A Limia e o ferrocarril que nunca chegou.

ferrocarril-300x184

Por dúas veces perdeu Xinzo a posibilidade de ter comunicación por ferrocarril. Unha foi a finais do século XIX e outra nos anos vinte do século pasado. A finais do século XIX, na provincia de Ourense, sentíase a necesidade dunha nova liña férrea, e a opinión pública a reclama, un e outro día, con mais urxencia.

A primeira oportunidade xurdiu cando na Deputación de Ourense pensouse preferentemente nunha liña que comunicara Ourense con Portugal, pasando polas vilas de Allariz, Xinzo e Verín, para enlazar en Chaves cos camiños de ferro portugueses.

Esta idea do ferrocarril de Ourense a Verín, foi o proxecto máis popular e, reclamado con tanta insistencia que a Deputación encargou varios estudos. En 1890, José Ontaneda, axudado polo capitalista de Verín señor Barbón, e algunhos concellos, contando coa subvención da Deputación provincial, realizou un estudo que permaneceu ignorado ata 1897. Houbo diferentes consultas e proxectos, como o publicado por Alejandro Quereizaeta. A Deputación finalmente aceptou o presentado pola empresa “Zamora and Portugal Railway Galicia Ltd.”, que anos despois cedeu o proxecto, en 1911, a empresa representada polo enxeñeiro Sáez Díez, que non chegou a dar principio ás obras a pesares de ter obtido a autorización, quedando abandonado o proxecto definitivamente.

Perdeuse entón a  primeira posibilidade de que a nosa vila tivera ferrocarril, inda que era de vía estreita, pois abandonada esta idea, anos despois veu substituíla a de Zamora-Ourense-Santiago, que esqueceu no seu proxecto o paso polas vilas de Allariz, Xinzo e Verín.

Ante este agravio, alzáronse numerosas voces apoiando a variante que propón, Eloi Luís André de Verín, profesor do Instituto Cardenal Cisneros de Madrid, este novo percorrido entre a Portilla da Canda e Ourense pasaría polas vilas de Verín, Xinzo e Allariz.

O concello de Xinzo, reunido en sesión extraordinaria, o día 11 de maio de 1925, e a proposta do concelleiro Luís Conde Valvís, rexeita o proxecto do camiño do ferrocarril Ourense-Zamora do Sr. Cantero e defende a proposta de Eloi Luís André, dende o km. 14 hasta o 110 na Portilla da Canda con un solo túnel nas Estibadas, de acordo con este proxecto, o percorrido por Allariz, Xinzo, Verín a termos de Riós se faría por terreo plano, aumentando soamente a distancia de Ourense a Zamora en 6 km. Pero ganaríase en  rapidez e menor tempo do percorrido.

A prensa local de Verín “Nuevo Tamega” e de Xinzo “El Pueblo Antelano”, en 1925, dedican amplos espazos a defender esta variante, o nº 3 do xornal de Xinzo publica en 1ª páxina: “Problemas gallegos. Ferrocarril de Orense a Zamora”, artigo de Eduardo Ramos colaborador do Sr. André; tamén “En la ruta del ferrocarril de Orense-Zamora por J. Vidal de Bustamante que escribe: Posee el valle de la Limia productos de huerta que compiten y superan a las de otras regiones […] las plantaciones de patatas abarcan inmensas extensiones […] pero en donde estriba su principal riqueza es en la ganadería […] El día que el camino de hierro cruce estas tierras, es indudable el florecimiento y riqueza del país!

Antonio Nieto Oliva publica no nº 4: “Temas Regionales. El F.C. Orense-Zamora, pasando por Allariz-Ginzo-Verín”: La apatía de los pueblos, muchas veces, contribuye a que los mismos no alcancen aquellos medios de progreso a que tienen derecho por su situación geográfica y agrícola […] El ferrocarril Orense-Zamora con su necesaria variante, es un factor importantísimo que ha de contribuir al engrandecimiento de estos tres pueblos. Así que, los habitantes de ellos debemos, mejor dicho, estamos obligados a romper el silencio y ver, por medio alguno, de lograr el ferrocarril Orense-Zamora pasando por Allariz-Ginzo y Verín […]; na 3ª páxina publica J.Vidal de Bustamante “Problemas Gallegos” e escribe: ¡Queremos la construcción del ferrocarril, pero siempre que atraviese los pueblos ricos de la comarca, y nunca jamás las sierras estériles!

Nos seguintes números aparecen artigos de Lino Arcos García, administrador de correos en Xinzo e varios artigos de Eduardo Ramos de Verín.

En “El Pueblo Antelano” nº 8, publicase unha entrevista co alcalde de Xinzo, Manuel Vidal, e a copia do pleno extraordinario do concello, celebrado o día 11 de maio de 1925, no que se presentou unha moción, a favor da variante, polo concelleiro Conde Valvís. No libro “A prensa en Xinzo de Limia. Século XX (1911-1925)” onde se reproduce en facsímile toda a colección de “El Pueblo Antelano”, pode o lector informarse máis polo miúdo da campaña a favor da variante.

O último dato coñecido é o informe do alcalde de Xinzo, no pleno do 27 de febreiro de 1926, que co fin de conseguir a variante, e de acordo ca proposta do catedrático Eloi Luís André, estivéronse  a facerse xestións por tódolos concellos interesados e particulares, habendo dirixido telegramas aos poderes públicos, persoas influentes e a prensa. Tamén se acordou trasladar a Madrid en comisión, os alcaldes  e algunhas persoas representativas de cada municipio, para continuar premendo persoalmente a favor de tales xestións, a tal fin nomeouse, en Xinzo, unha comisión formada polo alcalde Manuel Vidal e o concelleiro Luís Conde Valvís. Esta comisión viaxa  a Madrid en Marzo e Abril e no pleno do día 29 de abril, aprobouse unha factura de gastos por importes de 2.420,25 pta.

