“O arcebispo de Antioquía”

ARTIGO DE: Antón Riveiro Coello
Antón Riveiro Coello
Hai doce anos, co peito encollido, escribín este textiño alusivo á obra e á persoa de Carlos Casares, que nos deixaba para sempre. Recupero o texto e mais a sensación de dor e sorpresa daquel día tan triste para moit@s.
Carlos CasaresO arcebispo de AntioquíaAquel domingo marzal, no cataventos do campanario, zoou un vento ferido e o galo empoleirou un quiquiriquí estourante que puxo nos peitorís das fiestras verdes a todos os habitantes da cidade. Dona Manolita sentiu no corpo un tremor umbilical e a don Paco custoulle acreditar no que, dende a fiestra, vían os seus ollos emocionados: o seu fillo cruzaba as rúas estreitas subido nunha moto con cornos de boi limiao. Era unha Harley escintilante que traía dende San Fiz ao famoso arcebispo limiao e mais a unha fermosa rapaza loira que seica traballara nun circo. Abriu a cancela e non se sorprendeu da galiña azul que petiscaba na tona balorecida dunha laranxa, nin da aparencia doméstica da familia que semellaba estar a agardalo: a paciencia benevolente do seu pai á par da lareira, a emoción desmedida da súa nai, o avó Herminio a lle amañar unha locomotora de madeira, a avoa Francisca xogando á brisca coa tía Carme mentres nos ollos da cadela Leda se prendía unha alegría insensata.
A súa chegada foi celebrada con foguetes e, nas rúas, os danzantes de Güín e mais os cabezudos de Xinzo trenzaron a eito os pasodobres da banda de Parada. O Fona, moito antes de llo encargaren, xa lle tiña feita unha muda relixiosa a este insigne veciño que, malia pór moitos reparos, o fixeron sentar nun sillón azul no centro mesmo da praza. E non lle abondaron dous días enteiros para recibir a visita emocionada de todos os amigos que se gababan de o coñeceren e que lle facían cumprimentos devotos. Mais de todas as visitas, a que máis fondo lle chegou, foi a do Rafa Cacá que, cun capote baixo dos seus brazos meniños, lle brindou unha corrida antolóxica. E alí, esvacoado de ledicia coma un principiño, encetando un puro do amigo Picamoca, o arcebispo de Antioquía apalpou a meiguice do novo mundo coma se fose un xoguete prohibido.

Antón Riveiro Coello
Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s