A fundación do convento do Bon Xesús de Trandeiras

 

Vista da fachada e torre da igrexa. Foto Pepe Calleja

No ano 1523 fúndase o convento do Bon Xesús de Trandeiras, que dirixen os franciscanos chamados por Alonso de Piña115. Segundo un curioso documento estudado por Couceiro Freixomil, relativo ás orixes, fundación e primeiros tempos do convento do Bon Xesús de Trandeiras –un escrito anónimo dunha copia orixinal que se daba por existente na colexiata de Xunqueira de Ambía-, apareceulle a Virxe a Xoán Folgoso e mandoulle edificar unha ermida en Trandeiras. Acontece este feito no mes de outubro en que este veciño de Trandeiras, duns cincuenta anos de idade, díxolles aos seus veciños que vira de noite, e tamén en soños, unha Señora moi resplandecente nos penedos do monte onde agora está a capela maior da igrexa do convento, e que era a Virxe María porque tiña un neno… e que, ao espertar, estaba arrepiado da visión. Un veciño, Alonso Díaz, burlouse del e dixo que debía estar bébedo. Folgoso calou, pero de alí a poucos días vindo de Solveira, á vista duns penedos, descenderon dous homes a cabalo, un deles branco e outro negro, que lle deron medo, e o do cabalo branco díxolle: “Por no hacer la iglesia que te mandó aquella Señora”, ao que respondeu: “Porque no tengo recursos”. E que lle replicaron: “Comiénzala, ya ella dará quién la acabe…”.

Vista parcial do claustro. Foto Pepe Calleja

Comezou entón a facer unha ermida de 12 por 15 pés, preto dos penedos onde lle apareceu a Señora. O facer as pobres paredes, Alonso Díaz, que era o máis rico do lugar, comezou a zanguearse del e do edificio, foi a Ourense e deu parte ao sochantre e provisor como señor de dito lugar, dicindo que aquel era un home parvo e zamouco, calumniando e burlándose da visión que tivera. Veu o provisor a Trandeiras, e recibiu unhas explicacións tan simples que parecían cousas de soños e de pouco tino. Indignado, mandou que derrubasen o que estaba feito e regresou para Ourense no mes de decembro.

Vista parcial do claustro. Foto Pepe Calleja

Porén, despois dunha milagrosa aparición, o denunciante, Alonso Díaz, súmase á empresa de Xoán Folgoso. Viña o tal Alonso pola noite de Xinzo, e viu cos seus propios ollos aquela Señora e compañía, da que saía tal resplandor que caeu ao chan abraiado. Botou tres días na cama alterado do corazón e arrepiado por causa da visión. Congrazouse con Xoán Folgoso e acordaron que debían facer a ermida. Acabárona, un pouco mellor de como estaba feita nun principio, e puxeron unha cruz de pau na cima, onde algúns ían facer oración e ofrecíanlle á cruz ofrendas de candeas, viño e grao.

Os veciños informaron novamente o sochantre, quen, indignado, volveu vir a Trandeiras, chamou polo Xoán e polo Alonso e levounos presos ao cárcere do mosteiro de Xunqueira de Ambía. Na súa defensa saíu a viúva de Álvaro de Trandeiras, quen contou que, cando o seu home estaba morrendo, había xa once anos, dixo que naquel lugar ía haber grandes peregrinacións como as de Santiago de Compostela, que el non o ía ver, pero si os seus descendentes. Cambiou o sochantre de opinión e mandou liberar os presos. De novo volveu a Trandeiras, e nomeou o cóengo de Xunqueira encargado da colecta das ofrendas. Este, ao cabo duns días, escríbelle a Ourense comunicándolle que viñera tanta xente con devoción que deixaran unha montoeira de ofrendas de cera, liño, roxóns, lacóns, graos e diñeiro. De alí a pouco comunicoulle que as ofrendas valían máis de cincuenta mil marabedís.

Detalle do claustro Trandeiras. Foto Tomás García

Mandou chamar Alonso de Piña a Bartolomé de Nosendo116, mestre de cantería, que fixera a sancristía do mosteiro de Xunqueira, construtor tamén da igrexa de Sandiás, e trataron para facer alí a igrexa. Nun principio tiña só a intención de subir a igrexa117 na devoción da Nosa Señora a Virxe María, mais tanto creceu nel a devoción que decidiu gastar as súas rendas e bens en facer un convento de frades que adoutrinasen e predicasen nunha terra onde había entón moita ignorancia por parte de clérigos e laicos. Levaron ben traballo: comezaron a obra en febreiro de 1520 e entregouna á orde dos franciscanos no mes de decembro de 1523, vindo a vivir nela o gardián e nove frades, inda antes de estar rematada. E púxoselles á casa e ao convento o nome de Dulcísimo Nombre del Buen Jesús.

