OS MORTOS DE AQUEL VERÁN DE 1936.

 

2014100721421789634

Da revisión das inscricións por morte violenta, nos Rexistros Civís da comarca da Limia, de asasinatos cometidos por milicianos, sen orden, coñecemento ou autorización previa por parte dos responsables, Delegados Militares e Garda Civil, inda que si seguramente coa súa complicidade, representa só una pequena parte dos mortos, que se facemos caso das testemuñas orais, habería que concluír que unha parte das vítimas da represión paralegal e sen control, non foron inscritas nos rexistros civís dos distintos concellos da Limia. Non se puido comprobar o Rexistro Civil de Trasmiras, destruído nos anos cincuenta por un incendio.

Nesta dinámica de represión e vinganza, comezan a aparecer mortos nos valados dos camiños da Limia; o día 2 de agosto aparece asasinado na ponte de Boado o veciño de Goimil (Muíños), Benito Valencia Bouza; como causa da morte, un tiro na caluga; é inscrito por orden da superioridade en sumario nº 50 sobre morte e tenencia de arma. O día 3 atópase morto na costa de Allariz o mestre de Mosteiro, Francisco Sierra Rodríguez, que fora vicepresidente da Radio Comunista de Lamas, a consecuencia de “herida por arma de fuego en acción de guerra”. Fórono buscar de noite á súa casa en Mosteiro; fixo fronte aos falanxistas e á garda civil, colocando colchóns e mobles nas portas e ventás, producíndose un tiroteo; como non se entregaba foron buscar gasolina para prenderlle lume á casa; finalmente entregouse para salvar a súa muller, Beatriz Murias e a súa filla Esther que tiña daquela once anos. De cando o foron buscar os milicianos falanxistas temos a testemuña dunha, por aquelas, rapaza de Mosteiro:

“Cando o colleron estaba aquí na casa reitoral, il inda se defendeu (…) foron onda o tío Camilo buscar gasolina para prenderlle lume á casa (…) querían prenderlle lume para que saíra, se non, non o sacaban; despois non sei como foi para saír, eu penso que o enganaron (…) xa aquela noite prendérono e levárono para o cárcere de Xinzo. A muller moveuse a ver se podía facer algo para que lle perdoaran, ela só quería que non o mataran e dixéronlle en Xinzo que se pagaba tres mil pesetas que o arregaban, e ela foinas buscar onda o Lepina que tiña unha tenda; era cuñado dela, deixoullas, foinas entregar e dixéronlle: vaite tranquila que non pasa nada; inda non chegara á metade do camiño e xa o sacaran e quedáronse cas tres mil pesetas (…). Él era mestre e boa persoa, non tiñan motivos, sería doutra política (…) el tiña coñecemento de que viña a guerra. E cando o mataron fórono buscar e trouxérono para Guntimil, eu era unha nena, pero acórdome que había moito silencio e algúns homes estaban subidos aos arbores para vixiar por se volvían os milicianos”.(Manifestacións orais de Berta Cerradelo, 82 anos, de Mosteiro).

O día seis aparece outro morto en Xinzo, Domingo Lorenzo Sánchez, de 30 anos, nativo de Pexeirós (Blancos) pero domiciliado en Escornabois (Trasmiras); morto a consecuencia de arma de fogo, inscrito por orde da Superioridade no sumario 51. Pero o suceso máis recordado da represión en Xinzo prodúcese cando a garda civil e seis falanxistas se presentan ás doce horas da noite do día nove de agosto, no domicilio en Baronzás do concelleiro e tenente alcalde do Concello de Xinzo, o socialista Cándido Fernández García; milicianos armados con escopetas e pistolas sácano á forza. Cándido agárrase forte á cancela da casa e berra, que se o queren matar que o maten alí; a culatazos nas mans conseguen soltalo e lévano detido ao cuartel dos falanxistas no Concello de Xinzo. Alí atopábase detido dende o 1º de agosto, outro paisano de Sandiás, Cándido Gándara González, que fora concelleiro elixido o 12 de abril de 1931 membro da Xestora Municipal, ata as eleccións do 31 de maio do mesmo ano e directivo da Sociedade Agraria de Sandiás. Non se sabe o que pasou despois, pero ámbolos dous aparecen asasinados nas primeiras horas do día 10 de agosto de 1936, detrás do muro dunha finca no km. 4,9 da estrada de Vilar de Barrio ao Santuario dos Milagres, en termos de Maus (Vilar de Barrio). Na acta da defunción de Cándido Fernández, co nº 707, figura como causa da morte: “producida por herida ocasionada por arma de fuego”; a de Cándido Gándara, co nº 708, di: “Disparo de arma de fuego”. Este último non foi identificado ata os anos 40. Ámbolos dous foron enterrados no cemiterio de San Pedro de Maus (Vilar de Barrio); a familia de Cándido de Baronzás, foino buscar o día 11, unha vez conseguido o permiso das autoridades, pero xa non puideron recuperalo por estar soterrado. Foran soterrados en terreo “non sagrado”, no atrio da igrexa de San Pedro de Maus. No Rexistro Civil de Vilar de Barrio, figuran inscritos, Cándido Fernández, identificado e Cándido Gándara como “descoñecido”, este último foi recoñecido, anos despois, pola súa filla o 20 de agosto de 1940.

