Os sete malogrados intentos de desecamento da Lagoa de Antela no século XIX.

Canle ou río da Lagoa, as dúas pontes da estrada N-525. E ao fondo a lagoa. Foto do libro A memoria asolagada.

O día 8 de setembro de 1958 fará 60 anos que comezaron as obras do desecamento da Lagoa en Ponte Liñares. Antes de que isto sucedera, no século XIX, houbo sete intentos que non tiveron bo fin. Os labregos da Limia nunca viron as obras con bos ollos e opuxéronse a elas, incluso violentamente.

O meu libro <Julián Toubes: (1796-1870). O correxedor de Xinzo que quixo desecar a lagoa>. Trata amplamente sobre a vida e obra do correxedor da xurisdición de Xinzo, e o seu proxecto de desecamento da Lagoa de Antela. Julian Toubes, pouco tempo despois do seu nomeamento como Correxedor, en virtude da Real Orden do 24 de marzo de 1827, foi comisionado para o desecamento da lagoa de Antela ou de Limia. Desenvolveu os planos topográficos da Limia e das obras. Calculando o custo delas e tomando tan acertadas medidas que conseguiu comezala formando un canal de máis de tres leguas e media de lonxitude a pesar da grande escaseza de fondos.

Moi posiblemente a memoria do proxecto publicada polo cóengo cardeal da Catedral de Ourense, Juan Manuel Bedoya en 1831, coñecedor da Limia e da lagoa pola súa estancia, desterrado por cuestións políticas, no convento do Bon Xesús de Trandeiras, titulado <Memoria sobre el desagüe de la laguna Antela ó de la Limia, en la provincia y obispado de Orense, reino de Galicia> foi escrita, e seguramente financiada, para a maior gloria do correxedor Toubes e o seu proxecto.

Decorría o ano 1831, e polo manuscrito, podemos coñecer datos sobre o proxecto de desecamento da lagoa. Serian beneficiarias cincuenta e sete as aldeas que constan no apéndice, cun total de 4.190 veciños que compoñen a poboación de todo o distrito. De toda a superficie da Limia, daquela, só unha oitava parte estaba dedicada ao labrado. O resto eran prados para pasto de gando, carballos, toxais, mato e campos incultos e baldíos, enlamados ou cubertos, a maior parte do ano, polas augas da lagoa. Eran tantas as brañas que os labregos precisaban construír canles ao redor das leiras para escoalas. Tamén nos indica sobre as árbores “de que no ha quedado ni uno solo en todo aquel recinto”[1].

Nestes tempos actuais, en que se cuestiona o desecamento da lagoa, é interesante comprobar o que dicía sobre a salubridade da comarca cando describe a vida dos seus habitantes: “su vida sobria y ejercitada en casa y el campo, para que dejen de ser harto comunes la hidropesía, la asma, la gota, la parálisis, la reuma, las fiebres pútridas, contrayendo luego así estas como las intermitentes, un mayor grado de malignidad de pertinacia rebeldía. De aquí que tantos niños sucumban a los accidentes comunes de la infancia, de aquí que se malogren tantos jóvenes, teniendo que arrostrar una vida penosa que es mas bien una muerte prolongada: de aquí que dé tan raros ejemplos de longevidad este país”[2].

Termina Bedoya manifestando que: “Sustituyendo a aquel inmundo inútil y nocivo charco, germen de putrefacción y mortandad, una amena y dilatada campiña, en que con aire sano y cielo hermoso aparecerán nuevos pequeños pueblos y alquerías, nuevas mieses, nuevos y variados frutos (…) En esta tierra así favorecida y rescatada de las aguas se verán nacer flores y espigas, que en sus cálices, en sus pistilos y en sus cañas llevarán escrita con los más bellos matices la cifra de los reales nombre de FERNANDO Y CRISTINA. El cielo les dé posteridad digna de sí y de los votos de la España[3]. Tanto beneficio sería o froito da desecamento da Lagoa de Antela, unha ardua empresa, intentada xa polos romanos, e mirada hasta o de agora coma unha quimera.

Datos estadísticos de poboación das aldeas en 1831, publicado na memoria escrita por Juan Manuel Bedoya.

