O Pazo do Telleiro, unha ollada ao pasado. Couso de Limia (Sandías)

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O pazo de Telleiro, unha ollada ao pasado

EN 11 MAYO, 2016 por Beatriz Gutiérrez Caneda

Hoxe en día o Pazo do Telleiro  e os seus arredores están silenciosos mais entre as súas paredes resoan os ecos dun pasado de gloria. Escóitase o murmurio do vento que xoga coas póla dos árbores e a herba. A hedra cobre gran parte da fachada principal adornando a pedra coas súas follas dun verde clariño, as arañas tecen as súas teas nos recunchos máis insospeitados e as ras descansan ao sol felices nos lavadoiros. Ninguén imaxinaría as lendas e acontecementos pasados que esconden estas frías paredes de pedra. Dende armas agochadas baixo as lousas do soto ata visitas nocturnas do mesmísimo anxo caído. Case catro séculos despois de que se puxera a primeira pedra, a porta do pazo ábrese de novo para mostrarnos os seus segredos.

Preto de onde en tempos se achaba a lagoa de Antela, rodeado do que agora son campos de cultivo, érguese maxestuoso o Pazo do Telleiro. Situado no concello de Sandiás, na provincia de Ourense, o pazo pasou por diferentes mans dende a súa creación ata o día de hoxe. A parte máis antiga do pazo dato do século XVII. Foron Don Tomé Añel, natural de Vilariño de Couso, e Dona Catalina Rodríguez, natural de Sandiás, os que puxeron a primeira pedra hai máis de 400 anos. As Casas do Telleiro ou Fortaleza do Telleyro, nomes cos que tamén se coñeceu en tempos este pazo, permaneceu durante anos en mans da liñaxe dos Añel. Co matrimonio entre Dona Xoana Añel y Arce con Don José de Cea y Avalle, o  pazo pasa á familia dos Cea. Eduardo de Cea y Naharro, barón da Casa Goda, foi o último dono do Telleiro da súa liñaxe e actualmente o pazo pertence á familia Cabrera. Hoxe en día, se os fundadores do pazo visitasen a facenda, pouco recoñecerían dela. O pazo foi sufrindo diversas ampliacións e modificacións durante os séculos XVIII, XIX e XX pero segue constituíndo en si mesmo unha obra de arte, dende as súas escaleiras de pedra ata o escudo labrado. No seu momento de máxmo esplendor, o pazo estaba rodeado de grandes extensións de terreo pertencente aos donos do Telleiro. Ademais do edificio principal, o pazo contaba cunha fonte que levaba auga para os tres lavadoiros que se atopan na parte baixa da finca, unha capela e un pombal. Parece ser que  a capela foi derruída na década dos cincuenta do século XX con fins agrícolas. Esta capela estaba adicada ao Neno Xesús de Praga e gardaba unha imaxe del de plomo. Ademais, nesta capela, atopábanse dúas imaxes policromadas da Virxe e do Sagrado Corazón, que pasaron á disposición da familia Cea antes do derribo. O pombal e a fonte continúan aínda en pé, pero xa non se lles dá o mesmo uso. O edificio principal, o pazo propiamente dito, segue en pé pese as numerosas modificacións. Construído en granito, o edificio ten un aspecto sobrio e imponente. A planta ten forma de “u”, deixando un patio interior ao que se accedía a través dun corredor aberto. Hoxe en día, a hedra rube pola pedra dende o banco ou “mazadoiro”, que nun principio se empregaba para subir ás cabalerías e máis tarde para mazar o liño.

As últimas folliñas da hedra chegan a rozar o  blasón do pazo. Este blasón que adorna a fachada principal pertence ao século XVIII. Na parte superior, atopamos unha coroa de marqués. O centro do escudo divídese en seis. Á nosa esquerda e de arriba abaixo podemos ver ás armas da Inquisición, dos Suárez de Deza e dos Salgado. Á dereita e tamén de arriba a abaixo vemos as armas dos Ibáñez Mondragón, dos Romay e dos Falcón. As armas da Inquisición aparecen no escudo porque un antepasado da familia Avalle fora ex fr. do Santo Oficio. Entre as armas dos Salgado e dos Falcón, na parte inferior do escudo, podemos ver tres flores de Lis de Avalle que tamén correponden á familia Cea. O escudo está bordeado con motivos vexetais e enmarcado con volutas propias do estilo barroco. Noutros lugares do pazo atopábanse blasóns antigos pertencentes a outras familias pero que xa non se conservan. No lateral dereito, non obstante, aínda podemos ver un pequeno escudo co helmo e as armas da familia Pereira.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

 

Xa en mans dos Cea y Naharro, o pazo do Telleiro converteuse nunha residencia de recreo para a familia que pasaba o ano fóra e o verán nos diferentes pazos que posuían en Galiza. Eduardo de Cea y Naharro, de orixe pontevedrés, foi un político galego membro do Partido Consevador e o último dono do pazo da súa liñaxe. Durante o ano, o señor de Cea y Naharro vivía en Madrid e mentras el estaba ausente, encargábase do mantemento da facenda unha administradora. Elvira Grande e Antonio Blanco foron durante moitos anos os administradores do pazo. Contando coa axuda de dúas criadas e dous criados, encargábanse de cobrar as rendas, manter as terras e coidar a casa. Este matrimonio eran os bisavós das actuáis propietarias.

