Apuntes sobre as guerras carlistas na Limia (1ª parte).

Apuntes sobre as guerras carlistas na Limia (1ª parte)..

As guerras carlistas foron unha serie de contendas civís que tiveron lugar en España ao longo do século XIX.  Entre os partidarios de Carlos María Isidro de Borbón e seus descendentes, e liberais e isabelinos partidarios do goberno da raíña Isabel II de España. Aínda que a principal razón da loita foi a disputa polo trono de España, tamén representaron o choque de ideoloxías políticas da época. Os carlistas —que loitaban baixo o lema Dios, Patria, Rey— encarnaron a oposición máis reaccionaria ao liberalismo, defendendo a monarquía tradicional absolutista, o catolicismo conservador e o foralismo.

Neste século, por culpa da cuestión sucesoria, vai haber tres guerras carlistas (1833-1840), (1846-1849) e (1872-1876). Nestas guerras a columna vertebral do carlismo galego foi o clero e a fidalguía. O carlismo só ofrecía un rei e unha relixión, pero o campesiño galego máis que ideais o que necesitaba era casa e pan. Por iso o carlismo non foi en Galicia un movemento de masas[1].

 A Primeira Guerra Carlista (1833-1840). 

A Comisión de Armamento e Defensa da provincia de Ourense dá instrucións, en outubro de 1836, para reorganizar a Milicia Urbana, dando un prazo aos concellos de seis días para inscribiren nela os solteiros e viúvos sen fillos dende os 18 aos 40 anos, coa excepción dos criados de labranza e traballadores do campo. Os recrutas recibirían unha paga de catro reais diarios. As instrucións son para mobilizar na provincia un total de 2.200 homes repartidos por partidos xudiciais, correspondéndolle ao de Xinzo achegar 176 homes á milicia.[2]

As autoridades, para evitar que fosen roubadas polas partidas carlistas, ordenan retirar todas as xoias e obxectos utilizados para o culto das igrexas rurais e depositalos en Ourense, quedando gardados pola forza armada no seminario conciliar. Perante as protestas dos veciños, unha nova orde autoriza que poidan quedar as xoias imprescindibles para as celebracións dos actos relixiosos coa condición de que: “los curas respectivos con algunos vecinos y bajo responsabilidad mancomunada de los Ayuntamientos, se obliguen a responder de su valor a razón de veinte reales por onza de plata y de trescientos veinte por la de oro, para que caso de que durante las actuales circunstancias sean robadas o desaparezcan por cualquier causa […] Cuya disposición harán públicas los Ayuntamientos […] a fin de que los pueblos puedan satisfacer sus deseos, y se convenzan de que son falsas las voces que contra esta disposición del Gobierno han procurado esparcir sus enemigos.[3]

O abade de Xinzo, as autoridades municipais e os veciños máis importantes da parroquia de Xinzo e do seu anexo de Damil reúnense na escribanía de Vicente Díaz Teixeiro e asinan os documentos en que se fan responsables, todos eles, das xoias que quedan depositadas e repartidas nas casas de catro importantes veciños de Xinzo e outros catro de Damil.[4]

Na Primeira Guerra Carlista, no ano 1837, aparece en Xinzo a partida de Mateo Guillade, quen confiaba nun gran movemento revolucionario na Limia. Entran en Xinzo o día 19 de setembro e causan numerosos estragos na casa do xuíz de 1ª instancia e instrución, Ramón Martelo. Nun informe da Audiencia figura que: Es capitán o comandante de la Milicia Nacional […] en la última invasión que han hecho en Ginzo, ha sido saqueada su casa y robado cuanto tenía en ella, sin haberle quedado más que la ropa que vestía[5].Y deteriorado la casa en disposición de dejarla inhabitable, teniendo que dejar de habitarla[6]. Entre os compoñentes da partida estaban o presbítero Baltasar Seguín, o seu cuñado Francisco Cerredelo e o seu primo, o frade exclaustrado José Seguín, todos de Fiestras. En outubro, o xuíz chega a un acordo co pai do primeiro, Xosé Seguín, segundo o pactado na reclamación xudicial presentada por Martelo e que di: Cuyos daños fueron considerables, públicos y notorios y que no bajan de veinticinco o treinta mil reales, entre efectos robados, quemados, papeles y dinero extraviado, pero, que en bien de la paz y alivio de la situación del Seguín, que es triste, atendiendo a que siendo de edad, quedó sin los sobre dichos sus hijos y sobrino, quienes pagaron su merecido con la pena ordinaria de muerte[7]. A  partida carlista  atrincheirouse con trinta homes en Ordes, mantendo un combate coas forzas realistas do comandante Juán Gualberto Corcuera.

