Peza de marfil de Xinzo de Limia.

Peza de marfil procedente da escavación arqueolóxica na rúa Santa Mariña de Xinzo de Limia en Ourense, no ano 2016

Extracto do artigo do arqueólogo limiao Manuel García Valdeiras, publicado polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Esta peza apareceu durante o desenvolvemento do proxecto: Escavación arqueolóxica na rúa Sta. Mariña núm. 4-6 (Xinzo de Limia, Ourense), executado durante os meses de marzo e abril de 2016. Polo que respecta ao contexto arqueolóxico de Xinzo de Limia e deste soar en concreto, na rúa de Sta. Mariña realizáronse, con anterioridade ao noso proxecto, sondaxes na porta do inmoble núm. 6 onde se rexistraron os restos dun hipocausto, aunha cota de -50 cm do nivel da rúa; xa en 2018 realizamos máis sondaxes e controis tanto nesta rúa coma na contigua da igrexa, pondo ao descuberto estruturas modernas, sepulturas medievais e unha ampla ergoloxía galaico-romana.

Estes soares pola súa fachada posterior lindan co adro da igrexa románica de Santa Mariña, e nela entre 1995-1996 foi escavada unha necrópole que abrangue cronoloxicamente dende o mundo galaicoromano ata o final da Idade Media, así como os restos dunha edificación relixiosa anterior.

En 2012 realizamos sondaxes no soar da rúa da Igrexa núm.12, a 30 m ao E destes mesmos soares e rexistramos estruturas de época Flavia (s. I d. C.). Dende o ano 2002, sucédense por todo o núcleo de Xinzo de Limia intervencións arqueolóxicas que poñen de manifesto a súa importancia como asentamento romano; ás intervencións programadas hai que sumarlles outros achados arqueolóxicos de importancia descontextualizados e repartidos polo

núcleo urbano de Xinzo, como aras adicadas a Reve e Cibeles, dúas estatuas sedentes, un miliario, cantaría de factura romana e fragmentos cerámicos […].

Os resultados da escavación nestes dous soares foi decepcionante a pesar da súa privilexiada posición no centro arqueolóxico de Xinzo, dada a súa inmediatez ao adro da igrexa de Sta. Mariña. As estruturas rexistradas foron de escasa entidade, os restos romanos que ocupaban estes soares foron arrasados durante a construción das vivendas de época moderna e contemporánea e apenas quedan evidencias salteadas que nos permitan elucubrar sobre a súa disposición e dimensións.

O estudo dos materiais arqueolóxicos mostrou un claro nivel de ocupación de época flavia (último terzo do s. I d. C.) e un revolto medieval/moderno do que destaca pola súa excepcionalidade a peza de marfil, unha das escasas mostras de eboraría medieval rexistrada en contexto arqueolóxico en Galicia a pesar de que a peza foi rexistrada durante a fase de control das últimas remocións e, polo tanto, fóra de contexto estratigráfico definido.

O primeiro que destacar da peza é o material de que está feita, marfil, un material raro na ergoloxía arqueolóxica galega, co cal o primeiro que temos que deducir é que se trata dunha importación. Ao estar enterrada a cor crema orixinal derivou nunha cor amarelenta avermellada. Presenta unha forma xeral de fronte e de base de forma rectangular, mentres que o perfil é triangular. Ten unha altura total de 5’5 cm. a súa base é de 5 x 2’5 cm. Ten tallada unha cara de forma esquemática e de forma xeral lixeiramente ovalada de 3 x 2’5 cm.

A morfoloxía da peza, tamaño, estabilidade, indícanos que estamos ante una peza de xogo, o material de importación fálanos dunha peza cara e exclusiva, o que nos leva a pensar nun xogo con pezas antropomorfas e de desfrute restrinxido a una elite que se pode permitir materiais de importación.

Debemos deducir, como hipótese funcional, que se trata dunha peza de xadrez. Tendo en conta o contexto da contorna inmediata coa inmediatez á necrópole románica, debemos presupor unha cronoloxía medieval.

Non coñezo paralelos de pezas de xadrez de marfil medieval en Galicia. No museo da catedral de Ourense temos oito pezas dun xogo de xadrez de arte fatimí do s. X. dentro do conxunto de pezas do denominado «tesouro de S. Rosendo» talladas en cristal de rocha. As pezas de xadrez medieval en marfil máis coñecidas proceden da illa de Lewis do norte de Escocia, 78 pezas en marfil de morsa datadas no s. XII e consideradas unha mostra de arte viquinga […].

O marfil medieval non é descoñecido en Ourense. A peza máis coñecida e espectacular é a Virxe Abrideira de Allariz, no propio museo da catedral, e xunto ás pezas de xadrez anteriormente referidas do «tesouro de S. Rosendo» temos a cabeza dun báculo en marfil elefantino e varios peites, xa da plena idade media (ss. XII-XIII) varias caixas e relicarios atribuídos a artesáns sarracenos de Sicilia […]

Pola forma tan sinxela da nosa peza e a falla de formas que a signifiquen como unha peza de máis valor, temos que supoñer que se trata dun peón.

 

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out /  Change )

Google photo

You are commenting using your Google account. Log Out /  Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out /  Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out /  Change )

Connecting to %s