O menhir da Pedra Alta da Antela

Por definición, enténdese que un menhir é un monumento megalítico formado por unha pedra fincada contra o chan. Á cultura megalítica pertence o menhir achado na lagoa de Antela coñecido como Pedra Alta, hoxe situado fóra da súa localización orixinal, un dos máis altos do noroeste peninsular. Está formado por unha pedra de grandes dimensións incrustada no chan: un bloque de granito de 3,47 m de lonxitude, máis ancho no terzo superior que na base.

Ten diversas inscricións, superpostas algunhas delas, e unha cruz de brazos iguais de 25 cm. Segundo Tomás Vega, pódese tratar dunha inscrición cristiá con letra capital desgastada e, polos indicios, puido ser feita entre os séculos IX e XII, e pode interpretarse: I(n) D(omini) N(ostri) IHESU VIMARA EBURONI (as letras maiúsculas son as que figuran gravadas na pedra).

Na parte posterior ten outras tres cruces máis pequenas e a letra E, inscricións que parecen máis recentes. A superposición das inscricións indica a posible dedicación a dous fins diferentes: ademais do que tería como menhir na época megalítica, as cruces poden ser indicadoras de diversas parroquias, función esta anterior á delimitación dos termos municipais. A fórmula cristiá da inscrición dá para pensar nun posible intento de poñer fin a un anterior e ancestral culto indíxena, cuxa orixe, segundo Tomas Vega, pódese situar na época megalítica.

Sobre o menhir coñécense varias lendas: “A Virxe ía voando de camiño a Cortegada, dende o monte de Poedo (monte da Farria), levando a Pedra Alta á cabeza; ao chegar a onde hoxe está, a pedra caeulle ao chan e alí quedou fincada, deixándoa naquel sitio para sempre”.

Outra versión, en lugar da Virxe, fala dunha moura que transportaba a pedra “ao mesmo tempo que fiaba nunha roca”.

A Pedra Alta, desprazada durante a desecación da lagoa, foi colocada na súa localización actual o día 27 de xaneiro de 1987. (Vega Pato, T.1988-89: “A Pedra Alta de Cortegada: Un menhir en “A lagoa Antela”. Boletín Auriense, tomo XVIII-XIX. pp. 106-118.)

Do meu libro Historia de Xinzo de Limia.

 

 

 

Deja un comentario