A Limia, preparativos do golpe de estado en 1936.

Os aires de conspiración contra a República tamén chegaron á Limia; en datas non especificadas prodúcese a detención de falanxistas e son incautadas algunhas armas. A pesar deste revés, os falanxistas tiñan orden de estar prepara­dos para o primeiro aviso; inda que foran parcialmente desarmados, contaban con máis armas, municións e os apoios necesarios para unirse ao movemento subversivo. Significativa é a declaración do médico Emilio García Núñez[1], que manifesta que, xa o 18 de febreiro, se comprometeu co Tenente da Garda Civil, Ricardo Bazán, para saír á rúa con el en calquera movemento militar tan pronto se iniciara, como efectivamente fixo co Alférez da Garda Civil Francisco Piñel e o Tenente de Carabineiros Aquilino López Deus. Outro conspirador foi Xerardo Losada Carnero[2], soldado de Sabucedo (Porqueira), que militaba na “Liga Secreta Anticomunista” do cuartel militar de San Francisco, centro dos preparativos subversivos en Ourense. Tamén se ofrecera ao Xefe Comarcal da Falanxe de Xinzo, Xosé Campos Laxe, médico de Asistencia Pública Domiciliaria de Baltar, militante do PRR, aportando toda clase de donativos e sendo un dos primeiros colaboradores. No mesmo concello, o mestre de Sampaio, Xosé Mª Campos Rodríguez, declara: “Antes del Glorioso Movi­miento, estaba de acuerdo con otros amigos para intervenir en favor del mismo, dispuesto a contribuir al paso de armas y todo lo necesario por la frontera Portuguesa, poniendo mi capital a merced del Movimiento”. Dato confirmado polo cura de Tosende, Manuel Quintela, que tamén participou na conspiración: “Muchos días antes del Glorioso Movimiento Nacional, se presentó voluntario a cooperar [Xosé M. Campos] con un servidor y Don Nicolás Barja a buscar gente y ofreciendo su capital para dar el golpe a favor del indicado movi­miento”. Tamén o mestre de Guntimil, Felisindo Míguez González, do que dice Prieto: “Pusose (sic) inmediatamente a mis órdenes como Jefe Comarcal, ins­tando toda clase de apoyos”.

Que a falanxe da Limia viña preparando o Alzamento podemos velo nas declaracións do falanxista Nicolás Barxa sobre Xosé María Penín Añel, mestre de Sandiás; Barxa informa no expediente do mestre o 15 de novembro de 1936: “Que el maestro de Sandianes antes del Glorioso Movimiento Nacional, cotizaba para Falange y aún se quiso afiliar. En la actualidad pertenece a la Organización (…) que el citado Sr. Penín, había acompañado al declarante hasta el puesto fronterizo de Turei (Portugal) al objeto de preparar la fuga de los presos de Falange, detenidos por el Frente Popular. También dio nombre de casas para en caso de necesidad, prestaran servicio al Sr. Barja, como lo hizo en Tosende, pernoctando dos veces en la casa del Sr. Cura[3]. Con el mismo Sr. Penín, volvió nuevamente a recorrer varios puestos de la frontera, en servicio de Falange, para preparar el paso de armas tan necesarias en aquellos momentos a principios de Julio pasado”.

As autoridades, sabedoras da conspiración, ordenan o rexistro de sedes e a detención de falanxistas en toda a provincia; o 13 de xullo recíbese no cuartel da Garda Civil de Xinzo un telegrama do Gobernador Civil, Gonzalo Martín March, ordenando a detención de Xosé Prieto Puertas, xefe da falanxe local: “Proceda urgentemente a practicar registro domicilio Farmacia Prieto esa villa, procurando que el mismo se efectúe no solo armas, sino también papeles y documentos actividades políticas procediendo detención citado sujeto e ingreso prisión partido a mi disposición, dándome cuenta resultado registro[4]. Prieto foi encarcerado na prisión de Xinzo e un dos que o visitou na cadea foi o médico de Baltar, Xosé Campos Laxe, que se puxo a súa disposición; Prieto sería liberado polos sublevados da prisión do partido o día 19, dous días despois do inicio do golpe de estado militar en Melilla.