O día 18 de setembro, a partida de Guillade entrara en Sabucedo e varios veciños uníronse á partida carlista: Bartolomé Muiños, Fernando da Cal, Alonso Gómez e Leandro Gómez, os cales participan nos sucesos do día 19 en Xinzo. Desertaron da facción o día 22 á noite, nas inmediacións de Baltar, e presentáronse voluntariamente ás autoridades solicitando o indulto e indicando que foran recrutados á forza[8]. Durante a retirada dende Xinzo cara a fronteira portuguesa por Baltar, ao seu paso pola aldea de Fiestras, incorpóranse á partida rebelde os veciños Xosé López, Francisco López, Manuel Feijoo e Xoán Feijoo, presentándose posteriormente e solicitando o indulto, declarando que: En la tarde del día 19 del corriente después que una partida de facciosos salió de la villa de Ginzo y se dirigió a Baltar, tuvieron la debilidad de pasar a esta última, aunque no con el deliberado ánimo de unírseles, como efectivamente ni tomaron armas ni los han seguido, antes por el contrario meditando el crimen a que se exponían regresaron aquella misma noche a su casa y al día siguiente se presentaron a su alcalde constitucional de Moreiras implorando el indulto de cualquier pena a que pudieran haberse hecho acreedores.[9]

A cidade de Ourense pedira reforzos para a súa defensa en abril de 1838. O 14 dese mesmo mes o capital xeneral de Galicia publica un bando declarando varias zonas, entre elas Xinzo, en estado de guerra. O que demostra que aínda debían actuar pola zona partidas carlistas. Morto Guillade, un destacado xefe carlista, a partida divídise en tres, unha das seccións estaba ao mando de Veloso, que morre o día 11 de abril de 1839 en San Paio de Abades.[10]

Da actuación de Martelo durante a guerra carlista, informa mediante denuncia o veciño de Xinzo, escribán da S. M. na vila de Allariz, José Velasco Losada, quen formula varios cargos contra o xuíz. No primeiro indica que sendo presidente do concello pediu e recibiu cen fusís e douscentos paquetes de cartuchos para organizar a milicia do distrito e prover a súa defensa en 1835 (sen que poida saberse o uso que fixo deste material, podendo atribuír a esta causa os desastres que despois pesaron sobre Xinzo). No segundo di que, o 18 de setembro de 1837, sabedor de que a facción de Mateo Guillade estaba a tres leguas de distancia querendo atacar Xinzo, sacou pola noite os presos do cárcere, pero á mañá seguinte, a pesar de que a facción estaba só a media legua da vila, restituíunos de novo ao cárcere e con iso aumentou o número dos facciosos que entraron ás nove en Xinzo, quedando a vila presa dende aquel momento do roubo, da pillaxe e de todos os excesos que cometeron nas casas de varios patriotas, sendo unha delas a do propio denunciante, José Velasco.

Martelo, a pesar de que tiña dispoñible a forza necesaria para opoñerse a facción e que esta só contaba con corenta e cinco miserables, non tivo valor para batela, e á vista dos mobilizados e naturais que pedían morrer defendéndose, fuxiu covardemente a correr o espazo de tres leguas ata Allariz, vila en que para xustificar a súa fuga divulgou a falsa noticia de que a facción estaba composta por seiscentos ou oitocentos homes. A pesar de ter coñecemento de que os facciosos evacuaran a vila de Xinzo, e con absoluto desprezo das súas sagradas obrigacións, marchou para Ourense e non regresou ata que puido conseguir que lle destacasen unha columna para acompañalo a Xinzo, onde menos falta facía, para asegurar exclusivamente a súa seguridade.

O día 26 de marzo, inda que estaba acuartelado con trinta e máis soldados, por causa do medo ao saber que a facción ameazaba novamente con atacar Xinzo, volveu fuxir cara a Verín e non regresou ata o 13 de abril, acompañado dunha brigada de máis de cincuenta carabineiros. Mais na madrugada do día 14, ante a noticia de que Guillade ía entrar en Xinzo, escapa coa referida brigada ata Ourense, de onde non regresou ata que outra columna de corenta homes o restituíu a Xinzo, instalándose na vila para a seguranza da súa persoa. O xuíz Martelo, a pesar de ter a forza armada necesaria e a facción, en número reducido, vagaba eses días pola Limia e non se atreveu a perseguila e, como se fora unha persoa tan importante como a raíña gobernadora, non deixou saír a tropa, permitindo que as vilas e aldeas da contorna sentisen todo o peso das desgrazas que a facción lles causou. Na súa defensa, por parte do rexente da Audiencia de Galicia, di que Marcelo actuou seguindo o sentido común e as ordes do xefe político da provincia. Descualifica o escribán Velasco[11] polos moitos preitos e falsidades nos que se viu involucrado coa xustiza, e termina: Sería interminable la relación de […] todos los fraudes, travesuras y excesos […] del escribano, pero es menester dejarlo en paz, por que descansa ya debajo de tierra, los facciosos le asesinaron a mediados del mes anterior en un pueblo de las cercanías de Ginzo. Esta desgracia se ha anunciado con júbilo en aquella tierra. Muchas inquietudes han tenido con ella su fin. Soy de opinión de que debe también tenerlo este expediente.[12]

