9 de agosto de 1936. Os asasinatos do concelleiro Cándido Fernández García e o agrario Cándido Gándara González de Sandiás.

O concelleiro e tenente alcalde de Xinzo: Cándido Fernández García

O suceso máis recordado da represión en Xinzo prodúcese cando a Garda Civil e seis Falanxistas se presentan ás doce horas da noite do día 9 de agosto, no domicilio en Baronzás do concelleiro e tenente alcalde do Concello de Xinzo, o socialista Cándido Fernández García; milicianos armados con escopetas e pistolas sácano á forza. Cándido agárrase forte á cancela da casa e berra, que se o queren matar que o maten alí; a culatazos nas mans conseguen soltalo e lévano detido ao cuartel dos falanxistas no Concello de Xinzo. Alí atopábase detido dende o 1º de agosto, outro paisano de Sandiás, Cándido Gándara González (117), que fora concelleiro elixido o 12 de abril de 1931 membro da Xestora Municipal, ata as eleccións do 31 de maio do mesmo ano e directivo da Sociedade Agraria. Non se sabe o que pasou despois, pero ámbolos dous aparecen asasinados nas primeiras horas do día 10 de agosto de 1936, detrás do muro dunha finca no km. 4,9 da estrada de Vilar de Barrio ao Santuario dos Milagres, en termos de Maus (Vilar de Barrio) (118). Na acta da defunción de Cándido Fernández, co nº 707, figura como causa da morte: “producida por herida ocasionada por arma de fuego”; a de Cándido Gándara, co nº 708, di: “Disparo de arma de fuego”. Este último non foi identificado ata os anos 40. Ámbolos dous foron enterrados no cemiterio de San Pedro de Maus (Vilar de Barrio); a familia de Cándido de Baronzás, foino buscar o día 11, unha vez conseguido o permiso das autoridades, pero xa non puideron recuperalo por estar soterrado. Segundo o historiador Xulio Prada, a Cándido Fernández, identificárono polo oficio da Secretaría do Concello de Xinzo, que levaba no peto, onde lle notificaban o seu cese como concelleiro.

Foron soterrados en terreo “non sagrado”, no atrio da igrexa de San Pedro de Maus (119). No Rexistro Civil de Vilar de Barrio, figuran inscritos, Cándido Fernández, identificado e Cándido Gándara como “descoñecido”, este último foi recoñecido, anos despois, pola súa filla o 20 de agosto de 1940. O lector debe ter en conta que nas deteccións, segundo parece, tamén interveu a Garda Civil, foron ingresados no cárcere do Partido en Xinzo e polo tanto deberon ser rexistrados no libro de entradas e calquera variación na súa situación ou traslado a outra prisión debía ser autorizado polos mesmos que o mandaron deter. Quen autorizou a saída nocturna dos dous presos?, pois no cárcere había un xefe e gardas ou falanxistas que a gardaban, e as máximas autoridades comarcais eran o Comandante Militar e o Xefe das milicias. E outra cuestión importante, por qué os Xuíces apenas investigaban as mortes e daban rápido carpetazo ó asunto?. Da complicidade dos militares e a xustiza, para non investigar a fondo estes crimes, o historiador Xulio Prada di: “De feito hai quen sostén que en gran parte de Galicia os executores empregaron unha especie de contrasinal que tiña como obxectivo revelar ao Xuíz que non se trataba dun asasinato común, senón dunha execución política: un disparo no puño, previamente pechado, do cadáver, mentres na provincia de Ourense se empregou como selo particular un tiro na caluga, coñecido popularmente como o “tiro de Calvo Sotelo”(120). 

Testemuñas:

“Vivía en Piñeira [Cándido Gándara], e a miña avoa foino buscar para que viñera segar a herba (…). Ó vir de volta atopouse co Fidalgo, que era de dereitas, e díxolle: mira, foron polos de Lavandeira (tres ou catro) e despois

van ir polo teu pai; entón ela marchou a Piñeira e xa viu que levaban aos outros (…) e díxolle que marchara (…) que así podía escapar a Portugal; el estaba medio convencido pero a muller díxolle que facía falta, que había

moito traballo (…). Dixo el “tranquila que eu non lle fixen mal a ninguén, así que non vai pasar nada”. Cando viña no Seixo, cerca de Piñeira, dixéronlle “non vaias que te van deter”, e cando chegou a casa, cerca do Cruceiro, seica

lle dixo un Garda “Vostede cambia de bandeira e ten que acompañarnos”. Detivérono e levárono a Allariz e despois a Xinzo; estivo alí ata que o mataron (…). Eses días fórao visitar a miña avoa (…); aos de Lavandeira soltáronos; segundo a miña avoa parece ser que tivo un mal informe dun cura (…) Levárono nun camión cun de Baronzás, pegáronlles un tiro a cada un e deixáronos na cuneta (…). Cando chegou a familia xa estaban enterrados; ó Cándido de Baronzás  recoñecérono porque levaba un papel onde o cesaban como Tenente Alcalde de Xinzo, pero o meu avó quedou como descoñecido (…) O meu avó era das Sociedades Agrarias de Sandiás, era comunista, pero ía a misa tódolos días (…)(121).

“Non era de nada…todos eran da mesma trapallada…socialistas! [Cándido Fernández de Baronzás] el era o Presidente do Centro Obrero; en Xinzo era un tal Don Emilio que era Médico (…). Había un en Xinzo e outro en

Baronzás. El era o que levaba o centro en Baronzás, Morgade, Trandeiras, Piñeira e Solveira (…). Estivera na Arxentina (…), en 1924 veu definitivo e no 36 matárono (…); foi cando veu buscar a morte aquí e a familia alá con

todo (…). No 34 marcharon os fillos máis vellos (…); o día 9 de maio do 36 marchou a muller cos dous máis novos. El quedou coas dúas fillas, Hortensia e Adela, para marchar despois. Sacárono da casa ás doce da noite (…) E

marchou [levárono] para Xinzo, ata que ás 6 da tarde se soubo; (que aparecera asasinado nun valado). Os que o mataron eran de Boado, de Vilar de Santos, de Guntimil e outros de Piñeira Seca. O que o matou era de Piñeira Seca (…) “uns verdugos” (…)(122).

(Extracto do meu libro: Historia e Memoria. A LIMIA (1931-1953).

Notas a pé de páxina:

117 Fora elixido concelleiro o 12 de abril de 1931 (non se presentou á toma de posesión), e posteriormente anuladas estas, é nomeado membro da Xestora Municipal, ata as eleccións do 31 de maio do mesmo ano. As asembleas da Sociedade Agraria de Sandiás celebrábanse diante da súa casa en Piñeira de Arcos.

118 Rexistro Civil de Vilar de Barrio, inscricións 707 e 708 de 1936.

119 Na actualidade sobre as súas tumbas, existe un camiño de cemento de medio metro de espesor, no cemiterio situado no atrio da igrexa de Maus.

120 Prada, J. 2003. P, 91.

121 Conversa co seu bisneto, Xosé Abadín na Corga (Sandiás), o día 12 de abril de 2008.

122 Manifestacións orais de Agustin Rúa de Baronzás (92 anos) no ano 2006.

 

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s