A moi venerada imaxe do ecce homo que se acha no interior da igrexa do convento. Foto Pepe Calleja

Moitos portugueses viñan á romaría preguntando polo Bon Xesús. Sucedeu que había unha caixa presa cunha cadea na capela, onde depositaban os romeiros as súas esmolas de diñeiro, que foi roubada. Buscárona Xoán Folgoso e outros veciños polo monte fóra e atoparon a imaxe que está agora alí, que din do Bon Xesús. Xamais se soubo quen a trouxo nin quen a deixou no lugar. Inda isto non se tivo por milagre, pero manifestáronse máis: curaron tolleitos, mudos e outras doenzas, especialmente endemoñados, e todos os romeiros daban testemuño da grandeza de Deus.

Receoso das obras, o conde de Monterrei, Fernando de Andrade, desconfiando se non se faría un castelo e unha casa forte, preséntase en Trandeiras con armas e cabaleiros para evitalo e para destruír o que se estaba edificando. O chantre esperouno en Trandeiras con 400 homes ben armados, fronte aos máis de 1.000 que acompañaban o conde, “diciendo que tenía la piedra y la cuesta y para hacer un hombre muerto de su casa era menester cuatro, y que para echarle vivo era menester más, por lo tanto que mirara lo que hacía el conde y no aventurase su estado”. Houbo discordia entre o meiriño118 de Vilanova e o de Portela, que achegaban os dous xente para o conde, sobre se acometer ou non e outras razóns, e acabaron disuadíndose e desistindo do seu propósito. Así foi indo para diante, sen novos atrancos, a obra do convento.119

Destaca da igrexa o retábulo da Durmición da Virxe Nosa Señora, que contén talla do século XVI do escultor Cornielles de Holanda. Foto Pepe Calleja.

En decembro de 1668, un arrepiante incendio devorou o convento de Bon Xesús de Trandeiras. O lume non perdoou a igrexa, nin quedou unha soa cela onde os frades puidesen recollerse. A súa reconstrución iniciouse ao ano seguinte coas esmolas que se xuntaron, práctica habitual dunha orde mendicante como a franciscana. En 1670 o concello de Ourense concede un donativo de 200 ducados aos frades que andaban pedindo para reconstruír o convento. Dezasete anos despois destes feitos, en 1685, o convento volvía a estar caído e arruinado; no chan atopábase unha parte da parede e unha esquina da parte do mediodía, e o resto mantíñase en pé con ameaza de ruína inminente, de tal maneira que non se podía vivir nel. Os frades decidiron reparalo coa axuda de Deus e das esmolas dos fieis. Con data de 12 de marzo de 1685 son adxudicadas as obras a Benito Conde e Domingo Caballero, mestres de cantería. O prezo axustado foi o de 5.000 reais de vélaro, a 34 marabedís o real, formalizándose a escritura perante o escribán Alonso Pérez no lugar de Pena, xurisdición de Portela.154

Detalle da Durmición da Virxe Nosa Señora. Foto Pepe Calleja.

Pedro Gonzáles de Ulloa escribe en 1.777, da aldea de Pena que, do mesmo modo que Morgade, “y entrambos de no muy buen temple por los vapores de la inmediata laguna, de la que sale tanta infinidad de cínifes trompetillas y zancudos, que casi todo el año es preciso cubrir la cara con morrión y casquete para dormir”. No termo atópase o convento do Bon Xesús de Trandeiras, convento que é “refugium peccatorum” de toda a comarca, e que os seus veciños son “muy celosos del bien espiritual, está tan pobre como los moradores del país”. Indica que cos xuncos da lagoa “se hacen unas grandes esteras (véndense a tres cuartos) que sirven de tapices, cielo y colgaduras a las camas de los circunvecinos”.225

Pintura na sacristía da igrexa sobre un sarcófago de pedra Foto Pepe Calleja.

