O Somatén Armado do réxime franquista na Limia.

 

O Somatén Armado do réxime franquista na Limia.

Preocupado polas actividades dos fuxidos e procurando a busca e desarticulación dos enlaces e colaboradores dos movementos de resistencia armada, os popularmente coñecidos como “maquis”, que melloraran a súa actividade guerrilleira encadrados en unidades de combate, o réxime recorre a vellas ideas e recupera o Somatén. Este era un corpo de paisanos armados, creado en Cataluña no século XIX e que tiña como misión colaborar coas forzas da orde pública e de apoio e defensa do goberno constituído. Nos anos da ditadura de Primo de Rivera e, para a súa defensa, esténdese por todo o territorio nacional. Foran eliminados durante a República. Na posguerra a intención do réxime é convertelo nunha milicia parafascista de apoio ao réxime, e como axuda na loita contra os fuxidos e “bandoleiros”, tal como designaban aos guerrilleiros antifranquistas. “O 23 de outubro de 1945 aproban o seu regulamento. Organizábase a nivel de partido xudicial cun cabo como xefe. En cada localidade dirixíao un subcabo e especificábase que formarían parte do Somatén, as persoas de cuxa conduta e antecedentes informasen favorabelmente con anterioridade o xefe da comandancia da Garda Civil. Tiñan o carácter de axentes da autoridade e o dereito de armas de balde. E actuaban tamén como auxiliares e colaboradores do posto da Garda Civil máis próximo, ó que tiñan a obriga de comunicar todas as noticias e informes relacionados coa “orde pública” (…) Así han de formar o Somatén, as persoas máis comprometidas co réxime e (…) alcaldes, concelleiros, funcionarios, mestres, antigos combatentes, e máis os militantes da Falanxe que tiveran unha actuación determinante durante a Guerra Civil”[1].

Con data 27 de abril, o tenente coronel da Comandancia da Garda Civil, remite escrito ao gobernador civil de Ourense: “Tengo el honor de remitir a Vd. Instancias de vecinos de Ginzo de Limia que elevan a su Autoridad en súplica de que se digne concederles la autorización necesaria para formar parte del Somatén Armado (…) Todos ellos observan una buena conducta, son personas honradas y decididas, de indudable adhesión a los principios de Unidad, Autoridad y Orden del Nuevo Estado”. “(…) El Jefe que suscribe considera conveniente la formación del Somatén en aquella villa por ser cabeza de partido judicial y estar algo afectada de bandolerismo aquella zona (…) que justifica su necesidad, puesto que podrían prestar muy buen servicio (…).

  Concedida a solicitude, con data de 30 de abril de 1946, constitúese oficialmente en Xinzo a forza do “Somatén Armado”, que estaba formada por: Hipólito Paz Fernández (era o cabo xefe); Luís Gelpi Asorey; Celso Pérez Minas; Luís Villarino Ramos; Luís Arturo Rodríguez Méndez; Constantino Santiago Álvarez, Alfonso Villarino Rodríguez; Manuel Cerredelo Pardo; Xoán Losada Barrio; Antonio González Garrido; Isaac Losada Dorrio (solicita a baixa voluntaria en 1965) e con data 1º de maio son nomeados: Pedro Martínez Llan, mestre e Arturo Martínez Soto, panadeiro; posteriormente en 17 de xullo de 1946 son nomeados somaténs: Xulio Losada Méndez, industrial; Alonso Rodríguez Méndez e Lorenzo Míguez Núñez, auxiliar de farmacia. Este Somatén de Xinzo foi disolto, por petición da xefatura da 632 Comandancia da Garda Civil, con data do 30 de maio de 1977, en oficio dirixido ao gobernador civil da provincia, propondo a baixa dos somaténs, algunos por cambio de residencia y otros por motivos de edad y número insuficiente –quedaban sete– para cumplir la misión que tienen encomendada, por ser la mayor parte de ellos de avanzada edad y carecer de aptitud física”. Ante esta proposta, con data 3 de xuño, o Gobernador Civil dispón a disolución do grupo do Somatén armado en Xinzo de Limia.

Había tamén outros grupos na comarca: Trasmiras con 14 membros, as razóns da Garda Civil eran: “Por hallarse sobre la carretera general de Villacastin a Vigo y carecer de puesto de la Guardia Civil y por tal motivo propenso a ser víctima de atentado de los bandoleros: Las personas firmantes de la instancia (…) son de buena conducta y afectos al Movimiento Nacional (…)”. Noutro escrito remarcan: “De los informes adquiridos, resulta que todos ellos, son de buena conducta (…) adictos al Nuevo Estado y personas de indudable decisión y virilidad (…)”. O Somatén de Trasmiras estaba formado por: Camilo Álvarez Ugarte, Francisco Martínez González, Antonio Rodríguez Feijoo, Xulio Martínez (Martín) Conde, Vitoriano García González, Xosé e Abelardo Vázquez Alonso, Xoán Boo Martínez, Felípe Rivas Castro, Santos García Nistal, Manuel Alonso Conde, Bricio Sanmamed Rodríguez, Feliberto Rodríguez de la Fuente e Xosé García Nistal.

En Sarreaus quedou constituído por doce membros: Odilo Airas Rodríguez, Serafín Alonso Brandín, Manuel Rodríguez Airas, Manuel López Rodríguez (Secretario Xudicial); Francisco Grande Gómez, Xerardo Carnicero Gómez, Leopoldo Rodríguez Airas, Odilo Airas Fernández, Manuel Paz Lois, Xosé e Cándido Rodríguez Pazos e Ramón Pérez Rúa. En Vilar de Santos con outros doce: Xulio Blanco Míguez (labrador); Manuel Barja Quintas (xastre); Francisco Lamas Ferreiro (industrial); Francisco Lamas Pérez, Delfín Quelle Villarino, Bernardo García Saez (oficial do concello e xefe FET); Xosé Lamela Abad, Antonio Fernández Outeiriño (capataz obras públicas); Antonio Taboada García (labrador); Xosé Gómez González, Antonio Domínguez Xardón (labrador) e Máximo Nogueiras Graña (labrador)[2].

Para formar un Somatén, había que solicitalo mediante instancia; nos somaténs da Limia estas solicitudes están asinadas en case todos os casos polo xefe da Falanxe local e na instancia firman todos os interesados. Estaban formados por unha maioría de falanxistas ou elementos civís, “xente de orde”, da maior confianza das autoridades, colaboraron coa Garda Civil nos servizos de busca e persecución dos membros do maquis e dos seus colaboradores, estando dispostos en todo momento para a defensa armada do novo réxime. A abolición definitiva do Somatén produciuse en 1978 tras o restablecemento da democracia.

( Do meu libro: Historia e memoria. A LIMIA: 1931-1953.)

 

 

[1] García Yáñez, F. 2005. P. 242.

[2] AHPO. Fondo Goberno Civil, caixas 13.955 e 13.957.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s