As feiras de Xinzo a través do tempo.

A feira de gado no Toural

Pódese dicir que a feira do día 14 en Xinzo, que se organiza desde tempos inmemoriais, deulle forma e vida á vila. Era xa importante no ano 1131, cando o rei Afonso VII lles concedeu aos habitantes de Ourense a exención do portádego e do telonio cando fosen vender á Limia as súas mercadorías[1].

No ano 1576, no libro de mordomía de Xinzo de Limia, pertencente ao conde de Monterrei, faise constar: “Recuento de las tiendas de mercaderes de paños y asientos de piedra de la feria de Ginzo y de lo que cada una de ellas se arrendó el año de mil quinientos setenta y seis”. A feira de Xinzo contaba daquela, no que hoxe é a Praza Maior, con pendellos cubertos para acubillar as mercadorías dos vendedores e pólas a salvo das inclemencias do tempo. O mercado cuberto tiña polo menos dúas portas, unha entrando de Monterrei, con seis ringleiras de postos de venda, e outra, á que se refire como porta de Xinzo, tres ringleiras máis, cun total de corenta postos de venda. Había ademais, cubertas, seis tendas de prateiros e once de mercerías. Todos os postos eran adxudicados mediante poxa polo administrador do conde de Monterrei, que era o beneficiario das rendas. Anos despois, estas rendas, por cesión do conde, pasarían a beneficio do hospital de Monterrei[2].

Mitin nun día de feira na Praza Maior nos anos 20

Por un preito entre veciños no ano 1600, constatamos a importancia que daquela tiña a feira. Nel faise constar que se organiza unha feira o catorce de cada mes, á que concorren todos os veciños da terra e mercadores con panos, lenzos e outras mercadorías; é tanta a xente que nin cinco, nin oito nin dez tabernas chegan para abastecer viño e alimentos. E de todo o que se vende na feira, págase alcabala a Súa Maxestade, cada ano, máis de cento cincuenta ducados. Que por este motivo hai en Xinzo moitos mesóns e tabernas que viven e abastecen pan, viño, peixe, palla e cebada aos que se lles saca o dereito á venda. Estes terían grandísimas perdas e igualmente perderíanse as alcabalas do rei e o comercio da vila, e moitos veciños terían de marchar de Xinzo.

No século XVIII, a feira do 14 en Xinzo era tida como a mellor da provincia “sin exemplar de que ningún año dichas ferias habían llegado a tanta cantidad sino el presente (1752-1753)”, referíndose ao arrendamento da de Xinzo e da súa anexa de Ponte Liñares en 16.250 reais. Pola mesma data, na provincia, a máis importante era a de Xinzo seguida da do Carballiño (14.983 reais). A da cidade de Ourense estaba arrendada só en 9.253 reais e 24 marabedís. Co produto das feiras de Xinzo e de Ponte Liñares, que era tamén propia da xurisdición, pagábanse as alcabalas de todos os concellos que compuñan a xurisdición[3].

Día de feira na estrada xeral

Pedro González de Ulloa, en 1777, tamén nos informa de como eran as feiras[4], das que di que son “las mejores de la provincia, muy abundante de todo”, especialmente en gado, que se mostraba nun espazoso campo da vila onde tamén se había panos e outras mercadorías a vender debaixo duns alpendres. As alcabalas nas que se arrendaba a feira, xunto coa de Ponte Liñares, eran de vinte mil reais anuais, que se utilizaban para o pagamento da xurisdición, que estaba taxada en corenta e cinco mil reais.

