Carlos Casares e o fútbol en Xinzo.

 

 

Aínda que de seguro se xogaba xa ao fútbol anteriormente, sen organización algunha, a historia oficial deste deporte en Xinzo de Limia nace dunha conversa de taberna entre amigos nos primeiros días do mes de xuño de 1919: a fundación da Sociedad Deportiva Antela F.C., que deu vida e puxanza ao primeiro equipo do Antela. Entón os afeccionados ao fútbol aumentaron de tal forma que non había domingo que non se xogasen partidos entre este e outros equipos da provincia. Homes, mulleres e nenos asistían en gran número e con moita paixón aos encontros. O primeiro campo de xogo estaba situado no Toural, con chan de terra, que se utilizou ata que se adaptou outro novo, en 1936, no campo da Seara, neste campo é onde Carlos escribiu as súas mellores páxinas como futbolista do equipo local. 

Carlos cando viña de vacacións do Seminario, onde se xogaba moito e ben ao fútbol, ademais de xogos infantís tamén nos organizaba aos nenos do seu barrio os partidos que xogabamos con equipos formados por un grupo de rapaces no que tamén estaba o seu irmán Xabier. Non podía faltar a pelota de trapo, todo un clásico, para xogar ó fútbol; outras veces era unha pelota de goma que recibía como regalo algún afortunado cando lle mercaban uns zapatos da marca Gorila. Xogabamos en prazas, rúas e no verán -cando secaba- na Ladeira que tiña herba. O lugar de xogo principal era a estrada xeral diante da súa casa. Tiña o inconveniente que, de cando en vez, había que parar pois pasaba algún vehículo; eran tan poucos que case sabíamos as horas nas que circulaban. Polo serán non era doado xogar pois eran moitos os camións que cargados -con caixas de peixe- pasaban a toda velocidade camiño dos mercados en Castela. Tamén tiñamos que velarnos dos gardas municipais, especialmente do famoso Saturnino Bolaño o Sarillo -o terror dos nenos- que gozaba amolándonos o partido, embarcando a pelota nun tellado ou quedándose con ela. A súa especialidade, cando fuxiamos da súa presenza, era lanzar a porra para que se nos enredara nas pernas e afociñaramos o chan.

Xogos de rapaces que posteriormente Carlos, con data 21 de agosto de 1995, lembra e publica no seu artigo:  Unha biografía, e comenta: […] Agora acórdome, por exemplo, que cando os rapaces estábamos xogando ao fútbol na estrada de Madrid, pola que transitaba un camión só de cando en vez, este home facíanos rabiar, pois sempre que pasaba por alí, dáballe un punteirazo á pelota para mandala ás quimbambas”[…].

Sobre a súa afección ao fútbol escribe o seu irmán Xavier no artigo A Infancia de Carlos na revista de Mondoñedo Amencer (nº 234 de abril do ano 2017): “A Carlos gostáballe xogar ao fútbol; era moi habilidoso no manexo da pelota. Os compañeiros chamábanlle <<Kubalita>> alcume futbolístico que non lle desagradaba, xa que tiña unha grande admiración polo famoso xogador do F.C. Barcelona. Xa de mozo, xogou no Antela F.C., o equipo da vila”.

Carlos mencionou en varios artigos de A marxe, a súa afección ao fútbol e a súa participación como xogador do Antela F.C. na súa mocidade, temos varios exemplos, o día 31 de maio de 1994, na crónica Fútbol e literatura escribe: “O venres pasado estiven en Xinzo de Limia, falándolles aos alumnos dun colexio. Gustoume recordar que me atopaba sobre o chan do antigo Campo da Seara, onde xoguei tantos partidos  de fútbol co Antela, o equipo da miña vila, para o cal metín algúns goles en partidos de moita paixón e bastantes nervios. Quen non coñeza o pracer de provocar unha explosión de alegría desbordada no público cun remate afortunado, está privado de emocións que resultan difíciles de sentir en ningunha outra circunstancia” […].

No artigo Fotos publicado o día 13 de outubro de 2000 comenta: O venres pola noite, nun acto literario, atopeime cun vello amigo que me fixo entrega dun regalo: un sobre con dúas fotografías dentro. Abrino e alí estaba eu co equipo de fútbol da miña vila, o Antela, nesa instantánea característica na que os xogadores aparecen colocados en dúas filas: atrás e postos de pé, o porteiro cos tres defensas e aqueles outros dous que entón se chamaban medios, e diante, agachados, os cinco dianteiros. Nunha das fotos aparezo eu cunha abundante melena, cousa que non recordo, e situado nunha posición que non era a miña. Tiña dezaoito anos. Na outra, estou agachado, pero levo unha camiseta distinta dos demais, o cal quere dicir que non xoguei, polo menos ao principio. Pola data que figura no dorso, estaba a punto de cumprir os vinte […].

O día 28 de outubro de 2000 publica o artigo titulado No Bar, no que lembra una anécdota dunha disputa entre afeccionados: […] Eu recordo unha vez, nunha vila de Ourense que non vou citar aquí para que ninguén se sinta ofendido, que aos xogadores do Antela F. C., de Xinzo de Limia, nos tiraron de todo: pedras, paus, un zapato, bólas de aceiro e ata unha navalla aberta de dimensións considerables. En contrapartida, cando eles viñeron a Xinzo, o Queixo, o Cuco, o Carrolas e dous ou tres máis saíron ao medio do campo dispostos a vingar a ofensa recibida. A cousa rematou a centos de labazadas[..].

Son moitos os que algunha vez cuestionaron a súa afección ao fútbol e discutiron a súa participación como xogador do Antela F.C. Afortunadamente tamén son moitas e variadas as fotos daqueles anos nos que podemos velo militando no equipo da vila e no do colexio Santa Mariña, onde estudaba. Dada a súa posición nas fotos debía de xogar de extremo pola banda esquerda. Tamén hai constancia oral e gráfica da súa pertenza á currobla barcelonista de Xinzo. Queda aclarado pois que era afeccionado e xogou ao fútbol defendendo os cores do Antela F.C.,  o equipo da súa terra de adopción, e tamén do equipo do Colexio Santa Mariña.

(Este artigo xunto cos xa publicados: Carlos Casares en Xinzo. Actividades culturais e Carlos Casares e o Entroido de Xinzo, forman parte dun artigo: Carlos Casares en Xinzo e a Limia, de unha próxima publicación na revista Lethes.)

 

 

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s