O rueiro de XINZO DE LIMIA a través do tempo.

Plano de Xinzo ano 1920 x

Vou facer un repaso polos distintos nomes que a través do tempo recibiron algunhas das rúas e prazas de Xinzo de Limia. Sempre fun partidario de que rúas e prazas non levaran nomes de políticos nen nomes relixiosos, para evitar ferir sensibilidades, soamente nomes de intelectuais, artistas, profesionais, ríos, montes, etc. E cando se trata de peersoas que sexan merecentes dun recoñecemento xeral pola súa aportación a vila e o concello de Xinzo. Inda que non sempre foi así e hai erros clamorosos que había que rectificar. Aproveito para denunciar que falta nesta vila un recoñecemento ao constructor e promotor inmobiiario Modesto Montero Colmenero, con quén a vila e o pobo de Xinzo ten unha débeba.

Rúas: Avenida de Ourense e avenida de Madrid.

Nun plano de Xinzo do ano 1856 figura como Carretera de Vigo a Castilla. Noutro do ano 1920  figura co nome de Carretera de Villacastín a Vigo, nome co que se coñeceu durante moitos anos inda que simplificado como a Carretera General. Con data 22.05.1935 en pleno municipal o concello republicano dálle o nome de Avenida del Progreso. Posteriormente, e durante a guerra civil pasa a chamarse Avenida del Generalísimo Franco[i]. Ata que coa morte do ditador e a chegada da democracia, o concello divide a rúa en dúas e nomea dende a Praza Maior en dirección a Ourense como Avenida de Ourense e en dirección a Madrid como Avenida de Madrid.

Rúa Carmen Novoa.

Esta rúa desde tempo inmemorial sempre foi coñecida como Camiño do Mato e posteriormente como Rúa do Mato. Nunha decisión nin entendida nin comprendida pola maioría da veciñanza, que ignoran os méritos da homenaxeada coa vila, o concello, nos primeiros anos do século XXI, mudou o nome polo de Rúa Carmen Novoa.

Rúa de Casto Rodríguez Otero.

O camiño desde a parque do Pombal ata os cemiterios era coñecido como Camino del Cementerio. No acordo municipal de 22.05.1935, acordase darlle o significativo nome de Calle de la Gloria. Chegada a democracia pasou a chamarse Rúa do Cemiterio e posteriormente a principios do século XXI muda o nome para o actual de Rúa de Casto Rodríguez Otero, médico natural de Allariz que exerceu en Xinzo durante moitos anos.

Rúa da Constitución.

Esta rúa figura en diversos papeis municipais como Camino Real de Tuy a Castilla, incluía desde a rúa Rosalía de Castro ata o camiño da Moreira. Nun plano de Xinzo de 1920 figura xa co nome de Rúa da Paz, que debía chegar ata a Praza de Oriente. Pouco tempo despois, aproximadamente nos anos 20, se lle pon o nome do político bugallista Luís de Usera. Nome que se modifica coa chegada da República e a xestora municipal republicana toma o acordo, con data 07.05.1931, de que a rúa se denomine no sucesivo Rúa de Alcalá Zamora, en honor ao primeiro presidente da República, ordenando adquirir unha placa de mármore e se coloque no lugar da anterior. Durante a guerra civil reponse o nome de Luís de Usera. Non é ata a chegada da democracia que a corporación municipal de Xinzo lle cambia o nome polo que ten na actualidade de Rúa Constitución, un homenaxe a actual Constitución española. De todas formas a rúa é máis coñecida popularmente como rúa dos Viños.

Rúa do Cruceiro.

Esta rúa anteriormente formaba parte do Camiño do Formigueiro, debe o seu nome a que no cruce desta e as actuais rúas Formigueiro e Marcelo Macias, contaba cun cruceiro que a mediados dos anos 70 foi trasladado a explanada existente entre a rúa Lepanto e avenida de Madrid. 

Rúa de Curros Enríquez.

En 1906 figura nun acta dun pleno municipal como rúa do Nacente tamén chamada Estrada Provincial de Paradiña a Baños de Bande (entre Xinzo e Pena, e entre Xinzo e Sabucedo). No plano de 1920 figura co nome de Carretera Provincial a Villar de Barrio. En 22.05.1935 mediante outro acordo en pleno municipal a rúa do Nacente muda a rúa Gran Vía. Durante a guerra civil ou a posguerra pasa a denominarse Presidente Carmona[ii], en honor do presidente Portugués, ata que nos anos 90 dáselle a actual denominación do poeta de Celanova,  rúa de Curros Enríquez.

Rúa Dous de Maio.

