A plazoleta ou praza do peixe, hoxe praza do Bispo Idacio de Limia

Unha eira de terra situada nun espazo entre a estrada xeral, a rúa Dous de Maio e a rúa de Lepanto, chamada Plaza de la Libertad no plano de Xinzo do ano 1920 e actualmente co nome de praza do Bispo Idacio, era coñecida, ata a construción do primeiro mercado municipal, como plazoleta ou praza do peixe, por ser o lugar onde se vendía o peixe, ao aire libre, varios días á semana. Os peixeiros ou peixeiras como a Rosario, a Filomena, o Chacurro ou a Constanza, despachaban aquí o peixe que viña en camións, metido en caixas de madeira con xeo e cubertos de fentos, da lonxa de Vigo. Vendían tamén peixe varias peixeiras: a Concha, a Rapela, a Encarnación e a Aurora, procedentes da vila de Allariz. Coa reforma da praza, os vendedores de peixe foron trasladados ao que hoxe é o atrio da igrexa nova, e coa reanudación das obras trasladáronos desta para a “praza dos ovos”, tamén coñecida en tempos como “praza do carbón”, hoxe bautizada co nome de praza de Xoan XXIII, ata que definitivamente se asentaron no novo mercado municipal construído na rúa Dous de Maio.

Un dos elementos máis característicos da praciña era o lugar que ocupaba a primeira bomba de gasolina e posteriormente, no ano 1953 ou 1954, a primeira bomba de gasóleo instaladas en Xinzo. Estes dous aparellos estiveron a cargo de Edelmiro Martínez, por concesión da compañía CAMPSA, desde o ano 1951 ata o ano 1980. Na actualidade inda están soterrados no xardín os dous depósitos de ferro.

Na praza había outros tres establecementos comerciais: o comercio de tecidos e mercería da Raquel Rodríguez, a carnizaría de Lepoldo Bernardez e o bar churraría dun asturiano, Pepe, coñecido popularmente polo alcume de “el estrechito” polo estreito que era o seu establecemento, onde case había que entrar de lado. Tamén tiña unha casa de comidas na rúa Lepanto, onde tiña o seu domicilio. Non tivera moita sorte con anteriores negocios. A este último negocio do bar chegou despois de intentar outros como unha froitaría e o aluguer de bicicletas. Nun extremo da praza, preto da estrada xeral, había unha das varias fontes dauga da que se servían os veciños da vila.

A antiga fonte de auga, Na foto vemos a Jesús Romero, Raquel Rodríguez e Lina Acevedo.

No ano 1955, faise a plantación de árbores e o deseño do actual xardín. Constrúese tamén un estanque e unha fonte nova de cara á rúa Lepanto. Era o primeiro espazo municipal axardinado na vila, popularmente coñecidodesde entón como “o xardín”, obra realizada sendo alcalde Xesús Carlos Romero. O estanque, que tiña un chafariz, susbtituíuse por unha ra metálica e tamén se botaron varios peixes de cores, grazas ás doazóns dun entrañable personaxe, Fausto Martínez Biel, que se encargaba de repoñelos cando ían morrendo.

É escusado dicir que os rapaces pasabamos moito tempo a xogar no xardín e botándolle migallos de pan aos peixes baixo a atenta vixilancia do garda municipal, Saturnino Bolaño, “o Sarillo”, a quen lle debemos dar as grazas por ser o culpable de que o xardín non fose arrasado polos nenos e chegase ata os nosos días. Tamén o xardín foi un dos lugares da vila onde os fotógrafos Dacal e, nomeadamente, o Rizo inmortalizaron coas súas camaras a moitos limiaos.

Do meu libro <Xinzo de Limia na memoria>.

 

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out /  Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out /  Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out /  Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out /  Change )

Connecting to %s