Cen anos de historia do Antela F.C. (1919-2019).

18/07/1944 Antela, 5_Celanova, 2

 Os comezos do fútbol en Xinzo de Limia (1919-1920).

Aínda que de seguro se xogaba xa ao fútbol anteriormente, sen organización algunha, a historia oficial deste deporte en Xinzo de Limia nace dunha conversa de taberna entre amigos nos primeiros días do mes de xuño de 1919: o día 1º fanse os estatutos da fundación do reglamento de foot-ball da Sociedad Deportiva Antela F.C., que deu vida e puxanza ao primeiro equipo do Antela. Entón os afeccionados ao fútbol aumentaron de tal forma que non había domingo que non se xogasen partidos entre este e outros equipos da provincia. Homes, mulleres e nenos asistían en gran número e con moita paixón aos encontros. O primeiro campo de xogo estaba situado no Toural, con chan de terra, que se utilizou ata que se adaptou outro novo, en 1936, na Seara. A primeira xunta directiva estaba formada polos seguintes mozos: presidente, Manolo Rivero; vicepresidente, Emilio Romero; tesoureiro, Antonio Ledo; secretario, Antonio Nieto; e vogais, Luís Álvarez,  Aurelio Lodeiro e, como capitán do equipo, Juan Tejada. Case toda a burguesía local eran socios protectores e pagaban unha cota mensual. Na primeira lista figuran cincuenta e sete socios protectores, dos que a maioría tamén eran xogadores.

Regulamento da sociedade Antela F.C.

O día 3 de agosto de 1919 ten lugar un pleno no concello, en que se atende un “besalamano” da xunta directiva da Sociedad  Deportiva Antela Club desta vila, onde figuran os mozos directivos Álvaro Rodríguez Suárez, Emilio Romero e Manuel Rivero, solicitando protección para a dita sociedade, co obxecto de enaltecer a vila e de conseguir recursos para esta con motivo da prosperidade da primeira. A corporación municipal acorda conceder unha subvención de 50 pesetas e mandan facer libramento a favor de Álvaro Rodríguez.

Regulamento da sociedade Antela F.C.

Por unhas crónicas deportivas publicadas por Antonio Nieto en La Región e no Diario de Orense, podemos coñecer detalles de varios dos partidos xogados nos primeiros anos do Antela F. C. O primeiro partido xogado foi na vila de Verín, contra o seu equipo, El Rayo. Foron moi ben acollidos e agasallados; deulles a benvida o mozo verinense Manolo Taboada, que foi contestada polo delegado do Antela, J. Tejada. O partido xogouse unha tarde do mes de agosto de 1919 e gañou El Rayo de Verín por 4 goles a 1. O seguinte encontro contra este mesmo equipo tivo lugar no campo do Toural de Xinzo, o posterior domingo de agosto. Ás seis da tarde e na entrada da vila, perante unha nutrida comisión do Antela, atrás da cal ía a banda de música de Celanova e unha multitude de veciños que esperaba a comitiva verinense, e no medio de aclamacións, foron levados ao club onde foron obsequiados. O distinguido médico Cesar Tejada deulles a benvida con sentidas frases, desexándolles unha feliz estadía na nosa vila. A pesar de xogar na casa, o Antela perdeu de novo co equipo verinense por 3-1. Despois do partido, foron todos ao Casino Antelano, onde se serviu un gran “lunch”, e pola noite celebrouse unha verbena ata altas horas.

Regulamento da sociedade Antela F.C.

O domingo 7 de setembro levouse a cabo un encontro futbolístico na nosa vila entre os equipos Galicia Sporting de Allariz e o Antela F. C. Gañaron os de casa por 2 goles a 0. A formación do Antela foi: porteiro, A. Ledo; defensas, L. González e Sirgo; medios  R. Saa, J. Saavedra e E. Suárez; dianteiros, J. Fernández, J. Rodríguez, E. Romero, J. Tejada e Matías Saa. O partido foi arbitrado polo mozo Manolo Rivero. Após o partido, os forasteiros foron obsequiados no salón do Casino Antelano cun refresco no medio de alegre camaradaría. Á noite, celebrouse unha animadísima verbena.

Regulamento da sociedade Antela F.C.

