Crónica festivo deportiva do Piñeira F.C. por Luís Otero

15196027_1645202072443373_1215174784521983038_o

DO FULANO DAS SANDALIAS AO SEU AMIGO
MANOLITO SANTANA (E.P.D.) QUE COCIÑOU AS
CAMISETAS DO PIÑEIRA C.F. polo escritor e periodista limiao Luis Otero.

Pois si, eu fun futbolista, dianteiro centro do Piñeira C.F., de Piñeira de Arcos, co que cosechei lauros sin conto e, hai que dicilo todo, unha sonada humillación que aínda hoxe me doe a nada que escarbe: refírome á tarde en que xogando en Allariz contra o Allariz metéronnos 22 goles a cero. Claro, xogábamos en Allariz e o árbitro era descaradamente caseiro, sen dubida que estaba comprado e para mostra un botón: pitou o remate cando aínda faltaban dous minutos para cumprir o tempo regulamentario.
Nos nosos desprazamentos (a Villaza, a Xunqueira de Ambía, a Sabucedo… (a Allariz só na ocasión citada, pois non nos quedaron ganas de repetir) alugabamos o taxi/microbús do Tomás, que tamén era de Allariz, como a goleada, e desafiando a lei de impenetrabilidad dos corpos metiámonos vinte ou máis, amontoados, asardiñados, onde só cabían dez. O Tomás era un vello cordial, cegato, moi querido pola plantilla e pola directiva, sumamente cauteloso ao volante e con dous centímetros de cinza sempiternos na punta do cigarro de picadura e, de viaxe a Villaza (a Villaza iamos moito porque un da directiva tiña noiva alí) ao chegar ás curvas do porto das Estivadas, na ida e na volta, paraba o coche e se o precipicio cadraba á dereita ordenaba:
—Ala, os gordos pasen á esquerda e os delgados á dereita.
Tratábase de nivelar a carga para así evitar o despeñamento por pendente excesiva e vertixinosa. (O enxeñeiro don Práxedes Mateo Sagasta deseñara o trazado da N-525, de Villacastían a Vigo, que incluía o tramo Piñeira de Arcos-Monterrey camiño de Villaza e viceversa. Pero o peralte das Estivadas redeseñábao o bo de Tomás, era un peralte á medida, pret-a-porter, coma se dixésemos). Transcorridos uns metros e co precipicio cambiado de man o Tomás volvía parar:
—E agora os gordos á dereita e os delgados á esquerda.
Dentro do que cabe os gordos e os delgados levaban ben o balbordo, que facía a mar de divertido o desprazamento, pero aos que non eramos nin chicha nin limoná tocábanos transportín e acababamos coa rabadilla en chaga viva. Pero o peor non era a rabadilla, que despois de todo só nos afectaba aos que nin chicha nin limoná, senón que con tanto quítate ti que me poño eu sempre chegabamos tarde, moitas veces cando xa empezara o segundo tempo e iamos perdendo por tres a cero.
É neste punto o momento de confesarvos, con gran dor e con moita vergoña, que o Piñeira C.F. tivo un final non xa pouco honroso senón indigno total. A directiva do Piñeira C.F. comprara ao Club Casabranca, de Ourense, unhas camisetas de segunda man que carecían de numeración dorsal e a Manolito Santana, directivo e defensa central, ocorréuselle remediar a carencia…, e que fixo o condenado? Cunha picaraña arrincou dos bordos da N-525 uns flocos de chapapote, púxoos a cocer nun bombo de atún en coserva baleiro e, fundida a cocedura, cun fino pincel de ebanista e pulso firme pintoulles os números ás camisetas. (Nas estradas de antigamente os camioneiros estrelábanse contra os postes do telégrafo e os peóns contra os flocos de chapapote). Nas festas de Santa Mariña, veciña que foi do Piñeira de Arcos (os que non me crean que foi veciña consulten a biografía de Santa Mariña que escribiu Delmiro Martínez Cerredelo, cronista oficial e universal da Limia), estreamos as camisetas nun partido contra o Xunqueira de Ambía. O programa anunciaba rumboso non só o gran partido, senón que engadía: “Unha bella señorita de la localidad hará el saque de honor”. A bela señorita era Conchita Pérez (funcionaria de Facenda, hoxe xubilada), filla do panadeiro Eladio Pérez e irmá de Esther Pérez, tamén panadeira, e de Ricardo e Xullo, empregados de Fenosa, os últimos anos da súa vida profesional na Fenosa de Xinzo). E regresamos ao fútbol da festa. Ao comezo do partido facía unha calor que derretía os paxaros e enseguida empezou a derretir de paso o chapapote das camisetas, con tanto poderío que ao pouco os churretóns escorregábansenos aos futbolistas perna abaixo. E nisto que, impulsado por un chupinazo sen tino dun medio esquerda de quen non darei o nome para non oprobiarlo, o balón aterrou nun touxal, a medio quilómetro ou así das lindes do estadio. Despois de como pouco dunha hora de busca atopámolo e estaba pinchado. Tivemos que parchearlo e inflalo de novo. Renovouse o partido. O final chegou ás tres ou catro horas de comezado, cando xa se puxera o sol e a fresca endurecera o chapapote derretido, de tal modo que as camisetas e o solombo dos futbolistas quedaron soldadas con tal forza que ao quitalas levaban pelellos, costelas e ata chuletóns. Aquela noite os futbolistas non tivemos verbena, porque mans de muller non ofenden, eso din, pero en certas circunstancias mancan con só acariñar. Na churrascada do día seguinte con que a comisión obsequiaba aos veciños ninguén probou bocado, calquera se arriscaba. Nin a comisión. A delegación de Sanidade de Ourense, entón Ourense, meteulle un puro á comisión de festas por antropofagia e tráfico de carne humana. E ao cabo dunha semana a Federación Española de Fútbol retiráballe ao Piñeira C.F. a licenza por máximo responsable de todo o estrepicio sinalado. O Piñeira C.F. non se molestou en recurrir a sanción, sabedor de que a Federación está vendida ao Real Madrid e ao Club Deportivo Allariz, que non saberemos nos. Xa o Piñeira C. F. reclamara cando o Allariz nos roubou os dous minutos e a Federación como si chovese.

Na foto, o Piñeira C.F., xullo de 1959. De pé, de esquerda a dereita: Gonzalo Quintas (Coedo), Ismael Fernández (Piñeira), Ramón Carnero (Sandiás), Antonio Ledo (A Fontela), Rafael (A Graña), Felisindo Meno (A Fontela), Carlos Ferro (Piñeira), Luís Barreiro (Piñeira). Amouchados: Justiniano Seara (Piñeira), Luís Otero (Piñeira), Manolo Santana (Piñeira),Ricardo Pérez (Piñeira), Ramón Otero (Sandiás).

LUIS OTERO.

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s