A TORRE DE PENA (Xinzo de Limia)

 

Algúns historiadores datan no século XII a existencia da torre da Pena da Portela, e outros atribúen a súa construción aos suevos. Pero non será ata uns anos máis tarde en 1217, século XIII, que teñamos as primeiras novas coñecidas ate o de agora, do noso Castelo, cando o Rei Alfonso IX, decide entregar as súas fillas Sancha e Dulce en concepto de dote, algunhas das fortalezas galegas que, xa que logo, xa estaban en pé naquela altura, entre elas castellum Iohannis de Olariis nomeado como Portelam de Sancto Iohannis: o Castelo de Portela da Limia. (Durany. M., 2010, p. 174).

A torre desde o convento de Trandeiras. Foto Pepe Calleja.

No século XIV o rei Afonso XI doa a Pena da Portela a Rui Páez de Biedma, mordomo maior, que funda a casa da Torre de Portela[1], concedida polo rei o día 9 de agosto de 1336, quen constrúe unha torre de carácter militar.

Foto Amando Vázquez Seoane

Un fillo de Rui Páez, Juan Rodríguez de Biedma, señor das casas de Biedma e Rivera, alcalde do rei en Allariz, obtivo a confirmación dos bens dos seus antecesores e San Pedro de Laroá pola rama dos Rivera. No ano 1369, o rei Henrique II fíxolle doazón, entre outros, do lugar de Ginzo, Ganade e posteriormente Viladerrei e a Terra de Todea . O rei Juan I confírmalle os privilexios –dados nas Cortes de Burgos o día 4 de setembro de 1379–, que o rei Henrique II outorgara ao señorío dos Biedma.

Esquina superior da torre de Pena.Foto Tomas García

Na primavera de 1387 o duque de Lancaster, camiño de Benavente, ocupou os castelos da Limia. Entre os que foron conquistados durante as guerras civís do século XIV está a Torre de Portela , que ao longo dos anos pasou da propiedade dos condes de Monterrei aos condes de Lemos, despois de un longo preito, e finalmente aos condes de Alba. Ao longo da historia aparece nomeada indistintamente como Torre de Portela, Pena de Portela ou San Pedro de Portela.

Foto Amando Vázquez Seoane

Infórmanos Pedro González de Ulloa, en 1777, dos barullentos preitos nobiliarios pola posesión do castelo e da torre de Portela da Pena. Don Sancho de Ulloa, primeiro conde de Monterrei, e a súa muller, Teresa de Zúñiga e Viedma, tiñan unha filla única, Francisca de Zúñiga, herdeira universal. Casou con Diego de Acevedo con quen tivo un fillo, don Alonso. Ao quedar viúva a dita señora, casou en segundas nupcias con Fernando de Castro e Andrade, conde de Lemos, de cuxo matrimonio naceu unha filla, Teresa, a quen beneficiaron cun morgado no ano 1515 en detrimento de don Alonso, o que daría orixe a un longo preito entre as casas de Monterrei e de Lemos. O documento tiña as seguintes cláusulas:“Ítem le dejo a mi hija doña Teresa la villa y castillo de Villanueva de los Infantes, con los mismos cotos y tierra de Tredea (Todea?) e Rairiz de Veiga, y el coto de Mezquita y el de Sorbeira (Solveira?), y el coto Espinoso y el coto de Castillo. Ítem más, la mi fortaleza de Portela, con tierra de Portela. Ítem más, la villa de Villaderrey con sus alfoces e tierra de Canderrey, con el val de Fontearcada, con los cotos y juzgados de Ababides, e río Freixo y el lugar y juzgado de Ginzo, con el coto de Ganade y de San Pedro de Laroá, y con la tierra y concejo de Abelenda y Rivera de Limia, y con más de mis casas fuertes de Aguiar de Mora y Randín, con toda tierra de Val de Salas, con la jurisdicción y juzgados de Requianes e Rebor da Chao, e Randín e Villamaior da Boullosa, Baltar, e concexo de Santa Marina, e Tosende, con el concejo e tierra de Araujo […], con todos sus vasallos, señorío y jurisdicción civil y criminal, alto y bajo, mero, mixto imperio, y con todos sus pechos y derechos, y patronazgo y portazgos con todos sus frutos y rentas; y con todos los bienes propios que yo ende, he y tengo, con todos dichos lugares, etc.”.

