Apuntes sobre as guerras carlistas na Limia (2ª parte).

Apuntes sobre as guerras carlistas na Limia (2ª parte).

A Primeira Guerra Carlista (1833-1840) (2ª parte).

No mes de febreiro de 1839 fora detido o veciño de Xinzo José Quintas, na casa do alcalde de Porqueira, tendo no seu poder un fusil inglés. Tamén foi detido o veciño de Ganade Gregorio da Lama, por levar nunha cabalería un faccioso carlista para libralo das tropas e gardar o fusil que tiña o Quintas. Outro detido foi Antonio Rodríguez de Niñodaguia (Baltar), que fora indultado por pertencer á facción carlista de Mateo Guillade, imputado novamente por colaborar con Gregorio e pertenza ás tramas carlistas. O día 3 de novembro de 1838 presenta fianza perante o tenente coronel do exército e comandante de armas da vila de Xinzo e do seu distrito: Hallándose indultado del delito en que incurrió en pertenecer a las filas rebeldes del cabecilla Guillade por lo que se halla sumamente arrepentido, con firme propósito de no extraviarse jamás de las sendas que marcan las leyes y gobierno establecido por nuestra augusta Reina D.ª Isabel segunda y su excelsa madre gobernadora D.ª Cristina de Borbón […][1]. Tamén foi detido o veciño de Ganade, Pedro de Noboa, criado do Quintas[2]. O 21 de marzo, roúbanlle ao abade de Faramontaos unha sela de montar, alforxas, calzado, roupa, comida e xoias, e a varios paisanos, machadas, carabinas e unha mula propiedade do alcalde.[3]

En abril é detido un veciño de Piñeira de Arcos, Benito Quintairos, en Veigas de Camba, acusado de ser un faccioso disperso da derrotada partida de Guillade. Na súa defensa manifesta que indo para a súa casa, de volta da feira de Xinzo, foi recrutado forzoso polos carlistas e levado a unha casa de Xinzo que eles lle chamaban cuartel, indo despois por Rebordechá, Moreiras, Gudín, onde tiveron un enfrontamento coas tropas da raíña Isabel, continuando ata Verín, Riós e A Gudiña. A facción estaba composta, segundo el, por uns mil homes mandados por Guillade. Na aldea das Vendas da Barreira tiveron un enfrontamento con tropas de cabalería e infantería da raíña, sendo batidos e dispersados, aproveitando a confusión para fuxir levando o fusil que lle entregaran, sendo detido nas inmediacións de Veiga de Camba.[4]

O capitán xeneral de Galicia declara o estado de guerra e concede a Martelo[5] o coidado e desempeño da subdelegación de protección e seguranza do partido xudicial de Xinzo de Limia. En agosto ábreselle sumario ao alcalde de Porqueira por sospeitoso na súa conduta política. Foi arrestado e acusado de ter relacións coas partidas carlistas e ter amedrentados os veciños, que non se atrevían a dar parte da presenza de facciosos. O comandante militar de Xinzo pedía manter en segredo as testemuñas dos delatores. Por fin, foi absolto e posto en liberdade con todos os pronunciamentos favorables[6]. Unha partida carlista preséntase en Rubiás o día 31 de agosto, e leva consigo recrutados tres mozos da aldea.[7]

O día 9 de setembro una partida carlista é vista en Serois. O comandante militar do cantón de Xinzo inicia sumario contra o celador, o vigairo e os veciños do dito pobo por non dar parte da súa presenza e por auxilios prestados aos facciosos. Un veciño é acusado por estar vixiando o paso do río de Lamas e por ser o espía que deu parte aos carlistas da chegada da tropa gobernamental[8]. O 21 de outubro son asaltados varios veciños das Pegas e Cardeita en Sandiás, incluído o presbítero. Levaron 100 reais en diñeiro, 56 reais en prata, 44 en solto, tabaco, roupa e unha egua cos seus aparellos.[9]

Con data de 12 de setembro de 1839, José Dalama, xefe da compañía de nacionais armados de Nocedo de Ribeira, envíalle oficio ao comandante militar de Xinzo de Limia e notifícalle: El arresto (de Andrés Veloso) en la tarde de ayer, con los nacionales de su mando, porque tiene seguro formara parta de la gavilla de su hijo (Pedro Veloso, morto pola columna do distrito) y concurriera con él a los robos y excesos, suministrando prevenciones y haciéndole balas, en cuya casa se avecinan frecuentemente, por lo que le persiguieron las columnas y yo con mis nacionales sin poderlo capturar hasta que, muerto el hijo, se presentó por medio de su compadre el alcalde de Baltar […] que se ocultara para no ser arrestado en represalia, y no habiendo implorado el indulto de su desafección, rebeldía y excesos, es reo de estos delitos[10]. Es de común voz de que aún tiene inteligencia con el Aceitero y los restos de la facción de su hijo, motivos de su arresto.

