Exiliados monárquicos portugueses na Limia: 1911-1912 (1ª e 2ª incursión):

Paiva-Couceiro-1861-1944

Nos anos 1911 e 1912 residían en Xinzo exiliados monárquicos portugueses, fuxidos despois da revolución que proclamou a República e que destronou o rei Manuel II en outubro de 1910. Creaban numerosos problemas de convivencia, tanto cos veciños, coma cos visitantes portugueses que viñan ou que pasaban pola nosa vila. De trato moi descarado coas mulleres, eran criticados na prensa local, chamábanlle “paivanes” e covardes por ter fuxido e non quedar en Portugal a defender o rei e as súas ideas monárquicas, e pedíase a súa expulsión da nosa terra. O tema era serio, pois os “manuelistas” conspiraban para derrocar a recente república portuguesa; falábase de contrabando de armas a través da fronteira, e pedíaselles ás autoridades vixilancia para a raia nas provincias de Ourense e Pontevedra. O de “paivanes” vénlle do capitán e conspirador, señor Paiva Couceiro[i]. A súa dona residía no Pazo de Telleiro[ii] , en Couso de Limia, e as frecuentes visitas que lle facía eran aproveitadas para levar a cabo as reunións dos máis importantes xefes monárquicos e conspiradores.

Despois da implantación da república, mediante a revolución en Lisboa e por telegrama no resto do país, os que non aceptaban o cambio de réxime comezaron a organizarse e constituír unha forza que, por calquera medio, incluíndo as revoltas, puidesen restaurar a monarquía. Nese sentido foron tomadas algunhas iniciativas que consistían na entrada en Portugal de forzas monárquicas, coñecidas como “incursións monárquicas”.

Paiva Couceiro comanda a  1ª incursión o día 4 de outubro de 1911, aniversario do derrocamento do rei portugués. As súas tropas entran en Portugal por Cova de Lua, Espinhosela e Vinhais, onde foi izada, na Cámara Municipal, a bandeira azul e branca. Chegados reforzos republicanos, rapidamente entran en desbandada. Entre Vinhais e Salgueiros desertan 400 homes, exhaustos, esfameados e con sono. Recúan en desorde ao longo da fronteira luso-española até o Gerês, entrando e saíndo, en Portugal e co exército republicano na súa persecución. Abandonan definitivamente Portugal o 20 de outubro.

O correspondente de La Región en Verín informa, o día 8 de outubro de 1911, sobre a batalla de Viñais entre os monárquicos portugueses e os republicanos que mandaban Paiva e Camacho: “Pasaron a fronteira o día 4 por Lubián, aniversario do derrocamento do rei portugués. As tropas monárquicas estaban compostas por 800 homes, tres compañías de infantaría, un escuadrón de cabalaría, unha batería de artillaría, unha compañía de administración militar, un grupo civil auxiliar, armado con granadas explosivas de man e baterías eléctricas para a destrución de pontes. Armas, cabalos e canóns estaban en territorio portugués dende había tempo, o exército entrou desarmado pola fronteira para non violar a neutralidade española. Marchan sobre Braganza e esperase se dirixan a Mirandela, Vila Real e Amarante en dirección Oporto. Na tomada de Chaves figura o príncipe Francisco José, fillo de Miguel de Braganza, como oficial de cabalería”. A cousa non saíu como di o cronista pois a incursión acabou en completo fracaso.

Malograda a primeira incursión, seguen a conspirar e corren rumores de que en abril de 1912 tiñan pensado pasar novamente a Portugal e tratar de derrocar a República.

[i] Henrique Mitchell de Paiva Couceiro (1861-1944), militar, administrador colonial e político portugués que atinxiu importancia nas campañas de ocupación colonial en  Angola e en Mozambique, inspirador e promotor das chamadas “incursións  monárquicas”  contra a 1ª República Portuguesa en 1911, 1912 e 1919. Presidiu o goberno da chamada  Monarquía do Norte, entre o 19 de xaneiro e o 13 de febreiro de 1919. A súa dedicación á causa monárquica levouno en varias ocasión ao exilio.

[ii] O Pazo de Telleiro (Sandiás) era propiedade do político pontevedrés Eduardo Cea Naharro, barón de Casa Goda, (1843-1929). Membro do Partido Conservador, foi deputado provincial en 1877, 1880, 1896 e 1901. Durante a 1ª república portuguesa agochou a Paiva Couceiro. Por ese motivo foi perseguido polos republicanos portugueses, e foi vítima de sucesivos rexistros nas súas casas.

DSCN19321-1-300x224

(2ª incursión). Exiliados monárquicos portugueses na Limia 1911-1912.