 Distinta é a versión da folla de servizos prestados por Martelo. Segundo o seu expediente persoal, resulta que posto á fronte dos nacionais de Xinzo, como comandante de armas do distrito, aos que mantivo pola súa conta, obtivo repetidas veces varias vitorias sobre as hordas rebeldes, sendo un dos que auxiliaron os valentes de Castro Caldelas, e dos que atropelou gloriosamente a facción mandada por Rosendo. O día 18 de novembro entrou nas aldeas dos Mixtos, conseguindo o día 19 bater, con só doce homes, a facción carlista e miguelista que alí estaba, da que fixo catro prisioneiros, apresando el mesmo o xefe Bernardo Coello, alcumado el Herrador, malogrando así o plan dos carlistas. O 7 do mesmo mes saíu, por orde do Goberno Civil de Ourense, a cortar a retirada e bater –cos nacionais– a facción que asasinara o alcalde de Ponte Castrelo de Miño. O día 11 de marzo impediulles aos facciosos a invasión pola Peroxa, saíndo a baterse sempre que se presentaban. Bateu os carlistas na Rousía, terra de Portugal, e capturou varios.

O concello de Xinzo certifica que o 19 de setembro de 1837 defendeuse da facción de Guillade cun pequeno número de nacionais e, despois de perder o seu cabalo de tres baionetadas, retirándose con evidente risco da súa vida, entraron os rebeldes na vila de Xinzo e dirixíronse á súa casa, onde roubaron todo o que atoparon e queimaron todo o que non puideron levarse. Por certificación do comandante de operacións do cantón de Xinzo de Limia, sábese que os seus coñecementos e rápidas comunicacións deron o feliz resultado das accións contra os facciosos, dos días 29 de agosto e 19 de setembro, que tiveron lugar nos campos de Atás e de Fuga, onde se conseguiu a morte de tres xefes e nove facciosos, sen contar cos moitos feridos nin coa captura e presentación doutros que despois foron enviados castigados a ultramar.[13]

En 1839, Agustín Valencia, veciño de Meaus, Francisco Rodríguez de Ganade e Lázaro Iglesias de Couso de Salas preséntanse ao indulto perante o tenente coronel e comandante militar do partido de Xinzo, indicando que: Mal aconsejados se incorporaron a la facción que en este país mandaba un tal Antonio Vázquez Lugues, y llegado el caso de reconocer su extravío y arrepentidos, se presentaron a indulto ante el Sr. Comandante con las armas y municiones que usaban y caballería que montaban, el cual los remesó a disposición del General de la provincia […] quién para concederles la gracia les exige fianza, y se obligan a no volver a pertenecer jamás a las hordas que han dejado y a ser fieles a la Reina Nuestra Señora D.ª Isabel segunda.[14]

Do meu libro: Historia de Xinzo de Limia.(Continuará cunha 2ª parte…)

[1] Barreiro Fdez. J. R., 1976, p.9.

[2] Boletín Oficial da Provincia de Ourense (BOPO) n.º 85. 25.10.1836.

[3] BOPO n.º 89. 08.11.1836.

[4] AHPOu. Protocolos notariais. Caixa 1525, folios 200-207.

[5] Ministerio de Cultura. Archivo Histórico Nacional, cota: Mº Justicia-Mag_Jueces, 4700, EXP. 6547.

[6] AHPOu. Protocolos notariais. Caixa1462, folio 44.

[7] O acordo de resarcimento consistiu no pago de 7.000 reais de vélaro a pagar 4.000 en febreiro de 1838 e o resto para o ano seguinte. AHPOu. Protocolos notariais. Caixa 1525, folio 179.

[8] AHPOu. Protocolos notariais. Caixa 1462, folios 9, 12, 14 e 37.

[9]  Ibidem, folios 28, 30, 32 e 34.

[10] Barreiro Fdez. J. R., 1976, pp. 93-94.

[11] En 1831, José Velasco Losada, que entón estaba de escribán en Baños de Molgas, e outras persoas foron encausadas por uns tiros disparados contra as casas do médico Andrés López Calbón e o anterior xuíz deste partido, segundo escritura de perdón outorgada polo médico, en febreiro de 1833, perante escribán en Xinzo. AHPOu. Protocolos notariais. Caixa 1514, folio 47.

[12] Ministerio de Cultura. Archivo Histórico Nacional, cota: Mº Justicia-Mag_Jueces, 4700, EXP. 6547.

[13] Ibidem.

[14] AHPOu. Protocolos notariais. Caixa 1462, folios 29 e 31.

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out /  Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out /  Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out /  Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out /  Change )

Connecting to %s