Lembranzas de Carlos Casares en Xinzo

Xa comentara no libro Limiaxinacións que os primeiros recordos que teño do Carlos son de cando eramos cativos, e el volvía para as vacacións. Estaba daquela no seminario e era máis vello ca nós, levábanos cinco anos, e organizábanos el os brinquedos infantís en que tamén participaba. Nun destes brinquedos, xoguei por primeira vez aos policías e ladróns, algo que lembro con moita satisfacción, pois ata entón só tiñamos xogado aos vaqueiros ou aos espadachíns. Tamén nos organizaba os partidos de fútbol, que xogabamos na estrada xeral un grupo de rapaces no que tamén estaba o seu irmán Xabier.

Lembro tamén que cando fun á escola do seu pai, achegábame con Xabier e con outros rapaces á súa casa para ir buscar un caldeiro de auga quente e logo despois preparar, na escola, o leite que nos mandaban os americanos para manter os nenos españois da posguerra. O seu pai, o mestre don Paco, era tamén un extraordinario artesán. Montara na escola un obradoiro para traballar o ferro e a madeira e facía uns coitelos de moita categoría, de distintos tamaños, con cabos de madeira ou de óso. Na miña casa tiñamos varios feitos por el.

Posteriormente, cando foi que se adxudicaron as casas que construíu a Organización Sindical no campo do Pombal, coñecidas como “as casas baratas”, dúas vivendas foron para as nosas familias. Dende entón, e por longos anos, fomos veciños porta con porta. Neses anos Carlos vivía nun ambiente rural e familiar repartido entre a súa familia de Sabucedo, As Lamas, Beiro e o propio Xinzo. Esas vivencias da súa infancia e mocidade han aparecer unha e outra vez na súa obra literaria. Carlos, que deixara o seminario, daquela debía estar estudando no colexio Santa Mariña de Xinzo e participaba con frecuencia nas actividades culturais do centro escolar. Por exemplo, no mes de marzo de 1960 celebrouse a festividade de Santo Tomás de Aquino no colexio, cunha xuntanza artística e cultural no cinema Molinos onde foi representada en función infantil a obra Examen final, xoguete cómico escrito por Carlos Casares en que os personaxes son interpretados por nenos.

Afeccionado ao fútbol, xogaba algún partido co Antela como testemuña algunha fotografía da época, así como a súa pertenza á currobla barcelonista de Xinzo. Alén diso colaboraba coa radio local que, co nome de La Voz de la Limia, emisora sindical de Ginzo, realizaba un importante labor cultural. Carlos participaba co seu amigo Manolo Dobaño nun programa de ortografía, en clave de humor, que se chamaba Orto y Grafo.

Programa de Carlos Dobaño e Carlos Casares: Orto y Grafo.

Programa de Carlos Dobaño e Carlos Casares: Orto y Grafo.

No programa das festas da Santa Mariña de Xinzo, no ano 1967, publica un pequeno artigo en castelán sobre a orixe da palabra Limia, onde manifesta que: el origen de la palabra Limia se pierde en los más oscuros tiempos de la historia. É o ano da publicación do seu libro de relatos xuvenís titulado Vento ferido. Comeza a ser coñocido como escritor, pero na súa vila a fama vénlle cando comeza a colaborar coas súas crónicas nos xornais La Región e La Voz de Galicia. Sona e simpatía que se habían de acrecentar en Xinzo cando comezou a escribir en 1992 as crónicas Á marxe. Nestes bonitos escritos reflictiría  unha chea de vivencias e anécdotas dos lugares e veciños da vila.

Non foi ata o ano 2001 que en Xinzo lle fixemos a primeira homenaxe, e penso que a única en vida. Aproveitamos unha conferencia de Sánchez Dragó en que se descubriu, por parte da asociación Civitas Limicorum, unha placa de mármore na Casa da Cultura que deu lugar a unha simpática e irónica crónica en Á marxe. Logo do seu prematuro pasamento, o pleno do Concello de Xinzo acordou facelo fillo adoptivo e pórlle o seu nome á nova praza pública ao pé da Casa do Concello e da Casa da Cultura.

Despois, un grupo de persoas da vila propuxemos e conseguimos que un dos grupos escolares de Xinzo  coa colaboración do director Manolo Cid, do profesorado e do consello escolar levara o nome de Carlos Casares. Agora tócanos traballar para conseguirmos que o ano 2013 o Día das Letras Galegas estea dedicado á súa figura e á súa obra literaria, méritos que coido que ten de abondo para que así aconteza. (Publicado en 2012 nos Cuadernos Culturais do Limia “LETHES” Nº 11.Edelmiro Martínez Cerredelo.

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s