Sendo correxedor de Xinzo Juan Antonio Espada, en xaneiro de 1779 adxudícanse os asentos da feira, pertencentes ao duque de Alba, conde de Monterrei e marqués de Vilafranca, como dono da xurisdición e para o beneficio do hospital de peregrinos da vila de Monterrei, na cantidade de 1.750 reais. As feiras de Xinzo e Ponte Liñares rematáronse na cantidade de 22.000 reais, sen lles poder cobrar aos “vendedores vecinos de esta jurisdicción, más de dos reales por buey, real y medio por una vaca y un real por cada novillo o becerro, y para los de fuera, mediante no deben gozar del beneficio que tiene hecho esta jurisdicción con que debe contribuir a Su Majestad anualmente, se cobrará un real más por cada buey y medio más siendo vaca, novillo o becerro, y en todos los otros ramos y géneros que paguen alcabala, según la costumbre”.

 En 1829, o arbitrio de asentos da feira de Xinzo, do Hospital de Caridade de Monterrei, foi adxudicado en seiscentos oitenta reais; e os de bancos da feira, en dous mil cento cincuenta reais. Neste ano as alcabalas de feira do 14 foron rematadas en catorce mil setenta e cinco reais e dezasete marabedís; pagados ”en metálico de oro, plata y cobre (y no en vales ni otra especie), en tres tercios iguales”[5].

Día de feira na Praza Maior

Nun importante acordo de xaneiro de 1915, considerando o que foi o sentir xeral da poboación durante moito tempo, a corporación municipal acorda celebrar unha nova feira na vila, os días 27 de cada mes, libre polo de agora do pagamento de dereitos ou taxas polos criadores de gado, feirantes e postos de venda.  Non debeu ter moito éxito ou non se puxo en andamento porque o día 1º de abril de 1922, sendo alcalde de Xinzo, Alonso Nieto Casado, créase novamente a feira do día 27, de periodicidade mensual. Esta feira chegou a atinxir a mesma vitalidade que a do día 14, de modo que Xinzo pasou a ter dúas feiras importantes, e isto repercutiu tanto no agro coma no comercio local. Ao mesmo tempo, continuaba habendo dous importantes mercados semanais, aos martes e aos sábados.

Posto de cacharros de barro na praza.

Durante o mandato do alcalde Xesús Carlos Romero Nieto, nos anos 50, designouse o día 21 como data para celebrar unha terceira feira, tema que lles interesaba moito aos comerciantes e hostaleiros, tal era a importancia das feiras na economía local. A pesar da publicidade e das xestións realizadas, a feira do día 21 tivo pouco éxito e foi esmorecendo, e de alí a pouco tempo deixou de facerse.

As feiras do días 14[6] e 27 eran o motor comercial da vila. Nos anos 50 facíanse na Praza Maior, na rúa de Lepanto, na praza dos ovos–hoxe, Xoán XXIII-, na praza do peixe –hoxe, bispo Idacio–, na rúa San Roque e no campo do Toural, onde se traficaba co gado, porcos, burros, bestas, bois do país, vacas e becerros, da gran riqueza pecuaria que tiña a Limia. Tamén estaban no Toural os postos de comida e as polbeiras de Arcos. O menú máis popular era o polbo á feira, os xurelos, sardiñas fritas e a vitela; a venda de carros e de trebellos para a laboura, a louza de barro de Tioira (Maceda) e cestos de vimbios. Todo ao longo da rúa de San Roque, instalábanse os chiolos ambulantes de teas, roscas de Ribadavia, os latoeiros e unha grande variedade de mercadorías.

Postos da feira na rúa de San Roque.

Na Praza Maior púñase á venda o que daban as leiras: patacas, centeo, trigo e outros produtos agrícolas. Na praza dos ovos vendíase os produtos da horta e da matanza do porco, ovos, galos, galiñas e coellos, tamén había a vender o carbón vexetal da serra de Baltar. Na rúa Lepanto estaban os postos de ferraxarías, onde se vendían potes, fouces para a sega, gadañas e outros aveños para a laboura. Tamén o calzado artesán de chancas e zapatóns, que fabricaban os artesáns de Allariz. Os comerciantes locais sacaban as súas mercadorías as rúas ou pendurábanas nas fachadas dos seus negocios para chamar os clientes. Infinidade de casas de xantares traballaban arreo nas cociñas para satisfaceren a demanda de viandas e bebida dos asistentes á feira.

