Historia da construción da igrexa nova de Xinzo de Limia (1908-1965).  

 

Nos primeiros anos do século XX, existía na vila de Xinzo unha soa igrexa, que polas súas dimensións e disposición non daba cuberto as necesidades relixiosas da vila, cuxa poboación incrementárase considerablemente naqueles últimos anos. Considerándoo así o prelado,  ordenaron de iniciar a construción dun novo templo. Parece ser que o primeiro proxecto da obra foi feito polo arquitecto Daniel Vázquez-Gulías. Unha das primeiras medidas foi buscar e comprar o terreo. O lugar escollido foron os terreos de fronte da praza chamada daquela a praza dos ovos, hoxe Juan XXIII, para o cal se contactou cos veciños Xosé Taboada Cortes, Purificación Cortes Castro, Antonio Álvarez Cortes, Camilo Quelle Marra e Pastora Cortes Castro, propietarios dos terreos, en término ou nomeamento da “Torre”. Os veciños venden os terreos necesarios para a construción dunha nova igrexa en Xinzoen febreiro de 1908, a Francisco Arias Moleiro, cura ecónomo da vila, que actúa como comprador en representación do excelentísimo e ilustrísimo señor prelado da diocese de Ourense. Por eses terreos pagáronse 1.250 pesetas, que perciben en “billetes del Banco de España”, repartidas da seguinte forma: Xosé Taboada Cortés,  400 pesetas; Purificación Cortés Castro, 200 pesetas; Camilo Quelle Marra, 50 pesetas; e Pastora Cortés Castro, 300 pesetas[1].

Con motivo do inicio das obras da igrexa nova, por quedar diante da fachada unha entrada tan estreita e irregular para o novo edificio, e perante a negativa de Xosé Taboada Cortes a vender, a corporación acorda o 26 de xuño de 1908 a expropiación do terreo do predio sinalado co número catro da rúa de Lepanto. Acordan consignar a cantidade de 500 pesetas no orzamento para facer fronte á expropiación. O gobernador civil ordena a valoración da propiedade. Como anécdota, cómpre indicar que as obras iniciáronse e fixéronse sen que conste solicitude ou autorización de licenza municipal de obras. Con posterioridade, Xosé Taboada Cortes presenta solicitude de obra no mencionado predio, que foi rexeitada pola corporación por estar en curso o expediente de expropiación, acordo que é referendado polo gobernador civil da provincia. Exposto ao público o expediente e non presentadas reclamacións, elévase o acordo ao gobernador civil, instando “que se mire o ornato público e se atenda a comodidade da veciñanza, dado que a expropiación é absolutamente necesaria”. A seguir, o gobernador civil pide que o concello nomee perito para avaliar o prezo dos terreos[2]. Por non haber na vila persoa cualificada, o concello nomea a Marcial Valeiras, do Carballiño[3].

Para conseguir fondos, con data de 5 de novembro de 1908, a parroquia vendeulle a José Romero Romero parte dunha tenza que posuía no Formigueiro, para destinar o diñeiro á construción da igrexa. A extensión vendida foi de 1.800m2, [4]. Supoñemos que a falta de diñeiro para continuar coa obra obriga á súa paralización, en data non especificada.

Dada a falta de utilidade da obra feita, abandonada desde había máis de 20 anos, durante a época da República, con data de 4 de xuño de 1931, o concelleiro Álvaro Rodríguez Suárez propón en pleno municipal que sexa nomeada unha comisión para que se fale co bispo de Ourense, de acordo co cura párroco, a fin de levar a cabo a permuta da ampliación do cemiterio novo que acababa de construír o concello pola igrexa en obras, daquela convertida en vertedoiro de lixo e aparcadoiro de burros e cabalarías nos días de feira. O concello acorda nomear unha comisión formada polo alcalde, Felisindo Carballo, e os concelleiros Celso Gallego e Álvaro Rodríguez Suárez, para realizar as xestións oportunas. O Concello de Xinzo de Limia facía conta de comprar a igrexa nova, coas obras paradas desde había vinte anos, para a apertura dunha nova rúa. Pretendíase facer a dita rúa paralela ás rúas de San Roque e Dous de Maio, de modo que conectase a rúa de Lepanto co campo da feira no Toural[5]. As xestións non deron o resultado que se pretendía e as obras continuaron abandonadas.