Polo decreto de desterro promulgado polo goberno revolucionario francés no ano 1792, varios millares de cregos e frades franceses tiveron de saír do país por non querer xurar fidelidade a unha constitución atea. Á provincia de Ourense viñeron sobre trescentos, que foron atendidos polo bispo Quevedo e repartidos por diversos lugares de culto. Un dos que recibiu frades e cregos franceses foi o convento do Bon Xesús de Trandeiras. O máis importante persoeiro que se estableceu nel foi o bispo de Blois, monseñor Alexandre Launcieres Themeines.239

Portada portada plateresca da igrexa. Foto Tomás García

Conde-Valvís, ao relatar os feitos do convento do Bon Xesús da Limia en 1809, escribe con referencia ao escrito por Martínez de Salazar: “Al frente de los paisanos, murieron los padres Seguín y Veloso. El padre Seguín era natural de Ginzo de Limia, y el Padre Veloso murió en el atrio de la iglesia de San Pedro de Laroá, víctima del ataque de aquellas tropas. Al padre lector de casos, Fr. Jacinto Saa, natural de Ginzo de Limia y que murió en 1831, le cortaron una oreja. Era hijo de Don Pascual de Saa Romero y Doña María Pérez Vázquez. Al padre general Fr. Isidro Fariñas, le dieron una puñalada en la espalda. Al padre Espía, le dieron varios golpes hasta matarlo. A Fr. Álvarez Estévez, le mataron de un pistoletazo cerca del oído. Al hermano lego Fr. Pascual Boerzán, natural de Trandeiras, lo mataron a balazos entre unas peñas”.275

Ruinas do claustro desde o interior. Foto Tomás García

As tropas francesas causaron múltiples estragos nas portas do convento, nas celas dos frades e especialmente na igrexa do convento, queimando e roubando todo o de valor. “No ano de 1809 chegan as tropas francesas (convento do Bon Xesús da Limia) faguendo moito destrubio, eiquí e en todas partes. Desfixeron portas, moveis; queimaron e roubaron. Entre mortos ou finados, foron sete frades do convento”.276

 

No ano 1813 o convento do Bon Xesús de Trandeiras, gravemente devastado polos franceses catro anos atrás, volve a sufrir un novo incendio que destruíu aparellos e a biblioteca, estragándose os dormitorios, o claustro e a cociña299. Con data de 27 de decembro de 1822, a requirimento do bispo de Ourense, faise un inventario de todas as roupas e xoias da igrexa do convento; os comisionados para tal encomenda son: Manuel de Saa Romero, párroco de Rairiz de Veiga, Antonio Taboada, párroco de Morgade, e Xosé Ogando, párroco de Cortegada. Os frades facilitan o acceso á igrexa e á sancristía , facendo constar á comisión que todas as xoias de prata, coa excepción do cálice, tíñanas sinaladas ao seu síndico principal, Martín de Saa, veciño de Xinzo, como parte do pago do que lle están debendo e consta nos libros da omunidade.

Vista da igrexa cos retábulos maior e laterais. Foto Pepe Calleja

No inventario consta todo o que había na igrexa, e na sancristía quedaban algunhas pezas de prata. Na escritura manifestase que: Sin que se haigan [sic] hallado más a causa de  los desfalcos que se sufrieron cuando la invasión de las tropas francesas, y el incendio de todo el convento acaecido en la noche del 3 de febrero del año de mil ochocientos y trece, por cuyo motivo hubo que reedificarlo casi todo300. Por estes anos o administrador dos estados de Monterrei, en nome do conde, entregaba anualmente ao convento de Trandeiras a cantidade de 330 reais de esmola.301

Detalle dunha columna do claustro. Foto Tomás García

O convento dos franciscanos do Bon Xesús de Trandeiras pasa á propiedade privada por causa da chamada desamortización de Mendizábal (1836-1837)371. Os bens do convento de Trandeiras foron vendidos durante a desamortización de Espartero (1840-1843) e adquiridos por casteláns que se asentaran na comarca. Na poxa, con data de 25 de agosto de 1844372, foi adxudicada a propiedade do convento en 25.000 reais a Cesáreo Paz, que logo despois cede a propiedade ao comerciante castelán establecido en Xinzo, José Romero, que sería o novo propietario. A horta do convento fora adxudicada en febreiro de 1843 ao seu irmán Gaspar Romero, veciño tamén de Xinzo.

