Proclamación da II República en Xinzo de Limia (1931)

1185259_10151771988006168_562595338_n

A República, dende o punto de vista institucional, foi un réxime absolutamente democrático e constitucional, con eleccións libres, sufraxio universal masculino e feminino, aprobado durante a época en que só o tiñan -neste tempo- uns poucos países. O que pasou é que a sociedade non era democrática. A República emprendeu a democratización da sociedade civil, á que se opuxeron non só xente de dereitas, que foron os que a votaron embaixo, senón tamén un sector da esquerda máis radical, que pensaba que era unha forma de tránsito para achegar un réxime máis revolucionario. Pero a única posibilidade de derribala era que se rebelara de novo o Exército, como así aconteceu, botando por terra a posibilidade dunha España distinta á que seguiu o alzamento. A República tratou de cambiar estruturas moi arraigadas, fixo a reforma agraria e militar, separou a Igrexa do Estado, tocou ás oligarquías, ó caciquismo, etcétera. Está moi claro que tiña menos posibilidades de subsistir na Europa dos anos trinta, que unha ditadura de dereitas. Do fracaso da República non tivo culpa a República, senón quen a fixo fracasar.

Celebradas as eleccións municipais o día 12 de abril de 1931, o triunfo é dos republicanos; gañaron na maioría das cidades importantes e nos núcleos industriais, mentres os monárquicos, debido ó dominio caciquil, trunfan nos pequenos núcleos rurais de poboación e na España eminentemente rural dominada polo caciquismo. Ao coñecerse o resultado, en distintos puntos de España, xa o día 14, é proclamada a República Española. O  Rei, ante o avance municipal republicano, renuncia a tódolos dereitos da Coroa e abandona Madrid camiño de Cartaxena, onde embarcará para o exilio. Proclámase a República cun goberno provisional presidido por Alcalá Zamora. Como todo cambio de réxime neste país, nas fronteiras crúzanse os monárquicos que se exilian e os republicanos que volven do exilio fora de España.

A nacente República foi acollida con ledicia e espontaneamente celebráronse manifestacións con grande afluencia de xente, nas principais cidades e vilas de Galicia, no medio do entusiasmo popular, sobre unha base de liberdade e democracia; a República pretendía a modernización de España e a ruptura co modelo político da Restauración, nun contexto económico grave, debido á grande depresión económica do mundo capitalista, logo do afundimento da bolsa de Nova York en outubro de 1929. Neste delicado momento da historia, a República pretende unhas reformas políticas e sociais, que, dende o primeiro momento, foron combatidas polos grupos tradicionais que ata entón monopolizaron o poder. Estas reformas foron consideradas lentas e tímidas polos sectores que apoiaron ao novo réxime e demasiado progresistas polos sectores conservadores.

Segundo algunha testemuña, en Xinzo de Limia foi proclamada a República por destacados republicanos de Xinzo e outros chegados de Ourense, dende o balcón do primeiro piso ocupado por Porfirio Rodríguez, secretario do xulgado de 1ª Instancia do Partido Xudicial de Xinzo, un convencido republicano. Era día de feira, sendo izada a bandeira republicana ante unha manifestación espontánea de partidarios da República presentes na rúa.

”La República, era un día de feria, un 14 de abril (…) y la gente comenzó a correr hacia la casa donde está hoy la farmacia Baliñas y había unos señores de Orense con la bandera republicana y decían esto desde el balcón: ¡se acaba de proclamar la República!, ¡Viva la República!. De Xinzo estaban Felisindo Carballo, el Álvaro, pero no recuerdo mucho, porque yo era muy joven; recuerdo que se juntó mucha gente en la carretera, hubo un discurso, desde allí al Ayuntamiento, estaba en la calle antes llamada de Luis Usera [hoy Rúa Constitución], frente al Herminio (…)[1]. 

Máis ou menos en todos os concellos importantes sucede o mesmo: as manifestacións chegan ao concello, onde os partidarios da República retiran os cadros dos monarcas e de Primo de Rivera, -que en moitos casos tíranse polo balcón- e póñense no seu lugar os símbolos da República, en medio dos berros e ledicia dos manifestantes.

