A lagoa de Antela ou lago Beón na Limia.

Nela atopábase a lagoa de Antela, que levou tamén noutrora o nome de lago Beón, derivado sen dúbida de Belionis nome que segundo Estrabón lle daban os naturais, de onde debeu derivar o de Oblivionis. Deste talvez se orixinou, por un caso de etimoloxía popular, a lenda de que quen bebía das súas augas perdía a memoria da vida que vivira ata entón e esquecía a súa patria.

Nada ten de estraño por tanto que a lagoa de Antela se comparase coa famosa Estixia da Arcadia, onde todos os mitólogos sitúan a morada de Carón, coa súa barca para transportar os mortos aos Campos Elisios, a onde non poderían arribar sen beberen antes da auga do Leteo. Este Leteo, ou Limia, é o río do esquecemento do que nos fala Pomponio Mela, o Lethes de Virxilio, de Ovidio, de Silio Itálico, de Lucrecio e doutros, aquel en cuxas ribeiras describen os poetas a cidade onde se eternizaba a morada dos que pagaban o Obolo. Os gregos e os romanos instaláronse na Limia, consideraron as vantaxes que tería o desalagamento das augas estancadas, e por medio dalgunhas escavacións quixeron empurrar a lama ata as correntes do Limia, pero desistiron perante a idea de que ao extinguiren o lago do inferno habían de se atopar de fronte aos palacios de Plutón e serían vítimas da ferocidade do horrible Cérbero[1], o can de tres cabezas que gardaba a porta dos infernos, segundo a mitoloxía grega.

Elixio Rivas dinos que:

“O enquellamento para desauga-la Antela debérono levar a cabo os romanos, polo primeiro terzo do século segundo, no mandato do emperador Adriano. Con iso comezou un boom cerealeiro que lle ía deixar sona, á Limia, de farturenta. Daquela crearíase esa especie, que chegou ós nosos días, de la Limia, granero de Galicia, que todos temos lido nalgures. Pero o alcuño que primeiro se deu foi o de Palla Áurea, que leva deica a Idade Media. Conde-Valvís escribía que o enquellamento feito polos romanos se faría entre o ano 117 e o 138 de X. C.” (Sep. Bol. Auriente V, p. 161.)

A lago de Antela ou de Limia era, ata hai unhas décadas, o maior brañal de Galicia, unha das lagoas máis importantes da península Ibérica, non só pola súa extensión, senón tamén pola súa riqueza e diversidade biolóxica. Un índice da súa importancia excepcional eran os miles de aves acuáticas que a utilizaban durante todo o ano, e viñan ademais invernar numerosas especies migratorias para se refuxiaren do cru inverno do norte de Europa.

A lagoa, cun perímetro de trinta e cinco quilómetros e cunha superficie de auga duns corenta e cinco quilómetros cadrados, tiña uns sete quilómetros de longo por seis de largo. O nivel medio da chaira de Antela é de 610 metros sobre o nivel do mar, cunha máxima de 610,42 metros, na zona Vilar de Barrio, e unha mínima de 609,58 metros na ponte do canal, na estrada N-525. Nesta larga chaira, os técnicos non atoparon máis ca unha caída de 84 cm. É un terreo chan coma a palma da man.

Nas súas beiras debruzábanse medio cento de aldeas e vilas que aproveitaban os seus recursos, coma o bión[2], que servía para estrume. Na propia lagoa era importante a caza de patos, a colleita de ovos de distintas aves e mais a pesca de peixes, sanguesugas e ras.

Na actualidade, e despois da desecación, desapareceron todas as zonas húmidas da Limia, agás algunhas pozancas nas veigas de Rairiz e de Ponte Liñares, e as numerosas pozas formadas a partir da explotación de areeiras, na zona da antiga lagoa e do canal do río Limia. (Do meu libro Historia de Xinzo de Limia).

[1]Fernández Alonso, B., 1880, pp. 95-96.

[2]Bión ou beón é o nome dunha especie de xunco, unha palabra viva entre os habitantes da Limia.

 

Lagoa de Antela

Lagoa de Antela

Antiga lagoa de Antela
Antiga lagoa de Antela

Lagoa de Antela
Lagoa de Antela

foto lagoa de Antela - 002 foto lagoa de Antela - 003 foto lagoa de Antela - 004 foto lagoa de Antela - 005 foto lagoa de Antela - 006 foto lagoa de Antela - 007 foto lagoa de Antela - 008

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s