Fábrica de gasosas Ramos. Crónica de Casares:Refrescos Lola. Aqueles refrescos

La Ibérica fabrica de gasosas, refrescos Lola, gasosas Primo Ramos, refrescos Vanguard, gasosas Ramos, son os distintos nomes dunha das fábricas de gasosas que existía en Xinzo. Naqueles anos había outra fábrica de Benito Rodríguez Rodríguez no barrio de Villasana, máis coñecido como o Garnacha. Anteriormente só teño constancia en anos anteriores da que había na traseira da ferraxaría de Arturo Rodríguez Rivero.
Nos anos 50 La Ibérica estaba situada na rúa Lepanto, máis coñecida como “calle de atrás” que durante séculos foi a vía principal do coñecido como camiño de ferradura de Tui a Castela. A fábrica estaba situada entre a casa do Estrechito e a carpintaría do Euloxio Portela, onde hoxe hai unhas galerías. A fábrica era propiedade en sociedade dos meus tíos Primo Ramos e Luís Fariñas. Nesta localización da rúa Lepanto facíanse os refrescos Lola (ou nome dá miña tía dona de Primo Ramos). Posteriormente trasladase ao barrio de Villasana, xa en única propiedade e co nome de gasosas Primo Ramos e posteriormente só fábrica de gasosas Ramos, a fabricación ademais das gasosas era a auga de seltz en sifóns, que daquelas consumíase moito nos bares e os refrescos Vanguard de laranxa, limón e cola. A auga para a fabricación íase buscar, en bidóns e transportada en camións, ao manancial que tiñan os Marquinas no pazo de Vilariño das Poldras.
Preparábanse as botellas de gasosa recollidas e lavábanse a man por dentro e por fóra. Para proceder ao lavado interior colocábase un cepillo de mango de arame, alongado, que chegaba ao fondo da botella. Nesta posición virábase para eliminar os restos. Cada botella unha vez lavada e escorrida colocábase nunha caixa a modo de botellero confeccionada en madeira e coas separacións de arame. Unha vez dentro da caixa iniciábase o proceso de enchido.
O preparado ou xarope tanto para as gasosas como para os refrescos, viña en garrafas e cun sistema de bombeo manual íase botando unha doses en cada botella, logo pasaban manualmente unha a unha pola máquina onde se enchía de auga e gas a presión. O cerre coa chapa era o momento máis perigoso, xa que unha a unha pasaban por un aparello non que na parte superior introducías a chapa, puñas a botella nun soporte, pechabas o protector metálico (rebentaban moitas) e pisabas con forza un pedal que a facía subir entrando a presión contra a chapa. En anos posteriores a botella pechábase cun tapón unido ao corpo da botella e cun sistema de peche. O tapón estaba feito en cerámica cunha xunta de goma, conseguindo un pechado hermético.
Nos anos 58/59/60 facíase ou repartición casa por casa nunha bicicleta de tres rodas con carga na parte dianteira, tamén se repartía nun carro de catro rodas tirado por un burro. O proceso de fabricación seino ben xa que cando estudaba nos Maristas, algunhas vacacións de verán, para desgusto do meu pai, traballei co meu tío facendo e repartindo gasosas.
Carlos Casares escribiu unha fermosa crónica, que reproduzco, dunha anécdota que ocorreu no café Antela, propiedade do mes tíos Primo Ramos e Lola Cerredelo, teño que subliñar que creo que Carlos esaxera un pouco, eu non lembro esa voz tan chorona da fala da miña tía.
Refrescos Lola. Aqueles refrescos:
“Se non fose porque onte, ao falar das cheas que había en Xinzo antes de que desecasen a Lagoa de Antela, me acordei dalgunhas persoas da miña infancia, tería practicamente esquecidos os Refrescos Lola. Sen embargo, déronme non poucas alegrías de pequeno, por máis que non fosen outra cousa que auga gaseada en plan bravo e polvos de cores, uns de limón esvaído e outros de laranxa rabiosa. O que pasa é que daquela aínda non entraran no mercado español as grandes marcas internacionais, que seguramente estaban feitas do mesmo xeito, con auga e pos, pero con química avanzada, moi diferente da propia do país, que non debía pasar moito da gaseosa con boliche e da moi querida botella de sifón.
Esta señora Lola, que lle daba nome ao citado refresco perralla, era unha boa muller, seria e traballadora, pero que tiña a particularidade de falar como se estivese chorando, dixese o que dixese. Na vila había moitos golfos que a imitaban, especialmente o Euloxio Portela, o carpinteiro, que era veciño, tabique por medio, e que con frecuencia daba ordes no seu nome, só por coña, para confundir os empregados.
Ademais dos refrescos, este matrimonio tiña un café moi concorrido, o Café Antela. Tiñan tamén un neto a quen os demais nenos lle chamabamos Felipito Malaleche, porque de pequeno era un pouco rabudo. Un día, porque os avós lle rifaron, non sei por que motivo, subiu no alto dun velador de mármore, co local cheo de clientes, e púxose a berrar como se estivese posuído polo Demo: “¡No beban los refrescos de mi abuela, que se ciscan!” O caso creou conmoción, pois moita xente estimaba que o rapaz falaba por boca de ganso, e o volume do negocio baixou. Na miña casa, por exemplo, deixouse de mercar. Durante algún tempo, eu mirei o Felipito como un canalla que me arruinara unha fonte de pracer. Hoxe, en cambio, seguramente lle tería que estar agradecido por protexerme a saúde”.
Esta columna publicouse orixinalmente en La Voz de Galicia o 26 de novembro de 2000.

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s