(PROPASI S.L.) Productores de Patata de Siembra S.L.

Vista xeral do casa e nave desde a estrada xeral.

PROPASI, S.L. e AGA, S.A.

O día 23 de xuño do ano 1923 constitúese en Valencia a Asociación de exportadores de patata S.A[1], co obxecto social preferente da compra venda, exportación e importación de pataca, arroces e cebola. Posiblemente despois da guerra civil constitúen outra sociedade Productores de patata de siembra S.L. e abren delegacións en Miranda de Ebro (Burgos) e Palencia (La Ojeada). A creación de varias sociedades posiblemente fora debido a poder conseguir maiores copos de importación de pataca, que eran moi restritivos na posguerra.

Construcción da Propasi anos 1951/52

A sociedade matriz crea na Limia, nunha data indeterminada, a filial Agrícola Ganadera Antelana S.A. (AGA), empresa dedicada á produción e comercialización de pataca de semente. Tiña as oficinas na estrada xeral, nun baixo da casa de Carmiña Román. A semente importábase de varios países preferentemente de Holanda e Canadá. AGA comeza a  súa actividade na Limia posiblemente a finais dos anos 40 do século pasado. Non é ata comezos dos anos 50 cando a PROPASI, S.L. edifica en Xinzo as oficinas, casa vivenda do xerente e os almacéns que inda se poden observar hoxe no barrio de Villasana. Posteriormente fixeron unha ampliación do primitivo almacén, chegando ata a hoxe rúa Rosalía de Castro..

Construcción da Propasi anos 1951/52

A sociedade Productores de Patata de Siembra S.L (PROPASI), facilitaba aos agricultores a pataca de semente importada ou certificada e tamén lles facilitaba os fitosanitarios. A existencia desta empresa na Limia foi, segundo os entendidos, unha bendición para os labregos, Guillermo Budiño, moi versada no tema, di que á Propasi debería ter un monumento na Limia. Aparte de novas técnicas de cultivo e tratamentos con fitosanitarios, tamén trouxeron a Xinzo un dos primeiros tractores de fabricación americana e marca Farmall International, que funcionaba con gasolina, tiña a matrícula OR-001 e a particularidade de que as dúas pequenas rodas dianteiras ían xuntas[2]. Segundo varios informantes, as empresas contaban en Xinzo cunha nómina de 16 a 20 empregados fixos, que podía chegar a 40 ou 50 nas épocas de máis traballo, nos meses de setembro a decembro.

Tractor Farmall OR-OO1

A Propasi S.L. e a sociedade Agrícola Ganadera Antelana S.A., tiñan fincas na Tapada, parcelas que utilizaban para a experimentación e selección de patacas máis adaptadas a nosa terra. As zonas de produción e convenios eran con labregos das parroquias de Lamas, Boado, Pena,Trandeiras, Baronzás, Laroá, Damil, Parada de Ribeira, Xinzo, Ganade, Viladerrei, A Boullosa, Sandiás e Couso de Limia, tamén na aldea de Pidre da parroquia de Solveira. Lembro as leiras sementadas con estacas indicando as distintas variedades que se cultivaban. Varios inspectores ou técnicos de campo, con un grupo de empregados, facía labores de control e selección nas fincas propias dos agricultores, arrincado os pés de pataca defectuosos e os que daban síntomas vexetativos de virosis[3], para garantir a calidade da produción. Dúas veces ao ano, o Enxeñeiro Agrónomo da central valenciana, Carlos García Girbert, viña a Xinzo a facer inspección e comprobación do funcionamento da empresa e das calidades da terra e da pataca producida. Había tamén un control oficial por parte do Ministerio de Agricultura[4].

Propasi obras nave. Francisco Ruído a esquerda con boina, Abel no centro e Antonio en 1º plano

Os labregos que tiñan convenio coa Propasi, entregaban toda a colleita á empresa. Nos almacéns, os empregados, maiormente mulleres contratadas durante a campaña de recollida da pataca, facían a selección e envasado tanto da pataca de semente (seleccionaban dous calibres: 32/45 e 45/65), consumo e o destrío[5] (pataca moi pequena ou deteriorada).  As máquinas para a selección de patacas eran das utilizadas en Valencia para a selección de laranxas.