No mes de abril de 1912, prodúcese en Xinzo un incidente que relata El Eco Antelano: “En días pasados chegaron uns portugueses á nosa vila para visitaren Xinzo e Ourense. Chegados á fonda de Santos Gallego, os que ata estas datas eran considerados como decentes emigrados portugueses, insultaron os compatriotas recén chegados e botáronos fóra. Non conforme con isto, perseguíronos polas rúas. Á volta da visita a Ourense, ao parar en Xinzo, volveron a reproducirse os incidentes, polo que os veciños que os presenciaron, en comunicado dirixido ao alcalde, solicitaron “que esta canallada sea expulsada de esta villa, pues imponer, que se vayan a imponer a sus casas […] que el pueblo está cansado de tanto golfo”. 

En maio de 1912, El Eco Antelano informa de incidentes entre Pepe Santiago, Ramón Rodríguez “Bubelo” e o fillo dun barbeiro cos portugueses: todos eles durmiron no cárcere. Sucesos similares aconteceron en Bande e Verín. Obedeceu a un plan que o cónsul da república portuguesa en Verín prometera, de que en quince días non había quedar un só portugués monárquico por estas terras. En Verín é apuñalado o cónsul portugués. Había orde de expulsar os conspiradores Paiva e Camacho do noso territorio e El Eco Antelano publica: “La señora de Camacho en Abavides habita,/ y la señora de Paiva/ en el Telleiro.-Señores,/nada difícil parece/averiguar las moradas/do se le presta acogida/a los dos conspiradores”. En Galicia, tiveran serias dificultades para se organizar. As autoridades non os deixaban reunir na mesma cidade, nin os autorizaban a realizar exercicios militares conxuntos e facíanlles grandes requisas de armas. Ao mesmo tempo, eran espiados polos republicanos españois.

“Os socorros ou gastos que terían que pagarse aos emigrados portugueses, só por hospedaxe, ascendían a 80.000 pesetas en Verín e 40.000 en Xinzo. O día 8 de xullo, un telegrama, enviado dende Xinzo, informa que polo de agora non hai confirmación da entrada de 800 portugueses no país veciño. Posteriormente o alcalde de Xinzo informa que se dirixen á fronteira, segundo os labregos, uns catrocentos portugueses. Nun intre dado desapareceran das vilas todos os portugueses emigrados. Noticias oficiais indican que cincocentos homes armados e equipados avanzan sobre a fronteira en dirección a Montalegre. Os conspiradores interceptan o telégrafo entre Xinzo e Ourense. O alcalde de Baltar informa que na tarde de onte atravesou aquel concello unha columna de 700 homes armados, levando artillería”.(R.Laso. Lethes nº 11).

Nesta 2ª incursión, levada a cabo o día 8 de xullo de 1912, organizáronse  en tres columnas mandadas polo tenente de mariña Vítor Sepulveda e os capitáns Paiva Couceiro e Mário de Sousa Dias. Esta incursión monárquica xunta cerca de 1.000 homes, ben armados e con artillaría. No inicio das hostilidades, o goberno español apoiou a Paiva Couceiro, máis, premido, deu orden de expulsión dos monárquicos.

A columna de  Paiva Couceiro que entrara por Sendin diríxese a Montalegre, unha terra sen grande valor estratéxico, pero mudan de idea e tratan de tomar Chaves, que estaba desprotexida, pois a guarnición local partira en dirección a Montalegre. En  Padornelos  unhas poucas persoas saíron a recibilos e ofrecerlles a súa lealdade ao rei e á igrexa católica.  En Vilar de Perdices  foi o pobo, onde o sacerdote se axeonllou para bicar os pés de  Paiva Couceiro.

A cidade de Chaves é atacada, no entanto a guarnición ofrece unha forte resistencia. Ao mesmo tempo a columna de Sousa Dias atravesa a fronteira por Feces, Vila Verde da Raia e Outeiro Seco, dirixíndose cara a Chaves. Os realistas tiñan información de que contaban con apoio suficiente en Chaves. Os republicanos conseguen aguantar as súas posicións, até ao momento do regreso da guarnición que fora perseguir os monárquicos a Montalegre. Á chegada, prodúcese desordenadamente unha gran desbandada dos monárquicos. Son obrigados a baterse en retirada, deixando no terreo bastantes mortos, feridos e prisioneiros, entre os que está o lugartenente “miguelista” Joao de Almeida. Moitos parten en dirección a España por Outeiro Seco, cos republicanos portugueses pisándolle os talóns. Non volveron a intentalo até o ano 1919, en que dominaron parte do norte de Portugal escasamente un mes, pero iso xa é outra historia.

 

 

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s