As feiras empezaban na primeira hora da mañá, que era cando chegaban os feirantes, polbeiras e tratantes de gado en autobuses mixtos –cargaban xente e animais–; do Carballiño viñan as polbeiras no autobús do Rivera; os xamoneiros e tratantes de Maside, coa empresa Gonzalez de Dacón; os de Ourense chegaban nos mixtos brancos da  empresa Los Americanos; de Xunqueira viñan co Salomón; e de Allariz, sobre todo os zapateiros, co Purrela. Paisanos e labregos en mixtos, a cabalo, en bicicleta ou a pé, e moitos acompañados do gado e outros produtos para vender na feira de Xinzo.

Por ela andaban cortabulsas, trileiros –o máis coñecido era o Titá–, charlatáns –famoso foi o chamado Mario–, que entretiña os paisanos coa venda de diversos produtos, en canto os carteiristas aproveitaban a concentración de paisanos para lles alixeirar as carteiras; curandeiros como a Remi, que cuberta de cobras vendía ungüentos para curar todos os males. No verán aparecían os vendedores de auga de limón (quen non lembra o berro de: ¡Agua de limón fresca y dulce!). Tamén había cantares de cego e moitos mendigos a pedir esmola. Os nenos, ao terminar a feira, ían ás zonas de venda de centeo para rebuscar no chan, á procura do valioso cornecho para sacaren unhas cadelas; outros,por uns céntimos, coidaban e gardaban no predio da igrexa vella en construciónos burros, mulas e cabalos dos paisanos que viñan á feira. Á noitiña, e polos mesmos medios e camiños, todos, ben comidos e bebidos, volvían para as súas casas e, como é sabido, cada un falaba da feira segundo lle fora nela.

Ao longo dos anos 60 e especialmente a partir dos 70, a feira, sobre todo do gado, vai esmorecendo. Os tratantes xa están motorizados e van mercar o gado directamente ás aldeas da comarca e os labregos xa non teñen que se preocupar de levalos á feira. Polos mediados dos anos 70, o concello, para evitar a caída da asistencia de gado a á feira, acorda que os labregos que asistiren co gado estarán exentos do pago de arbitrios.

As melloras da calidade de vida, as boas comunicacións entre vilas e aldeas así como o gran número de automóbiles e autobuses que facilitan o traslado de persoas e mercadorías orixinan que nos últimos tempos as feiras se tornen feiróns onde se venden sobre todo mercadorías téxtiles, bolsos e calzado a prezos moi baixos, case todo manufacturado en países asiáticos.  Hoxe en día os paisanos das aldeas e da vila aproveitan para facer as compras, comer o polbo e volver axiña para as súas casas. A feira termina ao mediodía, cando antigamente duraba ata a última hora da tardiña. A globalización, a modernidade e o envellecemento da poboación acabaron con aquelas famosas feiras de Xinzo que só perdurarán na lembranza dos máis vellos.

Do meu libro: Xinzo de Limia na memoria.

[1]Gallego, O., 2001, p. 40.

[2]Archivo Real Cancillería de Valladolid (ARCHVa). Libro de mayordomía de conde de Monterrey de Ginzo de Limia. Protocolos y padrones. Caixa 51.3.

[3]Gallego, O., 2001, p. 40.

[4]González de Ulloa, cando fala de Viladerrei, indica que alí tiña lugar a feira que agora se fai en Xinzo, que era vila de xurisdición separada e de menos extensión que a de Viladerrei.

[5]AHPOu. Protocolos notariais, caixa 1522, folio 42.

[6]A chamada feira das mozas era a do 14 de maio, día en que a vila se enchía de mozos e mozas á procura de noivo; para moitos era a primeira vez que visitaban a vila. Todos coñecían o refrán que dicía: “O que non bota noiva o 14 de maio, non a bota en todo o ano”.

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out /  Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out /  Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out /  Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out /  Change )

Connecting to %s