Mata encargado obra, D.Luis Domínguez, Lita Bolaño, Saturnino Santamaria e o xerente Pascual Agulló

A pataca que superaba por arriba ou por abaixo os dous calibres para semente, ían, as grandes para consumo e para destrío as máis pequenas, que en ambos casos, a de consumo e destrío, eran as que se devolvían aos agricultores, aos que lle pagaban soamente pola semente que superaba as cantidades que tiñan que devolver. Se a semente era certificada, por cada quilo recibido polo labrego, tiñan que devolver quilo e medio, se era da importación dous quilos.

A esquerda Mata o encargado da obra e a dereita Pascual Agulló o xerente da Propasi.

Os prezos a pagar aos labregos en cada campaña eran fixados por unha xunta composta por: representantes do Ministerio de Agricultura, unha representación dos labregos, unha representación da Hermandad de Labradores y Ganaderos de Ginzo de Limia e unha representación da empresa Propasi. Había dous grupos para sinalar os prezos segundo as variedades de pataca, o 1º grupo comprendía as variedades: Bintse, Kennebec, Red Pontiac e Jaerla. O 2º grupo era das variedades: Baraka, Desirée, Álava e Palogán. Normalmente o 1º grupo tiña un sobreprezo sobre o 2º.

Anuncio no programa das festas de 1967

O control da certificación oficial da semente era feita polo persoal do Servicio de Patata de Siembra do Ministerio de Agricultura, que tiña a oficina na hoxe rúa Rosalía de Castro. Facilitaban as etiquetas e colocaban os precintos para garantir a variedade e calidade da pataca.

A exportación da semente producida, transportábase maiormente por ferrocarril a través da estación de Renfe de Vilar de Barrio. Tamén se exportaba nos anos 70 a pataca de consumo que a propia Propasi cultivaba na antiga lagoa, catro parcelas cun total de 40 hectáreas. Os principais compradores eran as empresas, Matutano e Pepsico.

A mediados dos anos 70 a empresa estaba estudando a opción de concentrar en Burgos toda a produción e abandonar a Limia, a casualidade axudounos cando no ano 1978 se detecta na Limia a praga do Nematodo Dorado da pataca[6]. A praga foi localizada primeiramente en Viladerrei nunha parcela de Aniceto García Nistal e, en Xinzo, nunha parcela de Constantino Santiago na estrada de Ourense[7]. A praga fíxose crónica e, pola lei vixente naquel momento, quedou prohibida desde aquelas datas a produción de pataca de sementa en toda a comarca.

O xerente en Xinzo, durante os case 30 anos da empresa, era o valenciano Pascual Agulló, o contable ata a súa xubilación foi o segoviano Luis Domínguez Espinar[8], eran oficinistas, José Fernández Quiroga, Aser Romero Álvarez, Emilio Gómez Lois, Lita Bolaño de Baronzás, Antonio Sánchez Gil e, nos últimos anos, Adela Villarino. Técnicos eran Saturnino Santamaría (xefe de cultivos). Os inspectores ou técnicos de campo eran: Sixto Álvarez, Antonio Dacal, Ramón Rivero, Francisco Lama, José Antonio Teixeiro, Rudesindo de San Vitorio, Santos García Nistal e Emilio Ruíz Dodre.

A destacar a anécdota dos empregados que chegaron  á Limia solteiros e que casaron en Xinzo nos anos 50, os valencianos Pascual Agulló con Carmiña Díaz e Antonio Sánchez Gil con Raquel Rodríguez e o burgalés Saturnino Santamaría que casou con Maruja Rodríguez.

Cando a empresa pecha definitivamente en Xinzo, nos anos 79/80, ofertou aos empregados fixos a posibilidade de trasladarse a traballar en Burgos, oferta que só aceptou a administrativa Adela Villarino, que volveu a súa terra ao cabo dun ano.

(Meu gradecemento pola súa colaboración a Mª Carmen Agulló, Guillermo Budiño e Adela Villarino).

Notas a pé de páxina:

[1] Esta empresa inda existe na actualidade estando dirixida e seguramente propiedade dos herdeiros dalguns dos primeiros socios. Un dos fundadores foi Luis Matutano (de Patatas Matutano).

[2] Nos anos 50 moitas veces suministrei gasolina a este tractor na gasolineira de Campsa do meu pai. Na actualidade é propiedade do veciño de Xinzo, José Enríquez.

