Lembranzas de nenos en Xinzo

            Os nacidos na dura posguerra e nos anos da fame, crecemos con moitas carencias materiais. A educación nas escolas do franquismo, privadas das mínimas dotacións, con duros invernos que nos facían tremer de frío, frío que mitigabamos levando braseiros feitos de latas de sardiñas, das de tipo pandeireta, e cubertos, os mais afortunados, con grosas zamarras e bufandas. Anos nos que o “amigo americano”, dadas as carencias nutricionais dos nenos españois, nos facilitaba nas escolas vasos de leite en po e racións de queixo de lata, latas que logo do paso polo latoeiro acababan como utensilios das cociñas das nosas nais, tal era a carencia de materiais.

Para divertirnos botabámoslle imaxinación e construíamos os nosos propios xoguetes, espadas e pistolas de madeira, arcos con frechas de varillas de paraugas, pequenos camións coas caixas de puros e rodas de carretes de fío, carrilanas con rodas de madeira ou rodamentos. Tamén faciamos “tirachinas” para ir os paxaros, peóns e paus para xogar a billarda no Pombal. A praza dos ovos era onde xogabamos ás bolas e os peóns. Outros xogos, influencia das películas que ollabamos no Cine Los Molinos e no Cine Antelano, eran os de policías e ladróns,  espadachíns, indios e vaqueiros. Lembro que un especialista para xogar os policías e ladróns, cando viña de vacacións do seminario, era Carlos Casares quen sempre facía de policía, tiña tanta imaxinación que esperabamos ansiosas a súa chegada. Era algo maior que nos e, pasado algún tempo, xa mozo e para a nosa desgraza deixou de xogar con nenos.

Non podía faltar a pelota de trapo, todo un clásico para xogar o fútbol, outras veces era unha pelota de goma que recibía como regalo algún afortunado cando lle mercaban uns zapatos da marca “Gorila”. Xogabamos en prazas, rúas e no verán, cando secaba, na Ladeira que tiña herba. Outro lugar de xogo era a estrada xeral. Tiña o inconveniente de que, de vez en cando, había que parar pois pasaba algún vehículo, eran tan poucos que case sabíamos as horas nas que circulaban. Polo serán non era doado xogar pois eran moitos os camións “pescaderos” que cargados, con caixas de peixe, pasaban a toda velocidade camiño dos mercados en Castela. Tamén tiñamos que velarnos dos gardas municipais, especialmente do famoso Saturnino Bolaño o “Sarillo”, terror dos nenos, que gozaba amolarnos o partido embarcándonos a pelota nun tellado ou quedándose con ela. A súa especialidade, cando fuxiamos da súa presenza, era lanzar a porra para que se enredara nas pernas e afociñaramos o chan.

fútbol en Xinzo de Limia

fútbol en Xinzo de Limia

O que primaba era o fútbol, polo que un grupo de nenos de dez e once anos, corría o ano 1956, decidimos pola nosa conta facer un equipo, o Beón C.F., elixindo a camiseta do Betis. Camisetas que mercamos, cada xogador a súa, pasando a ser propietarios da mesma. Noso primeiro adestrador foi o “Tito Jo”. Xogabamos contra outros equipos de rapaces, especialmente contra os do Barrio de Abaixo e recibimos a visita doutros equipos de vilas veciñas. Algúns tiñamos pantalóns deportivos, outros xogaban con pantalón de vestir e incluso en calzóns.  Ninguén tiña botas axeitadas, utilizabamos zapatos ou zapatóns feitos en Allariz e que mercaban nosos pais nas feiras. Nunha delas, o zapateiro, medíanos a planta dos pés cun pau e para a feira seguinte xa podíamos estrear o calzado.

Cando pouco despois me fun estudar a Ourense, perdín certo contacto co equipo. Falaramos co Carrega, que fora un gran xogador do Antela, e nomeámolo novo adestrador, daquela traballaba co médico don Casto. Por aquel entón sucederon uns feitos que me pesaron na conciencia moitos anos. Eu xogaba como defensa dereito e o fillo de don Casto, o meu amigo Ricardo, xogaba no mesmo posto. Debido seguramente as miñas ausencias, o Carrega, puña como titular o Ricardo ou, se xogaba eu, substituíame no segundo tempo. O asunto tíñame amolado, coidaba que xogaba por favoritismo e por ser o fillo do xefe. Eu era fundador e ademais a camiseta era miña!. A cousa funcionou así ata que desgustado, xa xogaba no equipo do colexio, funo deixando. Entón varios deles viñeron a pedirme que lles entregara a camiseta, aí petaron en ferro frío, a camiseta era miña e non estaba disposto a cedela!. Moito teimaron, ata a miña nai me rogou que lla dera, pediron, rogaron, insistiron, pero eu permanecín impasible. Tanta era a insistencia que a miña nai quixo darlla e, pola miña teima, deume unhas labazadas, pero a agochara de tal forma que non había maneira de atopala. Daquelas non durmía, non me deixaba o remordemento, pero era tan cabezudo que non me permitía ceder e aguantei ata que, tempo despois, abrandei e fun buscar a camiseta para entregarlla, pero para a miña sorpresa, coido que foi un castigo de Deus, os ratos comeranlle parte dunha manga. A partir de entón o defensa dereito do Beón xogou cunha manga mais longa que a outra. Deste “trauma infantil” tiven unha conversa, non fai moito tempo, con Xavier Casares e Alfonso Villarino, entoei o mea culpa pero, sorprendentemente, ningún deles se lembraba do asunto da camiseta. Despois de tantos anos sentinme liberado, dende entón paréceme que durmo moito mellor. Edelmiro Martínez Cerredelo

Artigo publicado no libro “Limiaxinacións” Evocación das terras do Lethes. Cadernos Culturais do Limia. Lethes 10.

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s