetas.

-Beirarrúas:                                  20.896 pesetas.

-Material oficina, imprevistos:   6.000 pesetas.

Total gastos:                               263.986 pesetas.

Ingresos:

Por venta solares Toral (sic)     263.986 pesetas .

Nestas obras posiblemente é cando se levanta a pedra da praza e a fonte, Tamén se cortaron os frondosos catro árbores que daban sombra aos limiaos ociosos que se sentaban as tardes de verán no Espolón. No lugar da fonte construíuse un banco redondo coroado por un farol de tres brazos, no que o Rizo e o Dacal se fartaron de tirar fotografías aos veciños de Xinzo, pavimentándose de lousas de formigón e faise una nova fonte de cemento en forma de estrela, póndoa no seu primitivo lugar nunha esquina da praza, e tres bancos na fachada da rúa Constitución. Da fonte antiga só se aproveitou a parte central.

Anos despois, noutro pleno municipal celebrado o día 4 de novembro do ano 1981, o alcalde Isaac Vila expón a conveniencia de proceder a unha nova estruturación e envellecemento da Praza Maior da vila, para o cal estímase necesario a retirada da fonte, os bancos e a farola nela existente que, segundo el, rompen a estética da praza, independentemente de que estes elementos podan ser situados en outros lugares mais idóneos. Os concelleiros logo dun amplo debate sobre o tema e hasta que se faga un estudo das obras que se estiman mais convenientes para o envellecemento da praza, acorda a retirada dos bancos, a farola e a fonte existente na praza[2].

Unha vez retirados, incluídos as árbores, faise unha nova obra levantando a plaqueta de formigón e pavimentando toda a praza cun laxedo de pedra serrada, quedando a praza valeira de calquera elemento ornamental ou mobiliario urbano.

Posteriormente e xa a comezo do século XXI, sendo alcalde Gonzalo Iglesias Sueiro, faise unha nova obra que consiste en instalar un Espolón de pedra na fachada da rúa Constitución e plántanse ás árbores a beira do Espolón de fundición, que é como está a Praza Maior na actualidade.

Ao longo dos anos coñecemos varios nomes que en diferentes épocas ostentou a praza, o máis antigo no século XIX foi o de Isabel II,  posteriormente, no primeiro cuarto do século XX, coñecíase como praza da Constitución e durante a Guerra Civil, sábese por crónicas de prensa, que se menciona como praza de Calvo Sotelo. Situada estratexicamente no centro da vila é lugar de paso obrigado entre o barrio de arriba e o barrio de abaixo, ou entre a parte norte e o sur da vila. Nela iniciase o itinerario das feiras de Xinzo, que  pola rúa de San Roque nos leva ao Toural, antigo campo da máis importante feira de gado da provincia de Ourense.

Os limiaos sempre a nomeamos como a PRAZA MAIOR ou simplemente a PRAZA, lugar emblemático e zona cero de Xinzo, lugar de encontro, zona de paso e testemuña de toda a historia da nosa vila.

(Estracto dos meus libros publicados).

[1] Alcalde Luis Romero e tenentes de alcalde Francisco Casares Mouriño e Antonio Rodríguez González con asistencia dos concelleiros Xosé Freitas, Constantino Vallejo, Francisco Díaz Lama e José López Camino.

[2] A corporación estaba formada polos siguientes concelleiros: Isaac Vila, José Romero Becerra, José Losada Campos, Antonio Sánchez Gil, Celso Blanco Taboada, Luis Rúa Gonzalez, Antonio Rodríguez Martínez, Gonzalo Iglesias Sueiro, José Peaguda Penín, Martín Dominguez Casal, Ramón de la Fuente, Recaredo Gómez López, Manuel Gómez Colmenero e Celestino Bouzas.

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out /  Change )

Google photo

You are commenting using your Google account. Log Out /  Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out /  Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out /  Change )

Connecting to %s