[3] <Los estudios realizados en la zona de Xinzo de Limia y otras zonas de la provincia de Ourense, han podido determinar que las virosis más importantes en esta zona son el virus del enrollado (PLRV) y, sobre todo, el virus Y de la patata (PVY), que ha ido aumentado en importancia y sería factor limitante para la producción comercial de patata de siembra certificada (CABALEIRO et al., 2000). El alto precio de la patata de siembra certificada y la bajada de calidad que ha experimentado en los últimos años la patata de siembra de algunas variedades, como la Kennebec, que es la más utilizada en Galicia, ha hecho que algunos agricultores se planteen la producción de su propia patata de siembra. En el año 2000 se iniciaron estudios para determinar la viabilidad del cultivo de patata de siembra en A Limia y otras comarcas de Ourense. El Instituto do Campo (INORDE) lleva a cabo desde entonces un programa de análisis de virosis en lotes de patata cultivada por algunos agricultores, para su uso como patata de siembra. En algunos casos esos lotes tenían un nivel de PVY y PLRV sólo ligeramente superior, igual o incluso inferior al de la patata certificada>. (CHAO et al., 2002). (Actividad de las potenciales especies vectoras de virosis de patata en la zona de producción de Xinzo de Limia (Orense) P. PÉREZ, B. MARTÍN, C. CABALEIRO. Departamento de Producción Vegetal. Escola Politécnica Superior. Campus Universitario. 27002 Lugo. L. GARCÍA-CALVO. Instituto do Campo (INORDE). Ourense.

[4] O último inspector oficial foi Guillermo Budiño, posteriormente Xefe da Axencia de Extensión Agraria ata a súa xubilación, e actualmente presidente da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia.

[5] Palabra que non encontro en nengún diccionario, mencionada por varias persoas que traballaron na empresa.

[6] <Se detectó en Galicia por primera vez en 1978 en Xinzo de Limia (…) El nematodo dorado fue la causa principal del abandono de la producción de patata de siembra en la Limia, pues la normativa prohíbe cultivarla en suelos donde se hayan detectado quistes de este patógeno (Martínez Beringola et al, 1987)>. Citado no libro de: Urbano Fra Paleo. 2010 -<Riesgos naturales en Galicia. El encuentro entre naturaleza y sociedad>.  Edita USC. Santiago de Compostela.

Artigo de La Voz de Galicia. 13/07/2017. Malos tiempos para los agricultores de A Limia. Una plaga en la cosecha de patatas causa pérdidas por más de 100 millones de pesetas (600.000 euros). La plaga tiene su origen en un insecto, el «nematodo dorado», que afecta considerablemente a las 15.000 hectáreas de este cultivo que actualmente se siembran en A Limia. Pueblos de la comarca como Lamas, Rebordechá, Paredes, San Pedro, Pidre, Laroá, San Vitoiro, Ganade, A Lagoa e Xinzo alcanzan el tope máximo de infección, al alcanzar una media de 25-40.000 quistes, según se desprende de los últimos análisis realizados. La plaga se detecta al presentar las cosechas rodales de aspecto enfermizo y hojas amarillentas, primeros síntomas del llamado «cansancio de la patata». Esto se debe a que las larvas del insecto se fijan en la raíz, impidiendo el paso de la savia a la parte aérea de la planta. Propio de la región andina, el nematodo dorado llegó en los años 40, con la importación de patata de siembra del Reino Unido.

[7] Dato facilitado por Guillermo Budiño.

[8] Veciño de Xinzo por ser represaliado político. Datos do seu expediente:<<Luís Domínguez Espinar, veciño de Xinzo. Técnico de Telecomunicacións en Madrid, natural de Segovia, de 34 anos, Secretario do Sindicato de Telégrafos en Madrid. Este funcionario de telégrafos, casado en Xinzo con Dª. Carmen González Fernández, atopábase en Verín nos días do Alzamento Nacional, onde a súa dona tomaba as Augas de Sousas por prescrición facultativa, tendo que instalarse en Xinzo. Debido a súa militancia sindical e republicana, foi destituído do seu emprego en Madrid, polos cargos que figuran no expediente laboral: “Fue de ideología izquierdista. Al comenzar el Alzamiento, sirvió como elemento de información entre los desafectos al mismo. En carta que dirigió a Don Gregorio Villas, escribió conceptos calumniosos para Don José Calvo Sotelo”>>. (Do meu libro: Historia e memoria. A Limia: 1931-1953).

 

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out /  Change )

Google photo

You are commenting using your Google account. Log Out /  Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out /  Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out /  Change )

Connecting to %s