O pai de Veloso fora inxustamente imputado. O comandante dos nacionais de Nocedo e dúas testemuñas, delatores, foron condenados por providencia do capitán xeneral de Galicia, polos danos e perdas causados, así como ao pago das custas.[11]

Unha facción de carlistas percorre a noite do día 19 de novembro as aldeas de Damil, Ganade, San Vitorio e Filgueira. En Ganade atacaron con disparos varias casas, entre elas a do celador, a quen lle mataron o can. En Rairiz de Veiga é detido o alcalde por non presentar perante o comandante militar de Xinzo a tres facciosos indultados[12]. A noite do día 9 de decembro unha partida de dez ou doce carlistas dálle pancadas a un veciño de Outeiro, en Vilar de Santos[13]. A noite do 1 ao 2 de decembro invaden as aldeas de Blancos e Loureses, aos berros de: viva Carlos V!, roubando o recadador de contribucións que tiña na súa casa o veciño de Ouvigo Juan Blanco. Foron detidos algúns veciños de Cima de Ribeira como sospeitosos de pertenza á facción.[14]

Segunda Guerra Carlista (1846-1849).

 .Apenas existen noticias sobre as súas consecuencias na Limia, o único que atopei foi esta noticia no BOPO: «O comisario de guerra da provincia ordena concentrar, en marzo de 1849, a garda civil da provincia, dividir a súa forza en columnas de trinta homes e situalas en Verín, Xinzo e Trives, as dúas primeiras vilas ao mando de oficiais e a terceira ao mando dun sarxento».[15]

Terceira Guerra Carlista (1872-1876).

 Na Terceira Guerra Carlista (1869-1875), nos preparativos do ano 1870, a zona fronteiriza é a máis castigada polas accións carlistas. Hai noticias da actividade despregada por un comité carlista que operaba en Rairiz de Veiga e que axiña foi desarticulado. No día 27 de marzo de 1870, aparece á fronte deste comité Juan Puga, que ofrece de 6 a 10 reais diarios aos que queiran alistarse nas filas carlistas. Con el actúa Juan Suárez Campo, o futuro cabeza da facción[16]. En Ganade existía a casa dos Losada, cunha especie de castelo, onde se defendeu don Francisco Losada dos carlistas.[17]

A facción de Suárez, que xa participara na Primeira Guerra Carlista con Guillade, aparece e desaparece con extraordinaria facilidade, o que dificulta enormemente a súa persecución. A súa zona de actuación era o triángulo entre Xinzo, Verín e a zona fronteiriza da Serra do Larouco. Suárez levaba como segundo a Manuel Salgado Miranda, alcumado Pichón, e como terceiro da partida a Camilo Rodríguez Arias. Durante algún tempo militou na partida o cura don Calixto. A facción fracasou rotundamente ao pouco de se iniciar. Nun desgrazado encontro co exército en San Paio, foron collidos prisioneiros oito carlistas, entre eles o propio xefe e o seu segundo, Manuel Salgado. Os demais dispersáronse e moitos acolléronse ao indulto. O 12 de agosto preséntase a indulto Camilo Rodríguez Arias, terceiro da facción, con outros dous combatentes. O 23 de agosto o exército atopou seis destes carlistas, que foron detidos e procesados, na casa do marqués de Valladares, en Ordes (Rairiz de Veiga).[18]

O ano 1873 foi turbulento na Limia, convertida en campo de actuación de diversas partidas carlistas. Dende que o 5 de maio entrou na vila de Xinzo o xefe Sabariegos, foi invadido continuamente polas partidas carlistas dos xefes Suárez, Salmás, Trapero, Valerio, Prol, Mergeliza e outros, cuxos excesos en Xinzo, Calvos, Porqueira, Rairiz, Sandiás (onde mataron o recadador) e Sarreaus atemorizan a comarca.[19]

