As capelas anexas da parroquia de Santa Mariña de Xinzo.

Retábulo do altar maior da igrexa de Santa Mariña de Xinzo. Foto Pepe Calleja

Pola visita do bispo de Ourense e os informes que deixou escrito nos libros parroquiais, sabemos que nos termos desta parroquia, en 1831, existían tres capelas ou ermidas, todas coa decencia precisa para que se puidesen celebrar nelas a misa, inda que nalgunhas había necesidade de reparacións ou enfeites.

Unha das capelas recibiu a advocación de santo Andrés, na aldea de Baronzás. Outra, a de santa María Madalena, preto da vila, no camiño Real de Castela, na que estaba o cemiterio da vila, á altura hoxe do cruce de avenida de Madrid e a rúa Rosalía de Castro. E a outra, a de san Roque e san Caetano, situada no campo da feira do gado. Na parroquia van xurdindo ermidas, e no ano 1743 figura a de Santo Andrés, situada en Baronzás.  En Xinzo, a de Santa María Madalena aparece documentada en 1683 e a de San Roque en 1718. (Bande, E., La Región: 18-07-1983.)

Celebrábanse nelas as funcións solemnes respectivas nos días dos seus santos titulares. Na capela de Baronzás, ás expensas dos veciños daquel lugar; nas outras, por conta dos fondos da vila cando non había devotos que quixesen custealas. Para a celebración levábase todo o recado e todo o ornamento da igrexa parroquial. O concello da vila mantiña as dúas capelas de Xinzo e a capela de Santo Andrés de Baronzás por non teren estas dotación económica algunha.

Na capela da Madalena fundárase unha capelanía colativa, que posuía D. Manuel de Sáa, abade de San Xoán de Rairiz de Veiga, gravada cunha misa rezada e responso o día 23 de xullo de cada ano na mesma capela.

Había tamén fundadas na igrexa matriz, unha capelanía colativa de misa de alba en todos os días de precepto, posesión de D. Bernardo Velasco, abade de Pexeiros, que non a cumpría; e outra da Nosa Señora do Rosario, que posuía D. José González, natural de Damil, quen despois de ter tomado posesión dela, tocoulle a sorte de soldado e estaba servindo ao rei, desfrutábaa mais non constaba o cumprimento dunha misa semanal rezada con que estaba gravada.

Na igrexa parroquial fundáranse ademais varias misas perpetuas de que se haxa razón nas visitas antigas e nalgúns asentos dos libros parroquiais. Unhas cumpríanse e outras non.

A función solemne do Santísimo Sacramento, o alumeado continuo da súa lámpada e a cera para as candeas que debían acompañar o viático cando se levaba aos doentes foi custeado desde tempo inmemorial polos veciños da vila en proporción ás facultades de cada un, da maneira en que se refire no folio 34 volto. Porén, había máis de 53 anos que D. Pascual de Sáa e Romero comezou a facer da súa conta a dita función solemne do Corpus Christi, custeando tamén o alumeado continuo da lámpada e as doce candeas de cera todas as veces que se administraba o viático. Continuou con esta devoción ata a súa morte, e continúan con ela os seus herdeiros, mais descoñécese a razón porque estes continúan co costume. É verosímil que fose por causa da disposición testamentaria do dito D. Pascual de Sáa, cuxo testamento non puidera conseguir aínda o párroco.

Celebrábase tamén nesta igrexa parroquial a función de san Sebastián, por conta dos fregueses, da maneira que se explica no folio 35 do libro de visitas.

A fábrica desta igrexa, ademais da renda por doazón de sepulturas que queda relacionada, levaba os dereitos de covaxe, que eran 12 reais no coro, oito entre os colaterais e seis no resto da igrexa, e a real os de párvulos. Levaba tamén a primicia, que era un ferrado e cuarto de centeo, de cada veciño que chegaba a apañar cinco fanegas de calquera grao; e dos que colleitaban menos, media primicia ou algo menos, proporcionalmente e a xuízo prudencial. As súas contas quedan liquidadas e aprobadas no libro. O número de veciños desta parroquia matriz ascendían a 150.

Este beneficio era de presentación anexa aos citados dos sres. condes de Monterrei, que estiveron secuestrados. Era o abade presentado pola rexencia do reino en 1810, D. Bernardo Antonio González, quen servía á matriz pola súa persoa; e aos dous anexos, que son San Salvador de Damil e Santa María de Lamas, por Xosé Villarino e Juan Melio, respectivamente. Tiña casa reitoral destros e tamén algunhas rendas das que se fai mención na visita anterior do ano 1805 e noutras. E percibía ademais o abade todos os décimos da matriz e anexos coa carga de dous mil reais, que tiña que pagar ao convento de monxas Agustinas Recoletas da cidade de Salamanca. Pagaba ademais a Dignidade da Limia, tamén anualmente, catro fanegas de centeo e dez reais en metálico; ao Seminario, a cota correspondente; e ao patrón, tres fanegas do dito pan. (Libro de visitas da parroquia de Xinzo. Visita do bispo D. Dámaso Iglesias e Lago, en data 13 de xuño de 1831.[2])

Do meu libro: Xinzo de Limia na memoria.

2]Arquivo Diocesano Ourensán, libro 17.7.14.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

[

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out /  Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out /  Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out /  Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out /  Change )

Connecting to %s