Perante a dificultade de seguir coa construción da igrexa nova na rúa Lepanto, a parroquia fai un proxecto para construír unha outra igrexa. Neste caso faise un proxecto para facela transversalmente nos terreos do atrio da vella, derrubando parte da casa parroquial. A intención era facela nova e que enlazase coa torre do campanario da igrexa actual, que quedaría pola parte exterior esquerda, coa fachada cara ás casas, e o altar maior quedaría na altura do patio da reitoral.

Tería a nova igrexa 40 m de longo e 10 de altura por 8 m de largo (ou algo menos, largura do arco do presbiterio); despois, dúas filas de pilastras e 4 metros de parede; en total, 16 m. O pórtico da fachada sería o da igrexa nova. Tería unha porta lateral ao nacente, que podía ser a actual principal. O presbiterio trasladaríase íntegro levando as pedras, elevándoo por baixo polo menos un metro. Faríanse dúas portas, e detrás unha sancristía; ao lado da actual torre, o baptisterio. Por riba das pilastras, faríanse balcóns corridos como no patio da Facenda de Ourense. Para compensar a parte da reitoral utilizada, daríaselle un segundo andar, levantaríase un muro para separar a horta e faríase un salón de actos.

Especificábase en varias notas aclaratorias: construiríase aproveitando a pedra da igrexa nova parada e materiais utilizables da igrexa vella; o presbiterio da igrexa vella trasladaríase a nova, pero elevándoo; faríanse dúas sancristías aos lados e daríaselle máis luces que as que tivera ata entón; o pavimento todo da igrexa elevaríase bastante sobre o nivel do terreo para evitar humidades, e faríase de tarima de madeira; as pilastras interiores, por economía, faríanse de cemento e habían de sustentar unhas celosías ou balcóns; a portada da igrexa vella trasladaríase coidadosamente á principal da nova; a porta lateral construiríase coa porta principal da igrexa nova, que sería integramente trasladada; como a reitoral perdería unha parte importantísima, sería preciso compensala dándolle un segundo andar e reparándoa convenientemente. Afortunadamente, este proxecto tampouco se levou a cabo e salvouse da desaparición a vella igrexa parroquial.

A respecto desta nova igrexa parroquial –igrexa de Cristo Rei, como se proxectaba chamarlle–, despois de cincuenta anos de abandono, foi retomada por fin a idea da súa construción e remate nos anos sesenta, coa chegada a parroquia de dous capeláns novos: Benigno Moure e Dario Carracedo. Déronlle un novo impulso e, coa bendición do párroco Cesareo Sobrado, encargouse un novo proxecto ao arquitecto Manuel Conde Fidalgo, para que, aproveitando o que estaba construído, se edificase o novo templo. O orzamento previsto ascendía á cantidade de 2.259.012,95 pesetas.