Con data 15 de abril, Arturo Rodríguez Rivero, alcalde de Xinzo, remite oficios a tódolos concellos da Limia, reproducindo telegrama do Gobernador Civil: Gobernador Civil a alcaldes de todo el partido. Por orden del Gobierno Provisional de la República me hice cargo como presidente Audiencia de este Gobierno Civil y al comunicárselo prevéngole proceda a practicar con secretario y depositario fondos municipales (…) un acta de arqueo y remitirá copia certificada a este Gobierno Civil. Transmita por propios urgentes a todos los alcaldes de la circunscripción de este despacho”. E con data 17 de abril remite instrucións a tódolos concellos:El Excmo. Ministro de la Gobernación en telegrama cursado hoy, ordena que se proceda inmediatamente a la constitución de todos los ayuntamientos de la provincia, acatando el resultado del sufragio del día 12 conforme Ley Municipal 1877, salvo en aquellas localidades en que se hubiesen formalizado protestas por coacciones o falseamiento de la elección, en cuyo caso quedará en suspenso la constitución del ayuntamiento. Sírvase por tanto dar cumplimento de esta orden”.

En Xinzo os 17 concelleiros elixidos o día 12 son monárquicos conservadores, a maioría do partido “Unión Monárquica Nacional” de Calvo Sotelo, procedentes da extinta Unión Patriótica, antigos concelleiros da Restauración e da Ditadura de Primo de Rivera. A pesares das numerosas irregularidades e impugnacións presentadas pola oposición e ás ordes do Goberno, decláranse vencedores e forman goberno municipal, celebrando sesión plenaria extraordinaria o día 18 de abril, ca República Española xa proclamada. Antes de finalizar o acto a nova corporación constituída aproba unha declaración solemne:Esta Corporación unánimemente significa su vehemente deseo de que el nuevo régimen resuelva favorablemente los difíciles problemas latentes y puesta la vista en su cariño a España, al mismo tempo que expresa a la superioridad puede disponer de su colaboración cuando lo considere necesario, y ofrece su más desinteresada actividad para lograr una administración local modelo de probidad”. Vese nesta declaración a capacidade camaleónica que tiñan estes grupos de poder local que xa mandaban na Restauración, concelleiros e alcaldes que veñen da ditadura de Primo de Rivera, para reciclarse cun verniz republicano e progresista, máis acorde cons tempos que se presentaban. Nunca admitiron a República, contra a que conspiraron dende o primeiro día, servíronse dela e contribuíron dunha ou outra forma ó fracaso da mesma

Con data do 21 de abril, preséntase na sala capitular do concello de Xinzo, Modesto Pérez Piñeiro, delegado do gobernador civil da provincia para a constitución do novo concello, as eleccións do día 12 de abril en Xinzo foran anuladas, o cal nomea comisión xestora “en vista de haberse producido protestas contra las elecciones de concejales realizadas el día 12 del actual mes, ordeno que se suspenda interinamente a la Corporación Municipal constituida el día 18 del corriente, ínterin (sic) no se sustancien en forma dichas reclamaciones […] constituyéndose la Comisión Gestora de este municipio por: Felisindo Carballo Romero, como Presidente, Francisco Míguez Luis,Celso Gallego Martínez y Antonio González Bouzas como vocales.

Nun pleno celebrado o día 5 de xuño pola xestora celebrase unha sesión extraordinaria para a constitución de novo concello, designado por elección popular, tomando posesión a primeira corporación republicana. Son os concelleiros elixidos o día 31 de maio de 1931. Baixo a presidencia de Celso Gallego Martínez, procedeuse á votación para a elección de alcalde, acadando os seguintes resultados: alcalde, Felisindo Carballo Romero, elixido con nove votos do Partido Republicano Radical (PRR), 1º tenente alcalde, Anxo García Machado, Partido Agrario Rexionalista de Xinzo (PAR-PNRO), 2º tenente alcalde, Xoán Rodríguez Lepina (PAR-PNRO), 3º tenente alcalde, Celso Gallego Martínez (PRR), síndico, Álvaro Rodríguez Suárez (PRR). Concelleiros, Francisco Míguez Luís (PRR), Primitivo Barreal Blanco (PRR), Bautista López Rodríguez (PRR), Luís Nieto Oliva, (PAR-PNRO), Celso Pérez Fernández, (PAR-PNRO), Manuel Vidal García pola Unión Monárquica Nacional (UMN) de Calvo Sotelo, Arturo Rodríguez Rivero (UMN), Ramón Rodríguez Casas mestre de San Pedro de Laroá (?), Pedro González Gallego, labrador de Damil,(?). Francisco Salgado Rivero (PRR), Modesto Álvarez Elices (PRR) e Xosé Villarino Velasco (UMN).

En poucos días impuxérase a República en todo o Estado, sen derramar unha gota de sangue e sen pegar un tiro, sen actos antisociais, como se fose unha festa. Comezaba así un período ilusiónante da historia de España, truncado violentamente polo golpe de estado do xeneral Franco  en 1936. (Do meu libro: Historia e Memoria. A LIMIA (1931-1953).

 

 

[1]  Manifestacións de Alfonso Villarino Rodríguez en setembro de 2004.

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s