A poxa foi anunciada no Boletín Oficial da Provincia n.º 50 con data de 27 de abril de 1844. O edificio estaba composto de dúas pezas, chamadas unha cátedra; e a outra, tulla. Había cociña, refectorio, tres cortes, claustro que daba entrada ao primeiro andar, con doce cuartos interiores cun balcón de ferro. Ademais, outro andar superior, composto de vinte e unha alcobas, todo traballado en madeira de castiñeiro en estado de conservación mediano. Para alén diso, a igrexa que contén seis retábulos, tres deles en bo estado, dous púlpitos de ferro, unha varanda e reixa tamén de ferro; a sancristía, con trinta e oito gabetas, das cales catorce teñen chave. O edificio entón non estaba arrendado e seu valor fora calculado polos peritos de arte en 24.200 reais, cantidade con que saíu a poxa.37311.19. Trandeiras.

Destaca o convento franciscano do Bon Xesús de Trandeiras, con igrexa de portada plateresca e torre, claustro e casa-convento en ruínas. O claustro conserva arcadas baixas de perfil conopial propias do gótico decadente. A portada gótico-plateresca leva un escudo co anagrama de Xesús e outros máis pequenos, un coas armas do mecenas Alonso de Piña. O interior é de persistencia gótica en bóvedas nervadas sobre arcos de descarga. Destaca da igrexa o retábulo da Durmición da Virxe Nosa Señora, que contén talla do século XVI do escultor Cornielles de Holanda. É moi venerada a imaxe dun eccehomo que se acha no seu interior. Responsable das obras da construción foi o mestre Bartolomé de Nosendo.

Do meu libro HISTORIA DE XINZO E LIMIA.

Notas a pé de páxina:

115 Importante personaxe da diocese auriense do que chegou a ser chantre, capelán real, protonotario apostólico, provisor, vigairo e prior da abadía de Xunqueira de Ambía, e tencionario de varias igrexas do cabido ourensán, como a de San Pedro de Moreiras (Toén).

116 Daquela estaba construíndo a sancristía de Xunqueira de Ambía. Pénsase que era natural de Nocedo de Ribeira.

117 A igrexa coa súa airosa torre acaroada, con portada plateresca, contén bonitas imaxes do mestre Cornielles de Holanda, que daquela estaba a traballar no altar maior da catedral de Ourense. (González Suárez, F., 1989, p.1.)

118 Antigo xuíz con ampla xurisdición para gobernar un territorio.

119 Sobre a orixe do convento existe unha lenda que di que a principios do século XVI, uns cabaleiros portugueses chegaron interesándose polo lugar onde se rendía culto ao Bon Xesús. Ao teren coñecemento de que alí non existía, internáronse no frondoso bosque de carballos e desapareceron. Ao día seguinte os paisanos fóronos buscar pero non acharon nin rastro dos cabaleiros. No seu lugar atoparon unha imaxe do Bon Xesús, que colocaron nunha capela onde se veneraba a Virxe María. O culto propagouse, e houbo tantos milagres que chegou a competir con outros santuarios. A grande afluencia de fieis propiciaría que se iniciasen as obras do convento.

150 Fernández Alonso, B., 1894, pp. 25 e 43.

151 Preito de fidalguía de Manuel Cerredelo. ARCHVa. Sala de fidalgos. Caixa 1169.3.

152 García Mañá, L. M., 1988, pp. 61-66.

153 Fernández Alonso, B., 1894, p. 107.

154 González Suárez, F., 1989, pp. 140-141.

223 González de Ulloa, P., 1777,153 a 155.

224 Ibidem, p. 165-166-168.

225 Ibidem, p. 138-139.

239 A presenza dos relixiosos franceses e o acontecido coa nobreza e a Igrexa en Francia, terribles historias contadas polos expatriados, tocoulles na ferida aos nosos relixiosos que, cando foi da invasión francesa e para defender os seus privilexios, mobilizaron o pobo e puxéronse á fronte das revoltas contra o invasor.

275 Conde – Valvís, F., p. 370.

276 Rivas, E., p. 328.

299 Gonzáles Suárez, F. 1989, p. 143.

301 AHPOu. Convento de Trandeiras. Libro 14.

371 Con esta lei son nacionalizados e vendidos os bens do clero secular e regular, abolido o décimo e suprimidos os morgados e os señoríos xurisdicionais. O obxectivo era a obtención de recursos económicos para paliar o déficit da facenda pública e os gastos da guerra carlista, minar o poder da igrexa e satisfacer as peticións das xuntas revolucionarias.

372 AHPOu. S: 68/19.

373 Ibidem. S: 64/18.

 

 

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out /  Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out /  Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out /  Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out /  Change )

Connecting to %s