Durante a celebración dun mitin da Sociedade Agraria de Sandiás, celebrado un domingo entre o 10 e 18 de xullo, coa intervención do socialista Ramón Fuentes Canal (PSOE), Benigno Álvarez (PC) e outros oradores, prodúcese un incidente que coñecemos polas declaracións do médico de Xinzo, Moisés Mathé Ramos, monárquico reconvertido en falanxista, en defensa do mestre, Urbano Santana Feijoo, con motivo do seu expediente de depuración do maxisterio: (…) “Encontrándose casualmente en el pueblo de Sandianes un día que se celebra­ba un mitin de carácter comunista, organizado hacia mayo o julio de 1936 por la Sociedad Agraria de aquel pueblo y cuando paseaba por la carretera en compañía de D. Urbano Santana Feijoo, éste ha sido insultado y amenazado por los marxistas al negarse terminantemente a saludar con el puño cerrado, de cuyo hecho puede colegir que el Sr. Santana no solo no pertenecía a aquella agrupación sino que además era, sin ningún género de duda, enemigo importante de la misma y de sus afiliados[5]. Seguramente os insultos foron debidos ó abandono da súa militancia en dita sociedade e ó acercamento a posturas ideolóxicas da dereita; Urbano Santana fora tesoureiro do partido Unión Republicana que formaba parte da Fronte Popular.

Nas vésperas de Santa Mariña, o día 17 de xullo, prodúcese un accidente de traballo na construción da vía do ferrocarril en Reza – Rioboo, cerca de Vilar de Barrio; un desprendemento de rocas nas obras da vía orixina a morte de catro traballadores: Camilo Bertolo, Antonio Mondelo, Xosé Estevez Rúas e Antonio Rodríguez Barge, este último veciño de Baronzás. No seu enterro, que se produce no día de Santa Mariña, parte de Baronzás unha comitiva formada por multitude de obreiros da vía en formación e tamén numerosos políticos locais e provinciais membros da Fronte Popular; o cadaleito é portado polos seus compañeiros; catro mulleres vestidas de marrón (alegoría da república?) suxeitan os cordóns funerarios; moitos obreiros portaban bandeiras republicanas e dos sindicatos; abría a marcha unha bandeira da República -levada por unha rapaza chamada Hortensia Fernández, filla de Cándido Fernández de Baronzás-, concelleiro xestor da Corporación municipal de Xinzo, que debeu ter un importante papel como organizador do devandito enterro o que de seguro foi unha das posibles causas da súa tráxica morte en datas posteriores. No cemiterio pronunciou un mitin unha muller de Maceda; polas testemuñas e datos facilitados debeu ser Enriqueta Iglesias Meana “La Camarada”[6], coñecida militante comunista, muller de Benigno Álvarez, veterinario de Maceda e xefe do Partido Comunista de Ourense. Ante a previsible demostración de forza por parte dos republicanos, a Garda Civil e os carabineiros colocaron estratexica­mente as súas forzas ó longo do percorrido. Os Falanxistas de Xinzo distribuíran armas entre os seus afiliados e simpatizantes, que, con pisto­las no peto, asistiron de lonxe ó enterro dispostos a intervir se se producían provocacións ou alteracións da orden[7].

Ante os rumores dunha posible rebelión militar durante os días 16, 17 e 18 de xullo, o gobernador civil Gonzalo Martín March -acompañado do seu secretario e o Comandante de Carabineiros de Ourense, Federico Ayala Vitoria, visitan diversas localidades da provincia, coa intención de preparar unha posible marcha de afíns á República sobre Ourense capital, caso de que se levantase a guarnición militar. Segundo o historia­dor Xulio Prada, na mañá do dezaoito, mentres se repetía a nota oficial na que o Goberno insistía en que con­trolaba a situación, arredor das catorce horas o gobernador reiterou telegraficamente a todos os postos de Carabineiros da provincia que intensificasen a vixilancia das estradas, para deter ós xenerais Sanjurjo e Calavalcanti, en previsión de que puidesen tratar de cruzar a fronteira portuguesa; que se informase de calquera voo de avións; que se rexistrasen todos os vehículos, pasaxeiros e equipaxes, particularmente os procedentes do veciño Portugal. A primeiras horas da tarde o telegrafista do Goberno Civil remitía a todos os concellos as mesmas instrucións. Sobre as dezanove horas enviouse ás alcaldías un novo telegrama reiterando o contido do anterior, especificando agora que se debía reforzar durante a noite o servizo de vixilancia e ordenando que se disparase sobre calquera vehículo no que se agardaba a chegada dos citados xenerais, se os ocupantes ofrecían resistencia.