Presentada a necesidade da obra á S.M. o Rei por mediación de D. Domingo Rodríguez Nieto, ordena, pola Real Orden do 3 de marzo de 1827, comunicada polo Sr. secretario do Despacho de Estado ao intendente xeral do Reino de Galicia, autorizando S.M. o correxedor Sr. Toubes de Xinzo para que fixese levantar o plano e calcular o custo das obras necesarias. Púxose Toubes mans á obra, e coa estimable axuda do abade de San Pedro de Pena, Leocadio García, e o P. Fr. Benito Valencia, franciscano do mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras e outros veciños con coñecementos, elaborou a carta xeográfica do territorio da Limia. Levantou o plano topográfico o capitán de infantaría D. Joaquín Pardo, veciño de Ribadavia, na parte do río coñecida como Ponte Liñares, por ser aquel o punto en que terminaba a lagoa, e estar alí a causa principal da obstrución e estancamento de todas as augas da Limia. Neste punto deixou a natureza unha pequena garganta aberta para o decorrer das augas, mais esta abertura estaba interceptada por unha masa de pedra que retiña as augas. En 1831 sinalase que nos dous últimos outonos xa se abriran 17.000 varas do canle novo, dándolle 16 de ancho e a profundidade que requiría o nivel, ademais na terra das escavacións votada a unha e outra beira, trataríase logo de poboar de árbores para defensa das marxes. Comezarase a romper a pedra en Ponte Liñares e, a pesar de estar os traballos incompletos, a auga corría libremente.

Houbo dificultades e protestas por parte de inimigos das melloras proxectadas e das medidas que ían tomarse, como se mudando o canle do río mais sobre a esquerda dos pobos da dereita, padeceran mais as cheas e os afluentes non desaugasen convenientemente no río, vanos temores que tiñan algúns  veciños  e que foron convenientemente desmentidos, xa que facilitando o curso das augas dende a cabeza da lagoa, non era posible desbordasen nin se estancasen en ningún punto.

Posiblemente o manuscrito de Bedoya tamén trataría de conseguir non só a prórroga da concesión da obra, senón tamén a prórroga de Toubes como correxedor de Xinzo, xa que coincide no tempo coa súa loita de procurar, ante a proximidade do final do seu mandato, un novo nomeamento ou a prórroga necesaria para a finalización da obra. A pesar da prorroga concedida, ao final puideron máis as circunstancias políticas do país, especialmente o cese de Toubes, quedando suspendidas as obras seguramente por falta de financiamento e vontade política de rematalas.

Posteriormente á tentativa de desecamento da lagoa de Antela feita por Toubes, presentouse un novo anteproxecto por Justo Pelayo Cuesta, o 14 de maio de 1850. Nel definía a lago como “un inmenso charco” de escasa profundidade e cuberto de matogueira. Convertía todos os habitantes do lugar en desgraciados, esaxerando as funestas consecuencias de “fétidos gases, enjambres de aves e insectos maléficos”, xunto con “sustancias vegetales putrefactas”. Solicitaba ademáis: “La concesión de todo el terreno que actualmente ocupa toda la laguna Antela y que luego quedará en seco […] con el goce de exenciones y privilegios que son inherentes por las leyes al cultivo de terrenos nuevos”. O permiso esixíalle unha fianza de 160.000 reais, que non cumpriu ata o 30 de xaneiro de 1852. O concesionario solicitou unha prórroga, dado que os traballos estaban moi avanzados, pero o Goberno considerou caducada a concesión.[4]

Anos máis tarde, o 25 de febreiro de 1854, os irmáns Román e Francisco J. Mugártegui Parga, este último futuro presidente da Deputación de Pontevedra, formularon un proxecto ben fundamentado que recibiu todos os parabéns das autoridades. No proxecto obrigábanse a establecer unha granxa modelo para que os naturais do país aprendesen os mellores procedementos agrícolas e noutras industrias rurais, prestando especial atención á elaboración de queixos e manteigas. Comprometíanse tamén a ceder gratuitamente 100 ferrados de sementeira para que o Goberno puidese establecer unha escola práctica de agricultura. Pretendían potenciar e aumentar a cría de gando establecendo unha casa parada con catro touros ingleses da raza Durham, que servirían gratuitamente, e catro cabalos alemáns da raza Mecklemburgo.

Solicitaban a troco a adquisición a censo do terreo ocupado ou inundado polas avenidas da lagoa. A oposición dos veciños da lagoa, dirixida polos párrocos, rexistrouse mediante unha instancia colectiva con data de 27 de marzo de 1854 na que se facía constar a oposición á obra e se solicitaba a denegación dos permisos. Asinaban a carta máis de 300 veciños dos municipios limítrofes, que contaban co apoio e sinatura dos abades das diversas parroquias. O administrador do marqués de Valladares tamén se dirixiu ao gobernador da provincia comunicando que posuía terras en Ordes e Congostro, polas que pagaban renda foral os veciños das citadas aldeas. A alarma desatada obrigou o concello de Xinzo a posicionarse en contra da obra, mediante instancia onde rexeitaba a proposición, pois a Limia na chea ocupaba propiedades privadas e outras comunais. Protestas que veñen a dificultar a tramitación dos Mugártegui.[5]