 A noite do 13 ao 14 de xuño de 1873, unha partida carlista presentouse en Sandiás e rouboulle ao recadador de contribucións directas 1.000 reais de prata e ao recadador municipal e provincial a cantidade de 1.200 reais. Os carlistas deixaron recibo asinado polo xefe da partida, Ambrosio Prol[20]. Deste xa se tiña noticia polo alcalde de Baños de Molgas, quen denunciara o 19 de marzo que durmiran dúas veces no santuario dos Milagres, e que lle constaba que no dito santuario existían persoas descoñecidas e que era centro da conspiración carlista[21]. A noite do 21 de xuño de 1873 unha partida carlista duns 12 homes armados de fusís e cananas, róubanlle ao recadador de contribucións de Rairiz de Veiga e ao recadador e depositario municipal, a cantidade de 860 pesetas, deixando recibo da cantidade subtraída asinado polo xefe da facción, Manuel Rodríguez Campos. Antes de entrar na casa  tocaron chamada coa corneta, dando vivas ao berro de “Viva Carlos VII, Viva la Religión, Viva Pío IX y muera la República”, efectuando algúns disparos de fusil[22].

Na madrugada do 2 de setembro, unha partida composta por cen homes róuballe 21.752 reais ao recadador de Calvos de Randín na súa casa de Pintás, deixando recibo asinado por Valeriano Rodríguez, que se titulaba comandante da dita partida. A forza toda de carabineiros da zona percorre, distribuída en pequenas columnas, os pobos  inmediatos sen que atopen sinais nin noticia dos facciosos, o que suscita dúbidas nas autoridades. Abriuse unha información pola posibilidade de que fora unha simulación de roubo, tal e como se rumoreaba nas aldeas da zona[23]. Xinzo e Viladerrei foron atacadas do mesmo modo que Bande por partidas armadas combinadas e mesturadas con –segundo as autoridades– vagabundos amotinados. Falouse exaxeradamente de 2.000 homes, sobre Xinzo. Prodúcese tamén un asalto á oficina de recadación de Viladerrei: nas aforas da vila unha guerrilla do rexemento Murcia de Ourense fixo nove mortos aos carlistas.

O 28 de febreiro de 1876 finalizan as guerras carlistas. O pretendente ao trono de españa, Don Carlos cruzaba a fronteira ao berro de “Volverei”. O seu liderado sentara as bases do carlismo levantisco. En 1888, as dúas correntes separaríanse: o carlismo integrista escindiríase da corrente levantisca para formar unha opción política alternativa ao liberalismo.

(Extractado do meu libro: Historia de Xinzo de Limia).

[1] Ibidem. Caixa 1515, folio 39.

[2] Arquivo Histórico Universitario de Santiago (AHUS). Fondo Castroviejo Blanco-Cicerón. Proceso n.º 377.

[3] Ibidem. Proceso n.º 488.

[4] Ibidem. Proceso n.º 538.

[5] Ramón Martelo tivo unha dilatada carreira política e xudicial. Cando deixou o xulgado de Xinzo, foi designado xuíz na vila da Lama, Vigo e Ferrol, e desempeñou o cargo de xefe político (gobernador) en Pontevedra, Lugo e Navarra.

[6] AHUS. Fondo Castroviejo Blanco-Cicerón. Proceso n.º 448.

[7] Ibidem. Proceso n.º 583.

[8] Ibidem. Proceso n.º 464.

[9] Ibidem. Proceso n.º 510.

[10] Ibidem. Proceso n.º 387.

[11] Boletín Oficial da Coruña n.º 60 do 15 de abril de 1841.

[12] AHUS. Fondo Castroviejo Blanco-Cicerón. Proceso n.º 573.

[13] Ibidem. Proceso n.º 525.

[14] Ibidem. Proceso n.º 555.

[15] Bopo n.º 36. 24.03.1849.

[16] Barreiro Fdez, J. R., 1976, p.198.

[17] Fdez Oxea, Xosé R., pé de paxina 287, p. 169. (P. Glez de Ulloa.)

[18] Barreiro Fdez., J. R., 1976, p. 201.

[19] Ibidem, pp. 860-861.

[20] AHUS. Cartapacio 153. Sumario n.º 53.

[21] Abriuse sumario indagatorio ao administrador do santuario. AHUS. Cartapacio 154. Sumario n.º 13.

[22] AHUS. Cartapacio 151. Sumario n.º 47.

[23] Ibidem. Sumario n.º 257.

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out /  Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out /  Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out /  Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out /  Change )

Connecting to %s