En Sandiás o mestre Xosé María Penín Añel -antigo activo socialista e militante republicano, que estivera afiliado a Sociedade Agraria de Sandiás, militancia que abandonou e máis tarde enfrontouse cos seus antigos camaradas-, pouco antes de declararse o Movemento recibe a visita do Alférez Francisco Piñel, da Garda Civil de Xinzo, acompañado polo destacado dereitista, Ricardo Hernández Ros e Codorniu, Rexistra­dor da Propiedade; visita na que aproveitan para darlle instrucións co obxecto de agrupar á xente de orde e entregarlle armas para facer fronte á posible resistencia republicana. Segura­mente nesta visita informárono dos rumores de que os republicanos ían recibir unha  camioneta con armas. Feito que debería producirse a noite do 17 de xullo, cando varios individuos pertencentes á Sociedade Agraria -entre os que se atopan os irmáns, Xesús e Antonio Dios Dios, o mestre Antonio Fernández Veces[8], e posiblemente Serafín Feijoo Blanco, Evaristo Domarco (alguacil do concello), Xoán Cid Solveira, directivo da Sociedade Agraria e outros veciños-, estiveron agochados nas inmediacións da estrada de Villacastin a Vigo á espera dun automóbil que portaría as armas que lles prometeran para facer fronte á rebelión fascista e que nunca chegou. Segundo informe, anos despois, da Garda Civil, “para sumarse al movimiento anarco comunista, dando con ello lugar a que los elementos de orden tuvieran que tomar precauciones” [9]. 8Do meu libro: Historia e memoria.A LIMIA: 1931-1953).

Posteriormente todos sabemos o que lamentablemente sucedeu.

[1]  O informe do Comandante de Infantería, Inspector Provincial de Milicias, Don Rafael Valcarce Saenz, do 13 de novembro de 1937, di: “Y que las personas que estas denuncias figuran como Don Emilio García Núñez, el año de mil novecientos treinta y dos, era socialista y desde esa fecha no intervino en ningún partido del Frente Popular, habiéndose puesto a disposición de la Comandancia Militar desde los primeros momentos y en la actualidad tiene solicitado por instancia, un puesto como médico en el frente que se le designe a fin de contribuir al movimiento. AMIRMN. Causa Militar Informativa Y s/n.1936.

[2] AMIRMN. Causa militar nº 26/39.

[3]  Manuel Quintela Sanfiz, Cura párroco de Tosende (Baltar).

[4]  AMIRMN. Dilixencias previas nº 393/39.

[5]  AGA. Fondo Educación, caixa 12.807.

[6] En 1932 casou con Benigno Álvarez, veterinario de Maceda e dirixente comunista,  era filla dun capataz de obras que traballaba na construción do ferrocarril. O comezar o alzamento na súa fuxida, despois da morte do seu home, morre de inanición seu fillo de un ano de idade, Enriqueta sería morta a paus. En este tempo, morreu  o seu home no monte, encarceran a súa irmá María en Celanova e fusilan a tres irmáns de Benigno: Demetrio en Ourense,  Xosé e Pedro en Tui (entregados pola PIDE portuguesa) e a sogra morre incapaz de resistir tanta traxedia familiar. (Fernández Santander, C. 2000. Tomo I, p. 523). Pomos en dubida o dato da morte da compañeira Enriqueta, xa que logo do Alzamento, consta a súa estancia na cárcere de Verín.

[7]  Testemuña oral dun, por aquel entón mozo, A.V. que participou nos feitos.

[8]  Foi Presidente da Sociedade Agraria de Sandiás e concelleiro.

[9]  AHPO. Expediente do TRRPP nº 24/1940. Caixa 7196.

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s