Outro dos primeiros partidos do que temos constancia tivo lugar o día 14 de setembro dese mesmo ano, contra o equipo Triunfo F. C. de Ourense, con camisola branca e azul. O Antela gañou o partido por 1-0. O encontro foi arbitrado por Rivero, que resultou moi parcial. O Antela estaba formado por: Matías, Tejada, Romero, Saa, Fernández, Suárez, Saavedra, Vidal, Sirgo, González e Ledo. Ao final do partido os xogadores dos dous equipos foron obsequiados cun refresco nos salóns do Casino Antelano. Reinaba nel grande entusiasmo e brindaron para que os partidos se sucedesen de continuo. Temos que subliñar que a primeira camisola do Antela era de raias verticais brancas e vermellas. A crónica do partido, tamén de Antonio Nieto, foi publicada na revista Galicia Sportiva de Vigo, no nº 43, do 28 de setembro de 1919.

Regulamento da sociedade Antela F.C.

O 19 de outubro xogouse en Xinzo un partido entre o Comercial de Ourense e o Antela, no que gañaron os ourensáns por 1-0. Anulóuselles un gol aos forasteiros por “orsay”. O día 25, na vila de Allariz, volven a xogar o Galicia Sporting e o Antela F. C., terminando o partido con empate a cero goles. Despois do “mach” foron obsequiados os antelanos cun espléndido refresco, ofrecido polo señor xefe de telégrafos, Baldomero Rodríguez, que con acendidas frases deulle a benvida en nome da directiva do club allaricense. Foi contestado por Manolo Rivero, presidente do Antela, que en representación do club deulles as máis expresivas grazas, brindando ao mesmo tempo porque os partidos se sucedesen con frecuencia. A continuación, e xa pola noite, celebrouse unha animadísima verbena.

ültima páxina coa data do regulamento da sociedade Antela F.C.

Antonio Nieto utilizaba moitos termos ingleses nas súas crónicas.  Así, ante un ataque do equipo contrario, manifesta: “nuestros backs se defienden colosalmente”. “Cogen los blanquiazules otra vez la pelota y shootan, pero el esférico no llega a ser introducido en la red que Matías defiende”. “También vemos un chut monumental (…) parandolos muy bien el goalkeper de los forasteros”.“En el espacio de pocos minutos hay dos corners. Y así termina el match (…). Noutra crónica fala: “De saque de los nuestros hacen una arrancada y el referée comete otra de las tantas pitadas castigando un ofside a los de casa”. “Hay una arrancada de los verinenses que es coronada por un shoot que se conviete en goal (Ovación)”.

Antela F.C. 1945

O día 29 de xullo de 1920 volven a enfrontarse en Xinzo o Antela F. C. e o Galicia Sporting de Allariz. Gañan os da casa por 2 goles a 0. A formación do Antela foi: porteiro, G. Álvarez; defensas, J. Tejada e Anta; medios, J. Vidal, Matías Saa e Emilio Romero; dianteiros, Celso Pérez, Manolo Sirgo, Piñilla, Ramón Saa e A. Ledo; o árbitro foi Alejandro Álvarez.

Noutro dos primeiros partidos volveron os de Xinzo a xogar en Verín, con data 8 de agosto de 1920. Escribe Antonio Nieto a crónica deportiva, onde di que: “salimos en auto para Verín acompañando al “once local” que con un sin número de aficionados –entre ellos un hermoso grupo de jóvenes antelanas– iba a contender con el Rayo Sporting (…) Ya en Verín somos aclamados por los verinenses que a la entrada del pueblo nos estaban esperando”. O partido terminou cun resultado de 3-2 favorable aos de Verín. A crónica foi publicada na revista Arosa Sportiva, revista semanal independiente, no nº 21, de 27 de agosto de 1920.

Días despois, no mes de agosto do mesmo ano, xogouse na nosa vila un partido entre os pequenos futbolistas locais do Rápido S. C. e o Royalt ourensán. O equipo da casa formou con: porteiro, Manolo; defensas, Juanito e Vidal; medios, Nieto, Losada e Villarino; dianteiros, Ramón, Alvarez, Dorrego e Álvarez. O árbitro foi o mozo Alejandro Álvarez; Antonio Nieto esqueceuse de deixar constancia do resultado.

O oito de setembro enfrontáronse no campo do Toural o Mercantil de Ourense e o Antela, terminando o partido con empate a un gol. Arbitrou o mozo Alejandro Álvarez. A formación do Antela foi a seguinte: porteiro, G. Álvarez; defensas, Barros e J. Tejada; medios, Matías Saa, Anta e Emilio Romero; dianteiros, Canónigo, Manolo Sirgo, Xudes, Saavedra e Carlos Pérez.

(Para coñecer o resto da historia podes lelo no meu libro: Xinzo de Limia na memoria. Cap. 29. A historia do fútbol en Xinzo no século XX).

 

 

 

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out /  Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out /  Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out /  Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out /  Change )

Connecting to %s