Con data de 5 de xullo de 1864, o Boletín Oficial da provincia de Ourense publica un anuncio doutra presentación, feita pola empresa de Toribio Iscar Saéz, veciño de Madrid, en solicitude da real autorización para efectuar pola súa conta o desecamento da lagoa de Antela e a canalización do río. Pon como condición que debería cederse á perpetuidade en pleno dominio todos os terreos saneados, foran comunais, dos veciños ou do Estado.Tamén solicitaba a utilización en exclusividade do aproveitamento das augas do río Limia para aplicalas no regadío dos terreos recuperados e para o movemento dos varios artefactos industriais que o solicitante proxectaba construír.[6]

Previamente, tamén en 1864, o médico alaricano J. Lorenzo Suárez de Ribera fixera un informe sanitario sobre a zona da lagoa, no que manifesta: La necesidad de la desecación de la laguna de Antela por su perniciosa influencia en la salud pública […] de las aguas estancadas, la extensión de estas […] las enfermedades reinantes, y si el agente patógeno fue solamente el miasma palúdico, o si concurrieron causas de otra naturaleza […] En inviernos muy lluviosos ofrece el aspecto de una gran bahía […] Desde que se abrió una zanja (obra de Toubes) por el centro y a todo lo largo de la llanura hasta desembocar en el río Limia […] la acumulación de aguas es mucho menor y la desecación más pronta, pudiendo asegurarse que en el día poco más que la mitad de la tierra, que antes cubría las aguas, está constantemente seca. 

Cita varias epidemias que se asañaron nas aldeas da zona desde 1827 a 1828, sen perdoar nin sexo nin idade, onde a quina e demais medicamentos non deron resultado pero si o ácido arsenioso, tan inxustamente esquecido, triunfou coas ditas febres sen que morrese un só doente de cantos foron tratados. As epidemias eran frecuentes, unhas de paludismo e outras de febres tifoides. Apuntaba que dende 1848 e dende as obras de desecamento feitas diminuíran as enfermidades na zona. E remata dicindo: Queda pues demostrado, que la laguna de Antela fue y aún es un foco permanente de infección para los pueblos que la circundan. Sinalando que coas obras de canalización mudarían un gran terreo, daquelas improdutivo, en terras laborables e que mellorarían a condición física, material e moral dos seus habitantes.[7]

A pedido da Administración, os irmáns Mugártegui acabaron pactando con Toribio Iscar e creando unha empresa conxunta, que recibiu aprobación para realizar a obra nun prazo de catro anos. A obra comezou o 16 de xuño de 1868, día en que multitude de operarios dirixidos polos enxeñeiros Toribio Iscar[8] e Gerónimo Azpiro traballaron arreo para concluír a obra tantas veces abandonada. Segundo o informe do enxeñeiro provincial, ata os primeiros días de novembro remexéronse cerca de 50.000 m3 de terra que significaban 9.770 metros lineais de canal, polo que escorrían as augas da lagoa, cun investimento de 7.447 escudos. A posta en funcionamento dos traballos desatou unha crecente e airada oposición por parte dos veciños, conscientes de que o desecamento puña en perigo a súa supervivencia. Os veciños negaban o apoio aos técnicos, omitían os datos que lles eran solicitados e xeraban un mal ambiente contra todos os visitantes vinculados ás obras.[9]

De alí a pouco tempo, a revolución de setembro[10] reclamou aqueles homes que, deixando ferramentas e sachos, cambiaron a terra chá da Limia polos abruptos penedos de Castro-Laboreiro. A oposición dos veciños e a revolución foron un mero pretexto para que, desesperanzados de tan ardua xeira, a mudasen pola gloriosa revolución[11]. Segundo escribe Rico Boquete, ao principio non se produciron disturbios, porén, coa chegada da revolución, parece que todo mudou e os implicados nas obras notaron esa mudanza na actitude dos veciños. As obras tiveron que parar, a principios de novembro de 1868, polas circunstancias políticas á sombra das cales conseguiu levantarse no país unha manifesta hostilidade contra as obras. Na tarde do día 3, os veciños de Sandiás, armados e amotinados, acometeron e maltrataron de feito o enxeñeiro Ángel del Monte, quen dirixía os traballos, que foron suspendidos por tal motivo. Sobre tal suceso formouse unha causa, na que resultaron condenados os agresores.

