PLANO DE XINZO DE LIMIA (1856) DE SÁENZ DIEZ.

FOTO PLANO DE XINZO de Sáenz Diez de 1856

Coñecemos datos da distribución urbana de Xinzo grazas ao mapa da provincia de Ourense impreso en Madrid no ano 1856, feito polo coronel e comandante de enxeñeiros Francisco Coello. As notas estatísticas e históricas foron escritas por Pascual Madoz. Está baseado na carta xeométrica de Domingo Fontán. Os datos das estradas construídas e proxectadas son do enxeñeiro Rafael  Zavala. Moitos dos datos da Limia proceden do plano feito por Frei Benito Valencia,  do ano 1833. E os planos das vilas –Ourense, Ribadavia, Allariz, Xinzo de Limia, Monterrei e Verín-, que figuran nas marxes do mapa, foron feitos por Xosé Sáenz Díez.

O Concello de Xinzo contaba daquela con 4.678 veciños e o partido xudicial con 22.848 almas (sic). Xinzo era cabeza de partido xudicial de entrada (así era como se chamaba o que hoxe chamamos de primeira instancia). En materia electoral, pertencía ao distrito de Bande e tiña dereito de voto en todo o distrito, con soamente 150 electores (en toda a provincia só podían facelo un total de 1.479 electores).

En materia de instrución pública, tiña 11 comisións locais, non había escolas superiores nin elementais completas. As escolas elementais incompletas –de ambos os sexos-, eran 34 con 1.401 nenos e 227 nenas; en total, 1.628 estudantes. O método de ensino era individual (só rapaces ou só rapazas) en 32 escolas e simultáneo (rapazas e rapaces xuntos) en dúas. Soamente cinco mestres eran titulados e 29 carecían de título. As dotacións en metálico eran de 10.721 rs; en froitos, 2.588 rs; e en retribucións, 2.362 rs. Soamente tres mestres tiñan dedicación plena, os outros 31 desempeñaban tamén outros oficios. Tres das escolas eran edificios en propiedade e 31 estaban alugadas.

Canto ás feiras da provincia, a de Xinzo era unha das máis importantes. Vendíase nela gando vacún, mular, cabalar e porcino, apeiros de labranza, teas de lenzos, panos, cereais, carnes salgadas, peixe, queixos, ferros, quincalla e outros produtos do país.

No plano de Xinzo que reproduce o mapa, figuran sinalados e numerados sete edificios da vila. No que figura no dicionario de Madoz e na páxina 143 do meu libro Historia de Xinzo de Limia, non se poden catar ben todos os números; porén, grazas a este mapa, ampliando a foto no computador, estes poden situarse. Na foto que acompaña este artigo consta a numeración, para situalos correctamente. Os lugares numerados no mapa son:

1.- Plaza de la Constitución. (Correspóndese na actualidade coa Praza Maior.)

2.-Posada en la misma. (Situada na actual praza,na altura da casa dos herdeiros de J. Villarino.)

3.-Ayuntamiento. (Situado entón na esquina da Praza coa actual avenida de Madrid.)

4.-Cárcel. Edifico recomposto en 1849. (Situado no mesmo lugar no, entón, Camiño Real –hoxe, rúa Lepanto– onde está actualmente a Casa de Cultura Antonio Rodríguez, sede da Escola Municipal de Gaitas e Percusión.)

5.- Iglesia Parroquial titulada de Santa Marina. (A igrexa parroquial vella.)

6.- Ermita titulada de Santa María Magdalena. Documentada en 1683. (Hoxe desaparecida, achábase aproximadamente na actual avenida de Madrid na altura da casa da familia Díaz, de fronte á actual rúa Rosalía de Castro.)[i]

7.- Ermita titulada de San Roque. Documentada en 1718. (Hoxe desaparecida. Estaba, aproximadamente, no final da rúa de San Roque, no campo do Toural preto da entrada do parque).

No plano xa figura a nova estrada de Castela que inda debía andar de obras, pois en 1856 autorízase a traballar, para lle dar impulso á obra, aos domingos e nos días santos dos meses do verán e do outono, dende Xinzo ata o límite con Castela. A estrada non estivo terminada, sen interrupción entre Vigo e Villacastín, ata o ano 1863.

Discorría o trazado da estrada polo norte da vila, deixando o núcleo urbano á súa esquerda. A primeira consecuencia foi cambiar o paso e as saídas tradicionais de Xinzo cara a Castela e Ourense. Ata entón utilizárase o chamado Camiño Real, que atravesaba a vila polo actual Xinzo vello, saíndo para Castela pola que hoxe é a rúa de Lepanto, e para Ourense polas actuais rúas Constitución, Galicia e a Moreira, atravesando o río da Lagoa pola ponte de Vilariño das Poldras.

Ao norte da estrada soamente constan tres edificacións: a ermida de Santa María Magdalena, unha casa de fronte á actual Praza Maior –hoxe derruída, que podía ser a da familia Saa–, e outra pouco máis ou menos onde, nos anos 50 do século pasado, estivo a Feculera fábrica  de Ginzo S.L.

A nova estrada orixina unha mudanza na ordenación urbana da vila. Ao longo da nova vía van edificándose novas construcións, a súa maioría propiedade das familias castelás que se estableceron en Xinzo durante o século XIX. Todo o Xinzo moderno desenvolveuse ao longo da nova estrada, que pasou a ser o eixo principal da vila e dividiuna en dúas zonas ben diferenciadas: o barrio de riba, Praza Maior e estrada xeral, para o comercio e a burguesía local; e o barrio de baixo, habitado maiormente por arrieiros, labregos e criadores de gando.

No plano podemos observar polo sur que as principais vías comunicación eran: a rúa Outurelo, que atravesaba o río pola ponte do Cabo (a ponte vella, derruída cando foi da concentración parcelaria e da canalización do río Limia); o camiño de Xinzo a Lucenza, que salvaba o paso do río Limia, pola ponte chamada de Pedra, e do regato Cobo ou Eiroa; e por último, a hoxe rúa de San Roque, que comunicaba a Praza Maior co Toural. Polo norte, distínguense perfectamente o actual camiño da Roda–camiño de Allariz no plano–, que atravesaba o río da lagoa pola ponte da Antela; o camiño vello de Baronzás (actualmente rúa Marcelo Macías); e un camiño sen nome que se corresponde coa actual rúa Curros Enríquez, que comunicaba con Vilar de Barrio. Había outros dous camiños, hoxe desaparecidos: o primeiro  saía da estrada xeral, máis ou menos na altura do cruceiro (entre a rúa Lepanto e avenida de Madrid), en dirección ao Cerdeiro, seguramente para servizo das leiras, e outro que ía pola esquerda da ermida de Santa María Magdalena e seguía a mesma dirección que o anterior. Lamentablemente, por causa dalgún incendio e dos numerosos traslados que sufriron as oficinas do concello durante os séculos XIX e XX, non podemos coñecer máis polo miúdo a historia da nosa vila.

 

 

[i]Son varias as persoas que me teñen comentado que, por transmisión oral dos seus antepasados, cando se fixeron algunhas das novas casas na altura onde debeu estar esta ermida, apareceran diversas tumbas. Hai quen pensa que alí enterraron os mortos da batalla de Xinzo contra os franceses, o 23 de febreiro de 1809. Persoalmente considero que, se é verdade, o máis lóxico e que fosen enterramentos feitos na capela ou no seu contorno.

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s