“Vivía en Piñeira [Cándido Gándara], e a miña avoa foino buscar para que viñera segar a herba (…). Ó vir de volta atopouse co Fidalgo, que era de dereitas, e díxolle: mira, foron polos de Lavandeira (tres ou catro) e despois van ir polo teu pai; entón ela marchou a Piñeira e xa viu que levaban aos outros (…) e díxolle que marchara (…) que así podía escapar a Portugal; el estaba medio convencido pero a muller díxolle que facía falta, que había moito traballo (…). Dixo el “tranquila que eu non lle fixen mal a ninguén, así que non vai pasar nada”. Cando viña no Seixo, cerca de Piñeira, dixéronlle “non vaias que te van deter”, e cando chegou a casa, cerca do Cruceiro, seica lle dixo un garda “Vostede cambia de bandeira e ten que acompañarnos”. Detivérono e levárono a Allariz e despois a Xinzo; estivo alí ata que o mataron (…). Eses días fórao visitar a miña avoa (…); aos de Lavandeira soltáronos; segundo a miña avoa parece ser que tivo un mal informe dun cura (…) Levárono nun camión cun de Baronzás, pegáronlles un tiro a cada un e deixáronos na cuneta (…). Cando chegou a familia xa estaban enterrados; ó Cándido de Baronzás recoñecérono porque levaba un papel onde o cesaban como Tenente Alcalde de Xinzo, pero o meu avó quedou como descoñecido (…) O meu avó era das Sociedades Agrarias de Sandiás, era comunista, pero ía a misa tódolos días (…).(Conversa co seu bisneto, Xosé Abadín na Corga (Sandiás), o día 12 de abril de 2008). 

“Non era de nada…todos eran da mesma trapallada…socialistas! [Cándido Fernández de Baronzás] el era o presidente do Centro Obrero; en Xinzo era un tal don Emilio que era médico (…). Había un en Xinzo e outro en Baronzás. El era o que levaba o centro en Baronzás, Morgade, Trandeiras, Piñeira e Solveira (…). Estivera na Arxentina (…), en 1924 veu definitivo e no 36 matárono (…); foi cando veu buscar a morte aquí e a familia alá con todo (…).Os que o mataron eran de Boado, de Vilar de Santos, de Guntimil e outros de Piñeira Seca. O que o matou era de Piñeira Seca (…) “uns verdugos” (…) (Manifestacións orais de Agustin Rúa de Baronzás (92 anos) no ano 2006). 

No termo de Sabucedo (Porqueira) aparece un novo morto na estrada de Xinzo, a mañá do día once; trátase dun home descoñecido duns 30 anos de idade (non se inscribiron datos de vestimenta ou aspecto), morto sobre as tres horas de dito día por disparo na caluga, “por proyectil de arma de fuego”, recibindo sepultura no cemiterio de Sabucedo. A caixa mortuoria, que custou vinte e sete pesetas, foi pagada polo concello de Porqueira.

O día 14 de agosto aparece morto “a consecuencia de lesión cerebral causada por herida de arma de fuego corta”, Álvaro Rodríguez Feijoo “Alvarito”, no lugar de Milas en Cortegada (Sarreaus), de 21 anos; era nativo de Baronzás ao igual que seus pais e tiña o domicilio en Verín, onde era taxista; persoa moi coñecido en Xinzo, pois tiña familia e amores. Este asasinato causou un forte impacto no pobo de Xinzo; Alvarito, como era familiarmente coñecido, fuxira de Verín escapando dos falanxistas que o perseguían por ter levado en taxi a varios fuxidos republicanos, sendo detido en Xinzo a requirimento dos mesmos. Outra versión di que de volta dun viaxe, foi parado por milicianos nas Estivadas, e no rexistro do taxi atoparon propaganda de esquerdas que el achacou ao esquecemento dos viaxeiros que levara; foi detido e traído a Xinzo. Chegada a noticia a Verín, unha comisión de mulleres daquel pobo, presentouse en Xinzo e falaron co Alcalde e Delegado Militar para interceder por el e conseguir a súa liberdade, cousa que lles prometeron e non cumpriron. Parece ser que cando o sacaron do cárcere na madrugada do día 14 para “pasealo”, presentou moita resistencia e no forcexo arrancou dunha dentada un dedo da man a un dos milicianos; con posterioridade este parece ser que chegou a presumir nunha taberna do pobo de que lle pegara un tiro alí mesmo. Tamén a un dos que participaron na súa morte o viron días despois co reloxo do defunto no pulso. No concello de Rairiz de Veiga e na estrada do Furriolo aparece morto o día dezaseis, un home inscrito como descoñecido (non se dan detalles de vestimenta, aspecto ou idade) a consecuencia de hemorraxia cerebral e pulmonar producida por arma de fogo que foi enterrado no cemiterio da Lampaza; seguramente un dos presos sacado do Mosteiro de Celanova e fusilado polos milicianos franquistas. A represión non cesa e na mañá do 24 de agosto aparece un novo morto no sitio de O Mato, na parroquia de Boado – concello de Xinzo-; un home delgado, duns 22 anos e máis ben alto, de nariz chata, boca pequena, pelo castaño, vestindo chaqueta de pano gris, camisa de lenzo branco a cadros castaños, pantalón de pano fondo color café con listas, zapatos baixos de charón con tacón de goma; un tiro na caluga, “muerto (…) sobre las dos horas de dicho día”, inscrito no rexistro polo xuíz municipal suplente, Antonio Peláez Sierra, como “Un hombre desconocido”. (extracto resumido do meu libro: “Historia e memoria. A LIMIA:1931-1953”).

 

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s