Nalgunha acta do concello de Xinzo do primeiro cuarto do século XX figura como Estrada Provincial de Paradiña a Baños de Bande (entre Xinzo e Pena, e entre Xinzo e Sabucedo). Pero no plano do ano 1920 figura como Carretera Provincial de Sabucedo. Logo sería coñecida por Carretera de Lamas o del Poniente  como é mencionado en algunhas actas do concello. Posteriormente no pleno municipal de 22.05.1935 acordan darlle o nome de Calle Dos de Mayo de 1808, nome co que se coñece na actualidade.

Rúa Ferro Couselo.

Esta rúa no centro da vila, antes un camiño de servizo as fincas da zona, foi sempre coñecida como a Canella da perrera, lugar que tanto servía para que os veciños e visitantes fixeran as súas necesidades, como na igrexa nova, ou para deixar atadas as cabalerías coas que viaxaban a Xinzo.

 

Rúa Formigueiro.

Esta rúa, anteriormente camiño do Formigueiro comezaba no camiño da Roda e terminaba na actual rúa Curros Enríquez, camiño de servizo para as fincas da zona, só conserva o nome en parte, xa que a outra foille posto o nome de rúa do Cruceiro.

Rúa do Forno do Concello.

Debe seu nome a que nesta rúa estivo o forno comunal da freguesía de Santa Mariña e vila de Xinzo, segundo podemos ler no catastro do Marqués da Ensenada do ano 1753 <<También disfrutan dichos vecinos y su común un horno concejil, sito en la villa de Jinzo, frente siete varas, fondo cinco, derecha e izquierda tierra concejil[…]. Supoñemos que durante séculos recibiu este nome. No plano de 1920 figura con nome de Calle del Horno. Pero en 22.05.1935 perde o nome e pasa a integrarse como Barrio Norte. No rueiro que se fixo na democracia volve a recuperar o nome que ten na actualidade: Rúa do Forno do Concello.

Rúa de Galicia.

A actual rúa de Galicia que comeza desde a rúa Constitución ata o final do Barrio de Abaixo, figura no plano de 1920, dende a Praza de Oriente, como Calle de la Morera popularmente coñecido despois como camiño da Moreira. Durante moitos séculos esta vía que atravesaba Xinzo desde o actual cruce con Rosalía de Castro ata a Moreira foi sempre coñecida como Camino Real de Tuy a Castilla (o Camiño Real, dos nosos paisanos).

Rúa de Jesús Carlos Romero Nieto.

Esta rúa xa figura no catastro do Marqués de Ensenada de 1753 como Outarelo (así chamaban a ponte que estaba ao final da rúa). En diversas actas do concello de Xinzo, de principios do século XX, figura de distintas maneiras segundo quén o escribira: Outarelo, Outerelo, Outorelo (1933) ou Outurelo. Actualmente os veciños falan da rúa de Outurelo. Esta rúa é denominada no plano de 1920 como Calle del Toral. No rueiro modificado en 1935 figura cos nomes anteriores de Calle de Outorelo o del Toral,  pasando a chamarse Calle del Toral (os veciños sempre a nomearon como rúa de Outurelo), nome que levou ata mediados dos anos 1950 nos que sendo alcalde J.C. Romero pavimentou media rúa con laxedo de pedra e os concelleiros agradecidos modificaron o nome e lle puxeron o do alcalde: Jesús Carlos Romero Nieto, figurando con este nome na actualidade. Infrinxindo a lei da Memoria Histórica que prohibe os nomes de franquistas nas rúas e prazas.

Rúa Ladeira.

Esta rúa sempre levou este nome debido a pequena lagoa que alí existía. Segundo o dicionario electrónico de Estraviz, Ladeira é: Branha, terreno húmido, pantanoso e com juncos. 

Rúa de Leopoldo Álvarez.

Esta rúa sempre foi nomeada como Calle de la Estrella, pero o concello republicano, para premiar a encomiable labor do médico Leopoldo Álvarez durante a epidemia da chamada gripe española do ano 1916, acorda darlle o seu nome, sendo dende entón a Rúa de Leopoldo Álvarez.

Rúa de Lepanto.

Rúa que conmemora a vitoria española da batalla de Lepanto contra os turcos, nome que na actualidade non lle di nada a xente moza. Esta rúa figura en diversos papeis municipais como Camino Real de Tuy a Castilla (Camiño Real), incluía desde a rúa Rosalía de Castro ata o camiño da Moreira. A finais do s. XIX e principio do s. XX figura no Rexistro da Propiedade como calle de María MagdalenaPosteriormente, e cando se lle debeu dar o nome actual, vai dende a Praza Maior ata a actual rúa de Rosalía de Castro. Con data 22.05.1935 confirman o nome de Rúa de Lepanto que ten na actualidade. Popularmente é coñecida como Calle de Atrás.