A pesar de todas as xestións realizadas, e o clamor popular, non se conseguiu o obxectivo e, unha vez máis, a nosa terra quedouse definitivamente sen ferrocarril. Ante o fracaso da iniciativa, o ruxerruxe, atribuíu, a non aprobación da variante, ás presións de importantes comerciantes de Xinzo e Verín, que vían perigar os seus negocios, polas facilidades para a chegada de mercadorías dende outras partes do país. Pero iso, fora verdade ou mentira, quedou na memoria das xentes da vila, e soamente os interesados souberon a verdade.

As obras do tramo Puebla de Sanabria-Ourense  iniciáronse en 1929. Coa chegada da república e a crise económica os traballos suspéndense, para reiniciarse en 1934, pero cun ritmo lento. Despois da Guerra Civil prodúcese outra nova pausa, quedando os traballos totalmente paralizados. Este proxecto, finalmente, foi inaugurado por Franco o 1 de xullo de 1957, o que supuxo todo un acontecemento social na época.

A Limia e o ferrocarril que nunca chegou.(2ª parte).

Despois da publicación da primeira parte do artigo “A Limia, o ferrocarril que nunca chegou”, o meu amigo Javier Torres de Ourense, facilítame interesante documentación sobre os proxectos de ferrocarril mencionados. Entre eles, un artigo de José Arenas García publicado en 1897, na revista “Obras Públicas”, no que manifesta sobre o ferrocarril de Ourense-Xinzo-Verín a Chaves:“Tivemos a ocasión de examinar os traballos de campo e os proxectos que realizou e desenvolveu o axudante de obras públicas D. Juan Ortoneda e Pedret. Os datos, tomados sobre o terreo, áchanse consignados en catorce cadernos taquimétricos calculadas coa exactitude que se esixe nesta clase de proxectos.

O trazado desenvólvese polas concas dos ríos Miño, Limia e Douro (en realidade o Támega), coa condición a priori de pasar por  Xinzo de Limia e Verín  e entidades de poboación Limia e Laza importantes como Xunqueira de Ambía, que corresponde ao partido de Allariz, Sarreaus a Xinzo e a Verín.

A traza, partindo da estación de ferrocarril de Ourense a Vigo, cruza o río Miño e desenvólvese pola marxe esquerda do Barbaña e Arnoia, afluentes ambos os dous do Miño. Pasa as divisorias de Arnoia e Limia e do Limia e Támega, este último afluente do Douro, e continua polo val de Laza, Castrelo e Verín ata Portugal.

O tramo comprendido entre a estación de Ourense e Salgueiros (Xunqueira de Ambía), cuxa lonxitude é de 18 quilómetros, áchase totalmente tenteado. Os planos e perfil de Salgueiros a Portugal están completamente rematados e acusan unha lonxitude de 94.975,11 metros.

A traza horizontal comprende 136 aliñacións; as rectas suman 57.737,45 metros e os raios das curvas varían de 200 a 300 metros, agás en catro, para as que se adoptou, polas condicións do terreo, o raio mínimo de 150 metros.

O perfil lonxitudinal entre Salgueiros e Portugal componse de 67 rasantes con inclinacións varias, cuxo máximo nunha soa rasante é de 0,029 por metro.

En suma, a zona foi estudada, o trazado horizontal e vertical reúnen condicións aceptables para a explotación e poden servir de base para determinar na reformulación unha liña definitiva e inmellorable para unha explotación económica”.

En un dos varios mapas facilitados e correspondentes a varios dos proxectos de Eloi Luís André, do ano 1926, da liña de ferrocarril, que xa tratamos nun artigo anterior,  Zamora-Santiago por Verín e Xinzo, chama a atención de que fai unha voltas espectaculares para ir dende Verín a Laza pola esquerda do río Támega e volver pola dereita do mesmo río. Outro desvío sen sentido é o de que o tren pase dende Allariz por Xunqueira de Ambía. IMG_20131031_0001-281x300

En outro dos mapas que me facilita de obras de ferrocarril proxectadas polo catedrático, Eloi Luís André en 1926, a vila de Xinzo converteríase nun importante nodo de comunicacións, no seu proxecto, dunha liña internacional de ferrocarril Vigo-Hendaya-Paris, que dende Vigo por Redondela viría directamente a Xinzo-Verín-Puebla de Sanabria sen pasar por Ourense capital. Dende Xinzo a  liña tería un ramal a Ourense e Padrón para enlazar con Santiago na liña Vigo-A Coruña. Ademais dende Xinzo, partirían dúas liñas secundarias: unha por Bande ata a cidade portuguesa de Braga; e outra, que dende Xinzo a  Montefurado -na zona de Quiroga (Lugo)- enlazaría coa liña de León a Ourense.  Ao mesmo tempo a liña de ferrocarril dende Verín a Chaves, prolongaríase ata a importante cidade portuguesa de Oporto, enlazando co ferrocarril que dende Lisboa pola costa pasaría por Oporto e Viana do Castelo en Portugal  e, xa en Galicia, dende Tui a Vigo, Pontevedra, Santiago ata a Coruña e Ferrol.

Proxectos do catedrático Eloi Luís André que non pasaron de ser unha utopía, pero de haberse levado a cabo, houberan cambiado a historia da nosa vila.

 

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s