Contan no pobo, que Eduardo de Cea y Naharro era amigo do monárquico portugués Henrique Mitchell de Paiva Couceiro. Este militar, administrador e colonial portugués tivo que exiliarse en España durante a I República Portuguesa e o señor de Cea y Naharro agochouno no Telleiro. Paiva Couceiro era un home extremadamente relixioso, quizais por herdanza da súa nai irlandesa, e como agradecemento polo trato recibido agasaiou cunha medalla de ouro a Elvira Grande, administradora por aquel entón do pazo.

Os descendentes inmediatos desta primeira administradora seguiron co labor adminstrativo e cando o señor do pazo decidiu vender a propiedade, tivo que deixarlles terras como pago por non permitirlles continuar o labor de administración. A finais do século XIX, o pazo e algunhas terras foron expropiadas para a desecación da lagoa e para empregalas como campos de cultivo. Durante esta época, o pazo empregouse como almacén de colleitas. Non está moi claro que pasou a continuación pero si sabe que a principios do século XX a metade do pazo pasa ás mans dos señores Cabrera. Don Delfín Cabrera, marido de Erundina Gómez, filla dos ata aquel entón administradores do pazo e neta de Elvira Grande, foi chamado á loitar na guerra civil. Cabe destacar que a súa muller non era o único que unía ao señor Cabrera coa historia do pazo. A súa nai era filla ilexítima dun dos señores do pazo. Dise que o señor recoñeceu á nena pero a nai non quixo recibir ningunha compensación económica xa que vivían unha situación desafogada. A cuestión é que, por medo a falecer neste terrible enfrontamento entre irmáns e deixarlle as débedas á súa muller, o señor Cabrera decidiu mercar só a metade do pazo. Deste xeito podería pagalo sen endebedarse. A outra metade foi mercada por outro veciño que máis tarde emigraría a Arxentina, deixando o pazo a uns familiares. Despois da compra, o señor Cabrera deixou á súa muller e a súa filla recén nada no pazo ao ser chamado á filas. O drama da guerra separouno da súa familia durante dous anos. Os muros do pazo foron testigos do regreso e de como el  atopaba a unha meniña xogando no patio que non recoñeceu. Esa neniña que seu pai non recoñeceu ao voltar da guerra é agora unha das copropietarias do pazo.

Un dos lugares que máis misterio suscita do pazo é a planta baixa. Está conformada polo que en tempos foi unha cocheira, as cabalerizas e a bodega. A esta bodega ou soto accédese dende o portón de madeira da fachada principal  atravesando as salas que antiguamente se empregaban como cocheira. Porén, tamén existe un pasadizo que une o salón de verán do pazo co soto, mediante unhas escaleiras de pedra construídas entre dúas paredes. Contan os maiores da familia que durante a guerra civil se agocharon alí durante algún tempo rebeldes que se botaban ao monte e que aínda quedan alí soterradas bombas baixo as  pesadas lousas de pedra. Outra versión, suxire que as armas que alí se agochan pertencen aos compañeiros de Paiva Couceiro, que as gardaron durante a súa estancia no pazo. O que si é certo é que as lousas están descolocadas, sen nada que as una, deixando o chan irregular  e con ocos, ao contrario do seu estado orixinal.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Pero esta non é a única lenda que se conta do pazo. Cóntase que xa ben entrado o século XX, unha noite oiuse moito ruído e vento. Esa noite ninguén no pazo durmiu ben e cando se ergueron ao día seguinte, todas as ferramentas e apeiros de labranza que se gardaban na bodega estaban tirados. O curioso do caso é a porta estaba pechada con chave polo que nin o vento nin algún gracioso puideran acceder ao interior. A xente do pazo aseguraba que fora o mesmísimo demo o que andara a xogar aquela noite. Tamén hai quen di que polas noites, en ocasións, escoitábanse pasos polo longo corredor de madeira, que as táboas renxían e que sucedían cousas estranas. A filla pequena de Erundina aínda conta que algunha vez sentiu que “algo” se achegaba á súa habitación e lle tocaba os dedos dos pés mentras tentaba durmir.

Trala morte de don Delfín Cabrera e posteriormente a da súa viúva Erundina Gómez a comezos do século XXI , o pazo pasou a mans das súas catro fillas. Sen ter en conta pequenas tempadas nas que persoas da familia se aloxaron na casa, o Telleiro permaneceu deshabitado. As catro irmás Cabrera Gómez, María del Pilar, Mercedes, María Lina e Manuela, encárganse do mantemento e coidado mais o futuro do pazo é incerto. Actualmente está habitable pero para abrilo ao público precisaría dunha reforma. A outra metade do pazo segue habitado polos seus donos.

Despois de catrocentos anos de vida entre as súas paredes, de pés recorrendo unha e outra vez o longo corredor de madeira, de ceas de Nadal fronte a maxestuosa cheminea e nenas xogando nos lavadoiros nas tardes de verán, de neve e de sol, de cans e gatos recorrendo o patio, de avós contando vellas historias e de meniños aprendendo a camiñar no gran salón de verán, o pazo queda baleiro.

Despois de catrocentos anos, o pazo queda en silencio, xa non queda ninguén que torne a auga dun cano a outro nin que limpe os lavadoiros dos que agora as ras son donas indiscutibles. Ninguén cociña xa na vella cociña de ferro, nin acende a cheminea coas primeiras xeadas e as contras permanecen pechadas día e noite.

Mentras se decide o futuro incerto deste pazo, esperamos non ter que agardar outros catrocentos anos para que o Telleiro volva a abrir as súas portas.

Beatriz Gutiérrez Caneda

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s