No proxecto indicábase que a planta en cruz do primeiro proxecto íase transformar nunha planta rectangular, seguindo a liña dos muros laterais do cruceiro, trasladando a esta liña as fachadas laterais existentes, a fachada principal sería trasladada ata o límite que permitise o fácil acceso ás dependencias particulares existentes na zona con dereito a paso que se respectaría, ao fondo e, en terreo cedido para este fin, situaríanse as dependencias de sancristía, almacén e local parroquial, así como a torre da igrexa. Con estas reformas conseguíase unha planta rectangular útil de 32,50 m de longo por 17,50 m de largo para os fieis e, á parte, un local para vestíbulo do público, baptisterio e subida ao coro con dous pequenos espazos exteriores, a modo de soportais. A nave central elevaríase sobre unha estrutura de formigón armado por onde recibiría a luz e a ventilación o interior do templo. Da nova construción destacaría a torre da igrexa, que iría sobre o espazo da sancristía, ao fondo, na parte esquerda, e que case duplicaría en altura á fachada principal. Na parte superior da torre iría un campanario para dúas campás, cunha varanda de ferro forxado,que na parte superior había delevar un reloxo. Na fachada principal destacaría a porta principal, cunha vidreira exterior redonda, de madeira de castiñeiro de 45 mm de espesor, na parte superior e nos laterais dous soportais para se resgardaren os fieis, e dúas portas secundarias nos laterais[6].

Non conseguimos achar as causas polas cales este novo proxecto tampouco foi realizado tal e como foi proxectado por Manuel Conde Fidalgo, xa que finalmente se construíu unha igrexa máis modesta e moi diferente da proxectada. Foi financiada con mensualidades que cada familia se impuña. Segundo o testemuño do impulsor da obra, o capelán Benigno Moure, había tamén moitos donativos anónimos. Recadábase unha media de vinte mil pesetas mensuais[7]. Tamén a parroquia, para financiar a obra, viuse obrigada a vender o resto da tenza, da que xa se vendera unha parte en 1908, cuxa propiedade databa de varios séculos. A obra, finalmente e despois de moitas vicisitudes, terminouse no ano 1965. Foi solemnemente inaugurada o domingo 29 de agosto dese mesmo ano.

A igrexa, na actualidade, ten tres vidreiras na fachada principal–doadas por un fregués–: unha, coa imaxe da santa Mariña, patroa da parroquia; outra, coa imaxe do patrón, san Sebastián; e no centro, unha redonda cunha cruz. Esta nova igrexa ten unha nave central e dúas laterais. Na nave central hai, nos laterais superiores, seis fiestras de cada lado, nas que se colocaron no ano 2004, sendo párroco don Tomas Delgado, vidreiras ornamentais coas imaxes dos doce apóstolos. No presbiterio érguese un altar de pedra, un ambón –doado por unha familia– e un atril tamén de pedra. No fondo, elevado e centrado detrás do altar, atópase un gran sagrario con dous corpos –doazón dunha freguesa–. A ambos os lados do presbiterio, encóntranse as dúas imaxes actuais: a da patroa, Santa Mariña, e a do Sagrado Corazón. Por riba do sagrario hai unha fermosa imaxe de Cristo crucificado –doazón dun veciño–. A ourivaría é toda do século XIX, destacando unha cruz procesional de prata, do prateiro ourensán Menéndez. Presidindo as naves laterais, hai dous altares en devoción á Virxe do Carme e á Virxe de Lurdes, traídos da igrexa vella. Tamén pode observarse a imaxe da Virxe das Dores e a imaxe articulada do Nazareno, ambas de gran devoción na parroquia e que se utilizan para as procesións da Semana Santa.

[1]Escritura de venda no arquivo da parroquia de Xinzo de Limia.

[2]En maio de 1911, o gobernador sinala o día 26 ás 11 da mañá para o pago dos terreos por importe de 149,85 pesetas, cantidade que o concello manda depositar na Caixa de Depósitos da Provincia por non se presentar o propietario a percibir o seu importe.

[3]Libro de actas do concello de Xinzo de Limia.

[4]Escritura de venda no arquivo da parroquia de Xinzo de Limia.

[5]Libro de actas do concello de Xinzo de Limia.

[6]Proyecto de reforma y ampliación Iglesia Parroquial de Ginzo de Limia (Orense) por el arquitecto Manuel Conde Fidalgo.

[7]Declaración do capelán D. Benigno Moure en decembro de 1962 (La Región de Ourense). Foi o promotor do reinicio e do remate da obra.

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s