A estes feitos seguiu un período de paralización das obras, ata o mes de xuño de 1873, momento en que renóvanse na zona da Forxa (Porqueira), baixo a dirección do enxeñeiro inglés John H. Stone. As obras tiveron que suspenderse o día 13 do mesmo mes por causa dos sucesos ocorridos na zona de obras na Forxa. Os paisanos armados da Forxa e outras aldeas presentáronse nos traballos, ameazando os operarios e principalmente ao director da obra, o inglés John H. Stone, salvado do linchamento pola súa prudencia e coa axuda das persoas que o acompañaban. Os amotinados na  vila  chegaron a queimar os libros do rexistro civil de Sarreaus e Trasmiras, o catastro de Abavides e cortaron o telégrafo. Tamén en Xinzo, ao propietario da casa vivenda alugada a Stone, ameazárono que se non o botaba dela prendíanlle lume. Os amotinados viñan a Xinzo dispostos a roubar e a matar a determinadas persoas, entre elas o enxeñeiro Stone: Y desoyendo los prudentes consejos de personas que se acercaron a amonestarles desistieron de su empeño en penetrar en la Villa, formaron resistencia a las guerrillas, resultando por esto cuatro muertos y algunos heridos.[12]

 A pesar dos graves sucesos e das circunstancias políticas, os ingleses John H. Stone, enxeñeiro, e Richard H. Freeman, militar retirado, tomaron o relevo de Mutártegui e Iscar, constituíndose en novos concesionarios do desecamento[13]. Con data de 26 de marzo de 1875, Venancio Moreno, por ausencia de John H. Stone, para realizar as indemnizacións dos terreos vendidos polo Estado dentro do perímetro da concesión, solicítalle ao administrador económico da provincia que lle fornezan a relación oficial deses terreos dos concellos de Xinzo, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus e Vilar de Santos[14]. Polos moitos atrancos e as particulares circunstancias, os ingleses tampouco foron capaces de concluír as obras.

Finalizando o século, Carlota Partington, duquesa de Longeville e familiar dun dos socios de Pelayo Cuesta, asumiu a empresa con moita vontade inda que con ben pouco éxito[15]. Finalizaba así a última tentativa do século XIX para a realización da obra de desecamento da lagoa.

A derradeira e definitiva tentativa comezaría xa no século XX. Após dos numerosos intentos de desecamento do século XIX, declárase de alto interese nacional en decembro de 1956 o saneamento e colonización da lagoa de Antela. O día 8 de setembro de 1958 comezaron as obras en Ponte Liñares, coa canalización dun tramo de 6,6 quilómetros do río Limia. Posteriormente, canalizouse o río da lagoa nun tramo de 7,5 quilómetros. A partir do ano 1962 fixéronse os restantes canais para a drenaxe do interior da lagoa[16].

Finalizaba así o desecamento e desaparición da Lagoa de Antela ou Lago Beón e de boa parte da flora e a fauna que albergaba. O máis importante lago de auga doce que existía entón en España

.

[1] Comprobamos que xa entón o de cortar os árbores e un mal endémico dos poboadores da Limia.

[2] Bedoya, J.M. 1831. Ps. 8 a15.

[3] Bedoya, 1831.Ps. 29-30.

[4] Rico Boquete, E., 2008, p. 841.

[5] Ibidem, pp. 850 a 856.

[6] Revista A Torre do Castro n.º 2. Concello de Sandiás.

[7] O informe ten data de 11 de agosto de 1864 e foi publicado por J. Puga Brau no xornal La Región o 27 de novembro de 1958.

[8] Toribio Iscar foi un dos membros do sector republicano que proclamaron a República Federal en Ourense e un dos acusados como instigadores da revolta en 1869. Bande, E., 1995, p. 133.

[9] Rico Boquete, E., 2008, pp. 856 a 859.

[10] Caída da monarquía e exilio en Francia da raíña Isabel II.

[11] Fernández Alonso, B., 1880, p. 96.

[12] Rico Boquete, E., 2008, p. 861.

[13] Ibidem, pp. 861-862.

[14] AHPO. Delegación de Facenda. C- 91/5.

[15]  Rico Boquete, E., 2008, p. 842.

[16] Martínez Cerredelo, E. 2012.  P. 180

Bibliografía:

-Bande, E., Madarnás, A.V. 1995. Ourense no século XIX.  Edita Servico de Publicacións Deputación Ourense.

-Bedoya, J.M. 1831. Memoria sobre el desagüe de la laguna Antela ó de la Limia, en la provincia y obispado de Orense, reino de Galicia. Oficina de Juan María Pazos. Orense.

– Fernández Alonso, B., 1880, p. 96.

-Martínez Cerredelo, E. 2009. Julián Toubes: (1796-1870) O correxedor de Xinzo que quixo desecar a lagoa. Grupo Pedro González de Ulloa de Estudos Históricos da Limia. Xinzo de Limia.

-Martínez Cerredelo, E. 2012. Historia de Xinzo de Limia. Grupo Pedro González de Ulloa de Estudos Históricos da Limia. Xinzo de Limia.

Rico Boquete, E. 2008. Liberales y emprendedores, los proyectos de desecación de la laguna de Antela (A Limia, Ourense), 1827-1874. A Patria enteira : homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández.Santiago de Compostela. Consello da Cultura Galega: Universidade de Santiago de Compostela, 2008. P. [841-866].

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out /  Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out /  Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out /  Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out /  Change )

Connecting to %s