Rúa de Marcelo Macías.

Esta rúa sempre se coñeceu co nome de Camino de Baronzás ou Camino Viejo de Baronzás.

Rúa do Padrón.

Esta rúa actualmente sae desde a rúa Galicia ata a confluencia coas rúas Serra de Queixa e Doutor Casto Rodríguez Otero. Non atopei datos anteriores sobre ela. O nome debeu adxudicalo o concello democrático cando mudou todo o rueiro de Xinzo.

Rúa do Peto.

Esta rúa no plano de 1920 formaba parte do Camino de Baronzás que incluía tamén a actual rúa de Marcelo Macías. Non é ata a etapa democrática que se lle puxo Rúa do Peto, entre a Avenida de Ourense e a rúa Santa Mariña. Nome que lle ven de que nesa rúa existiu un peto de ánimas. As fincas de case toda a rúa eran destros parroquiais que foron vendidos ao longo dos anos.

Camiño da Roda.

Esta rúa, hoxe desgraciadamente sen saída, figura con ese nome xa en 1809 cando a chegada dos franceses. Nun plano de 1841 figura como Camino de la Rueda. Na actualidade é coñecida e así consta como Camiño da Roda.

Rúa de Rosalía de Castro.

Esta rúa, cando era un camiño de terra, figura nun plano do ano 1841 co nome de Camino al puente de piedra, no plano de 1920 xa figura cómo Camino de la Seara, nome do comunal que atravesaba. Non é ata a democracia que se modifica o rueiro de Xinzo e se nomea como Rúa Rosalía de Castro, supoñemos polo nome do CEIP Rosalía de Castro, bautizado con ese nome sendo alcalde José Pérez Rodríguez, corporación do que eu era 2º tenente alcalde.

Rúa de San Roque.

Coñecida con dito nome desde tempos inmemoriais, seguramente o nome venlle por ser o camiño a capela de San Roque existente no Toural. En pleno celebrado o día 30.08.1928 baixo a presidencia do alcalde Manuel Vidal, toman o acordo de darlle o nome do alcalde Manuel Vidal a esta rúa, debido a que foi reconstruída durante o seu mandato, e acordase tamén adquirir dúas lápidas de mármore que deben colocarse nas súas respectivas entradas. Parece ser que como foi cesado fulminantemente catro meses despois por no readmitir nin pagar os atrasos ao veterinario municipal Euloxio de Castro, nunca chegaron a colocarse as placas nin o pobo recoñeceu ese nome. Con data 22.05.1935 en pleno municipal de novo nomeamento de rúas, acordase que a Rúa San Roque  siga con ese nome.

Rúa de Santa Mariña.

A actual Rúa Santa Mariña, comeza na estrada de Celanova e remata na intercesión da rúa Constitución, rúa da Igrexa e Rúa Galicia. No plano do ano 1920 comezaba na Calle del Piñeiro[iii], rúa paralela ao campo do Pombal que ía desde a estrada de Celanova e a rúa do Padrón, hoxe rúa Serra de Queixa. Desde este punto a Calle de Santa Marina chegaba ata o cruce indicado anteriormente.

Rúa da Sé.

A finais do s. XIX e principio do s. XX figura no Rexistro da Propiedade unha rúa co nome de  Calle del Cuidado que pode ser esta rúa. Figura no plano de Xinzo de 1920 como Calle del Aseo. En 22.05.1935 o goberno municipal republicano mantenlle o nome. Non é ata a democracia cando se lle muda o nome polo de Rúa da Sé[iv], supoño que era o camiño que levaba a igrexa parroquial.

Rúa Serra de Manzaneda.

Esta rúa pode ser a Calle del Mediodía, a parte máis recta da actual rúa Serra de Manzaneda ou o Camiño do Regueiro. Non logro identificar correctamente cal era esta rúa que no pleno municipal de 22.05.1935 pasa, como outras da zona, a denominarse Barrio Sur. A calle del Mediodía ten que ser algunha das do Barrio de Abaixo que están a esquerda da rúa Galicia en dirección á Moreira.

Rúa Serra de Queixa.

Figura nomeada como Calle del Padrón no plano de Xinzo de 1920, rúa comprendida entre a rúa Santa Mariña e a rúa Casto Rodríguez Otero (tramo diante dos cemiterios ata a  actual rúa do Padrón). En 22.05.1935 como todas as da zona foi bautizada coa denominación xenérica de Barrio Norte[v]. Na democracia puxéronlle o actual nome de Serra de Queixa e chega desde a rúa Santa Mariña ata rúa de Galicia.