A sentenza xudicial definitiva, de 16 de setembro de 1610, partilla os lugares, as fortalezas e as xurisdicións entre os condes de Monterrei e os de Lemos, e asígnalle ao conde de Monterrei, entre outros lugares, Xinzo, Ganade, Viladerrei e Terra de Todea. Canto ao conde de Lemos, este recibe, entre outros bens, a fortaleza da Torre de Portela, en Pena.

Foto Pepe Calleja

A torre, construción defensiva de carácter militar, está bastante ben conservada. É de planta cuadrangular (10,30 por 10,40 metros de lado), e con muros de coidada cantería que chegan a medir 2,40 metros. A porta ábrese no alto de forma precautoria, o que obrigaba a entrar cunha escada de madeira que, en caso de necesidade, podíase retirar a escape. Dentro hai tres andares, dous deles cubertos con bóveda de canón.

Obras acondicionamento cuberta en 2002. Foto Manolo Seoane

O máis salientable da torre é a cuberta de tres pisos con bóvedas de canon de excelente feitura, distribuídas transversalmente entre elas, de xeito que a bóveda do primeiro piso vai de este a oeste, a do segundo de norte a sur, e a do terceiro volve a ter a mesma orientación que a do primeiro. A pesar da súa orixe señorial, foi un importante posto militar no sistema defensivo da fronteira con Portugal que formaban as catro torres que existían entón na Limia, Sandiás, Celme, A Forxa e Pena. A torre foi declarada ben de interese cultural no ano 1994. O enclave onde está situada é un impresionante balcón natural sobre a chaira da Limia.

Ao longo da historia aparece indistintamente como Torre de Portela, Pena de Portela ou San Pedro de Portela.

Obras acondicionamento da cuberta en 2002. Foto Manolo Seoane

(Do meu libro Historia de Xinzo de Limia).

As obras de conservación e reforma da torre en 2001-2002, foron dirixidas polo arquitecto limiao Manuel Seoane Feijoo.

[1] A tradición sitúa neste castelo o nacemento de Inés de Castro (comarca da Limia, Galicia, 1325 – Coímbra, 7 de xaneiro de 1355). Nobre galega e raíña de Portugal despois de morta, filla bastarda de Pedro Fernández de Castro, primeiro señor xurisdicional de Lemos. Inés viviu un clandestino romance con Pedro, fillo do rei Afonso IV de Portugal. Cando morre a súa dona Costanza, é a ocasión para formalizar en segredo os seus amoríos con D.ª Inés perante don Xil, bispo da Guarda no ano 1353. Repudiada a súa unión con Pedro polos nobres portugueses, os seus fillos foron considerados ilexítimos, orixinando o repudio do rei Afonso IV e dos nobres, que culminou no seu asasinato. Morto o seu pai, Pedro subiu ao trono de Portugal. No ano 1362 mandou trasladar o corpo de Inés ao mosteiro de Santa María de Alcobaça. Di a lenda que o Rei, en vinganza, fixo que vestisen a momia coas mellores galas, que a coroasen como raíña e que a colocasen nun trono por diante do cal pasaban os seus nobres para a bicaren na man. (Senén López, F., 2009, pp.120-121.)

Noticias da prensa sobre as escavacións nos arredores da torre:

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/sandias/2016/11/19/catas-redefinen-torre-da-pena-notable-castillo-medieval/0003_201611O19C6991.htm

http://www.laregion.es/articulo/a-limia/torre-da-pena-entra-fase-excavaciones/20160810103354640745.html

https://www.farodevigo.es/portada-ourense/2016/07/17/xunta-retoma-trabajos-recuperacion-torre/1499703.html

 

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out /  Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out /  Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out /  Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out /  Change )

Connecting to %s