Parque do Toural.

Debe seu nome a ser durante séculos o campo da feira de Xinzo, sempre coñecido como O Toural.

Parque do Pombal.

Así chamado posiblemente pola abundancia de pombas ou de existir no mesmo algún pombal segundo o dicionario electrónico de Estraviz: Construção ou local onde se abrigam e criam pombas domésticas. Foi propiedade comunal de la Junta del Partido de Ginzo de Limia, formada por varios concellos da Limia.

Praza do Bispo Idacio.

Coñecida popularmente durante moitos anos como a Plazoleta ou Praza do Peixe, inda que consta o seu nome como Plaza de la Libertad, nome que é confirmado o 22.05.1935. En 1955 cando se urbaniza a praza e se fai o xardín e as fontes é popularmente coñecida polos veciños como O xardín, ata que se lle da o nome actual de Praza do bispo Idacio, nome que descoñecen a maioría dos veciños que a seguen denominando O xardín.

Praza Maior.

A praza tivo diversos nomes, na segunda metade do século dezanove Plaza de Isabel II, posteriormente nos anos 1920 era coñecida como Praza da Constitución. Logo do golpe de estado de 1936 denominouse Plaza de Calvo Sotelo. No obstante a sabiduría popular é moita e a pesar dos cambios de nomes sempre foi a Praza Maior, nome que inda que non figura en ningunha placa na praza todo veciño de Xinzo así a coñece. Estaría ben que o concello puxera unha praca coa denominación de Praza Maior.

Praza de Oriente.

Esta praza figura con este nome en todos os planos que consultei. Nome que é confirmado como Plaza de Oriente con data 22.05.1935 polo goberno municipal e co que se coñece na actualidade.

Praza de San Roque.

A finais do s. XIX e principio do s. XX figura no Rexistro da Propiedade unha praza co nome de Plaza de la Misión o Plazuela del Matadero, posiblemente por estar nela o edificio de matadoiro municipal. Sempre foi coñecida co nome de Praza de San Roque, seguramente pola proximidade da capela de San Roque, que existíu no Toural e hoxe desaparecida.

Praza de Santa Mariña.

Esta praza foi creada ao tempo da construción do grupo Santa Mariña no ano 1957, este patio interior recibiu o nome de Ministro José Solís, Secretario General del Movimiento no ano 1958 cando o ministro veu facer a entrega oficial de chaves e título de concesión, os veciños xa levaban tempo vivindo nas casas. A placa, co símbolo do sindicato vertical e o xugo e as frechas da Falanxe, inda hoxe está colocada na fachada das casas para vergoña dos veciños, lápida que infrinxe a Lei da Memoria Histórica. Non lembro cando se lle deu o novo nome de Praza de Santa Mariña, tal e como figura na placa conmemorativa que foi colocada no ano 2012 logo da súa urbanización e remodelación.

Praza de Xoán XXIII.

Non teño datos sobre nomes anteriores desta praza, coñecida durante moito tempo como plaza del Carbón e logo como plaza de los Huevos ou máis popularmente como Praza dos Ovos, nome pola cal inda hoxe a coñecemos moitos veciños. Nomes populares pola venta desta clase de produtos durante as feiras de Xinzo. Logo da morte do Papa Xoán XXIII o concello deulle o seu nome a esta praza.

Quedan por ubicar diversas rúas que a finais do s. XIX e principio do s. XX figuran no Rexistro da Propiedade: Calle Sal si Puedes; Calle del Señor Mayor, Barrio Fuente, Cantón del Peral e Calle del Cuidado.

 

 

 

 

 

 

 

 

[i] A pesar do cambio de nome, houbo un concelleiro republicano, o comerciante local José Taboada (Pepucho), nunha protesta simbólica e silenciosa fixo constar sempre no encabezamento da súa correspondencia a dirección de Calle del Progreso.

[ii] António Óscar de Fragoso Carmona (LisboaPortugal24 de noviembre de 1869 – 18 de abril de 1951) fue un político y militar portugués. Sería nombrado presidente de la República el 16 de noviembre de 1926. Fue reelecto en 192819351942 y 1949, y se mantuvo en el poder hasta la fecha de su muerte en 1951. Durante su gobierno se institucionalizó el régimen de Salazar. (Wikipedia).

[iii] Nome de rúa, hoxe desaparecido,  integrada na actual rúa Santa Mariña.

[iv] Sé: Igrexa principal dentro da xurisdición dun bispo (Dicionario RAG).

[v] Dividiron o barrio de abaixo en dúas zonas separadas pola actual rúa Galicia, Barrio Norte a dereita en dirección a Moreira e Barrio Sur a esquerda de dita rúa.

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s